Comezamos o ano cunha nova edición das Foliadas de Inverno de Castiñeiro Milenario, como sempre na Casa do Pobo da Asociación Veciñal do Castro (Begonte).
Nesta ocasión, os eventos previos á foliada, veñen con novidades, pois faremos a presentación do I Ciclo de Cine Galego de Castiñeiro Milenario. Un proxecto que levamos intentando sacar adiante desde hai tempo e que este ano, por fin, vai ver a luz. A primeira cita co Ciclo de Cine (do que teredes novidades en breve) vai ser a proxección do mediometraxe documental de Xurxo Souto e Martín Rodas titulado “Dos Gaiteiros do Mar”. A película proxectarase ás 19:15 e servirá tamén como unha pequena lembranza a un dos seus protagonistas, Lito de Pinténs, recentemente falecido.
Despois deste inicio espectacular, seguiremos co concerto que vai dar a banda de gaitas, Sons da Chaira. A partires da 8 da tarde, a banda vai tocar o repertorio co que representaron, de xeito fantástico, á Escola de música de Rábade, Begonte e Outeiro de Rei no afamado Festival de Lorient este pasado verán.
Logo dun ratiño para repoñer forzas e dar paso aos momentos festeiros coa foliada propiamente dita, que empezará a partir das 21:15, aproximadamente. Nesta ocasión contamos con dous grupos. Por primeira vez, cruzamos a fronteira luguesa e veñen a facer unha festaza das boas, Os Feroces da Galgueira, desde As Pontes, e despois, un dos grupos míticos da música tradicional de Lugo, A Volta do Agro. Sen dúbida dúas agrupacións que van facer que o torreiro se quente en pleno inverno. Ao remate da súas intervencións, comezará a foliada aberta.
Toda a info na nosa páxina web: https://castinheiromilenario.wordpress.com/2019/03/01/foliada-de-inverno-2019/
AC
Castiñeiro Milenario
Pacios, 85 27373 Begonte
http://castinheiromilenario.wordpress.com
https://gl-es.facebook.com/castineiro.milenario
https://twitter.com/CastinheiroMile
https://www.flickr.com/photos/castinheiromilenario/
http://festival27373.wordpress.com/