HENKO: A mirada de Miguel Díaz

HENKO

Miguel Díaz

Título: No oco

O vencello xorde no baleiro. Semento unhas letras que desprezan o abismo e avanzan, funámbulas, polo horizonte, camiño dun lugar ignoto. No oco do marco conflúen os sentimentos e a nudez do verbo. Na mirada, crecente, reméxese un feixe de desexos.

Canto máis me achego, máis grande semella o mundo e o poder das palabras ceibadas.

Pero alongo o preámbulo, degustando o intre anterior ao inmenso. E avanzo, amodo, descifrando as cores da harmonía.

OASIS: As lecturas de Beatriz Dourado

OASIS

Beatriz Dourado

Título do libro: O País do Gran Furado

Autora: Xerardo Quintiá Pérez

Editorial: Baía Edicións

Ano de publicación: 2019

É a literatura infantil territorio exclusivo do público máis miúdo? Coido que certas etiquetas están, a maior parte das veces, para obvialas. Por iso, hoxe, traio unha pequena mostra de que xs adultxs podemos e debemos deleitarnos con textos pensados, en primeira instancia, para a infancia.

No País do Gran Furado de Xerardo Quintiá hai poesía, xustiza, igualdade e, sobre todo, fantasía. Interésame moito este último ingrediente porque creo que é do que debe servirse a literatura, desa capacidade inesgotábel para evocar outros mundos e personaxes que transgridan as pautas convencionais. Ademais, as ilustracións de Noemí López Vázquez contribúen a potenciar o fabuloso imaxinario deste libro.

Sen dúbida, estamos ante unha historia moi ben contada –merecedora do II Premio Fina Casalderrey- que nos devolve unha mirada crítica da sociedade actual. Sóavos de algo o país en que as mulleres pasan todo o tempo traballando? Ou as ameazas que reciben aquelas que desde asociacións, institucións ou outros movementos sociais pretenden mudar as estruturas patriarcais?

Insisto en que, ademais de ler este libro ás crianzas, debemos lelo para nós, para non deixarnos vencer por ese perigoso conformismo que tende a instaurarse en determinadas etapas da vida, para crer en todas as Toribias e ESKORNA- KABRAS que loitan día a día por un mundo mellor.

O País do Gran Furado cabe en calquera bolso ou mochila. Podemos lelo mentres agardamos polo autobús ou tomamos un café nun bar. E quen sabe, quizais tras a súa lectura, recuperemos algo do espírito rebelde que tanta falla nos fai.

OASIS: As lecturas de Beatriz Dourado

OASIS

Beatriz Dourado

Título do libro: Ella pisó la Luna. Ellas pisaron la Luna

Autora: Belén Gopegui

Editorial: Literatura Random House

Ano de publicación: 2019

É a primeira vez que leo a Belén Gopegui e sei que non será a última. Descúbroa grazas a unha mención que Irene Vallejo realiza nun dos seus libros. Nos últimos meses, sen pretendelo, esta vén sendo unha práctica habitual en min: pasar dunha escritora a outra por recomendación dunha primeira. E así vou tecendo, cal Penélope, unha rede de lecturas sororal.

O texto obedece a unha conferencia impartida pola autora en marzo de 2019 no ciclo titulado Ni ellas musas ni ellos genios. Mais poderiamos dicir que o contido desta conferencia é, de entrada, inesperado. A protagonista destas páxinas é, nin máis nin menos, que Margarita Durán, unha grande anónima (coma tantas outras) que merece ocupar, tan sequera, un pouco do noso prezado tempo.

Gustaríame advertir que a voz que conduce esta historia non é a dunha filla. Aínda que achega información de primeira man, á que accede, precisamente, na súa condición filial, este relato transcende o ámbito privado da familia. E, asemade, o relato extrapólase a outras moitas vidas tapadas por algún dedo Sol.

A medida que vou sabendo máis sobre Margarita Durán, vou tirando, simultaneamente, do fío da propia xenealoxía feminina. Atopo demasiados nexos entre a protagonista do libro e algunhas das mulleres que me precederon. A lectura acaba por converterse nun exercicio de introspección e agradezo que me coloque nese terreo pantanoso dos interrogantes.

Que foi dese talento que non puideron desenvolver (elas)? Que camiños seguirían as súas vidas de teren a oportunidade de exercelo? Por que atopo tantos obstáculos para dedicar o meu tempo ao que realmente desexo? Quen me pasou este testemuño? Quen me di “cala nena, cala”?

O persoal segue sendo político e Belén Gopegui lémbrao, cunha escrita honesta e comprometida, nestas páxinas. Non por casualidade recolle esta cita de Adrienne Rich, que hoxe copio nun post- it: “Nadie nos dijo nunca (a las mujeres) que tendríamos que estudiar nuestras vidas (…) como si fueran historia natural o música”.