por Beatriz Dourado | Sep 2, 2023 | Autores/as, Colaboracións, Creación, Literaria, Oasis, Xeral
OASIS
Beatriz Dourado
Título do libro: LIBRO DE ALICIA
Autora: Olalla Cociña Lozano
Editorial: Espiral Maior
Ano de publicación: 2008
Rematou agosto, que non o verán, mais unha sente que deixou xa atrás un tempo de lecturas dilatadas ao sol, ás que ir e volver con toda a calma do mundo. Así a todo, algunhas conseguen traspasar esta fronteira e coarse entre as rutinas aceleradas de setembro. Tal é o caso do Libro de Alicia. Lembro e volvo a un dos poemas finais:
“rematando o verán
amósanos as cicatrices, a boca desdentada
coma unha experta actriz
preséntaste ante nós rota
e ensinas sen pudor o teu catálogo de remendos”
Alicia revélasenos de múltiples formas, prevalecendo ao longo destas páxinas unha delicada tenrura que acompaña á extinción dun modo de vida: o rural. Memoria e identidade, mais tamén fantasía, son algúns dos elementos cos que a autora, Olalla Cociña, vai artellando este marabilloso libro, galardoado co VIII Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño.
Certamente, pareceume asistir a unha poética dos sentidos, na que converxe o telúrico co tacto. A punto estiven de facer unha cunca coas mans, con tal de apañar unhas poucas migallas para os días de outono.
por Beatriz Dourado | Ago 3, 2023 | Autores/as, Colaboracións, Creación, Literaria, Oasis, Xeral
OASIS
Beatriz Dourado
Título do libro: Un carmen en Granada. Memorias de un hispanista dublinés
Autora: Ian Gibson
Editorial: Tusquets
Ano de publicación: 2023
Durante as últimas semanas, cargadas de grande intensidade política, quixen repasar, quizais por certa analoxía co que estabamos a vivir, algúns dos acontecementos previos á Guerra Civil. Volvín aos apuntamentos académicos, que aínda conservo, e vin algúns documentais e programas de televisión, xa desaparecidos, coma La Clave. Aí dei co final dos días dun dos poetas que máis admiro: Federico García Lorca.
Visualicei, asemade, a serie Lorca, muerte de un poeta, coa angustia de saber que o docudrama relataba un dos episodios máis terríbeis e inxustos da nosa Historia. Tirando do fío, descubrín que a serie partía do libro La represión nacionalista de Granada en 1936 y la muerte de Federico García Lorca de IanGibson. Resultábame imprescindíbel, desde ese momento, saber algo máis sobre o escritor que, con tal fervor fervor lorquiano, recompilou aquel valiosísimo material. Así foi como cheguei ás páxinas de Un carmen en Granada.
A través destas memorias, coñecemos, por voz do autor, como transcorreu a súa infancia no seo dunha familia protestante irlandesa. A rixidez do puritanismo relixioso marcará eses primeiros anos de vida, non exentos de medos e conflitos internos. Pouco a pouco, descubrimos o Ian adolescente, que nos revela a paixón pola natureza e a ornitoloxía, en particular, até chegarmos ao hispanista comprometido coa democracia e o antifascismo. Talvez fose esa etapa adulta, pola súa investigación coma biógrafo de Lorca, a que máis me interesaba nun principio, porén recoñezo que a primeira, ademais de interesante, é esencial para comprendermos algunhas conexións que se poden estabelecer entre a súa vida e a do citado poeta.
En definitiva, Un carmen en Granada –soño cumprido polo dublinés, xa que pasou unha tempada nunha desas típicas casas granadinas con xardín secreto- déixanos ver, desde a honestidade afastada de calquera fabulación, os labirintos vitais de quen entregou boa parte do seu tempo á recuperación da memoria colectiva dos pobos ibéricos.
por Beatriz Dourado | Jul 2, 2023 | Autores/as, Colaboracións, Creación, Literaria, Oasis, Xeral
OASIS
Beatriz Dourado
Título do libro: La historia de los vertebrados
Autora: Mar García Puig
Editorial: Penguin Random House
Ano de publicación: 2023
Veño de ler por primeira vez a Mar García Puig tras comprobar, durante semanas, a boa acollida que está a ter La historia de los vertebrados nas redes. Certo é que non todo o que pulula por estes lares cumpre coas expectativas que ten unha, porén, neste caso, acostumo a pór o filtro, non tanto no número de persoas que recomendan a súa lectura, como en quen a recomenda. Non defrauda. Anoto outra autora máis á listaxe de descubrimentos.
A obra constitúe un híbrido entre a novela e o ensaio, transitando, tamén, pola poesía. A temática xira ao redor da maternidade e a saúde mental, sendo ambos elementos indisolúbeis nesta realidade que se nos presenta. É difícil non entoar un “eu tamén” a medida que a autora vai describindo espazos do íntimo escasamente nomeados. Ráchase un silencio socialmente admitido para abrir novas fiestras onde airear as palabras que levamos cosidas á pel. Velaí o persoal e o político, sempre conectados por un delicado cordón umbilical.
As referencias documentais a ingresos sanitarios de mulleres, tanto anónimas coma coñecidas, por “loucura puerperal” vanse entretecendo perfectamente co relato da propia autora tras dar a luz a un neno e unha nena. Deste xeito, tal e como manifesta a escritora, cando estoupamos, caemos sobre o leito mol de todas as nais tolas que nos precederon. A pegada das devanceiras no modo en que nos comunicamos con nós mesmas e o exterior semella incuestionábel.
En definitiva, un libro non apto para quen trate de buscar acougo ou respostas rápidas. E, pola contra, un libro moi necesario para quen opte por conxugar a dúbida e a incerteza coas múltiples formas de amor que agroman na vida.
por Beatriz Dourado | Jun 2, 2023 | Autores/as, Colaboracións, Creación, Literaria, Oasis, Xeral
OASIS
Beatriz Dourado
Título do libro: Ultraluz
Autora: Ledicia Costas
Editorial: Centro PEN Galicia
Ano de publicación: 2022
Achégome a Ultraluz con certa curiosidade. Teño lido varias obras de Ledicia Costas, destinadas tanto ao público infantil- xuvenil coma ao adulto, mais sempre desde a narrativa. Descoñecía a súa faceta poética. Que podería atopar tras da mirada fixa desa nena da portada, que nos evoca a unha Alicia no País das Marabillas, sostendo unha enorme cunca?
Efectivamente, seguindo os pasos desa intuición, descubro que as páxinas de Ultraluz están impregnadas pola maxia da infancia. A autora artella, desde ese fío da fantasía, que tan ben manexa, un cosmos de luces e sombras, convidándonos a entrar nel e a beber, coma o resto de criaturas, da apócema da beleza.
Sorpréndeme novamente Ledicia Costas, porque aínda recoñecendo algúns dos trazos da súa escrita, é quen de ofrecernos unha poesía diferente. Unha poesía que chama por nós, coma un personaxe misterioso, para mergullarnos nun universo tan real e onírico asemade .
“alá onde remata o mundo
mordemos as costuras para ser libres”.
por Beatriz Dourado | Abr 30, 2023 | Autores/as, Colaboracións, Creación, Literaria, Oasis, Xeral
OASIS
Beatriz Dourado
Título do libro: Escritoras
Autora: Carmen G. de la Cueva
Ilustradora: Ana Jarén
Editorial: Lumen
Ano de publicación: 2023
Hoxe traio a este espazo unha das últimas novidades da editorial Lumen: Escritoras. Realmente, non sei ben como definir este libro –se é que iso é algo indispensábel á hora de falarmos sobre lecturas-. A obra narra, parcialmente, a vida dalgunhas destacadas escritoras (Carmen Baroja, María Lejárraga, María de Maeztu, Elena Fortún, Carmen Laforet ou Carmen Martín Gaite, entre outras) sen pretender a exhaustividade da biografía. Mais a narración ten algo especial que nos atrapa desde a primeira páxina. Percíbese nela unha amálgama de sensibilidade e tenrura, perfectamente artelladas a través de cada palabra e ilustración. E é que Escritoras pode abrirse coma unha caixa de costura que vai fiando o pasado e o presente das mulleres que buscaron e buscamos incesantemente un cuarto propio para escribir.
O fío que conecta todas estas vidas, incluída a da propia autora –nai e escritora-, é o da sororidade. Porque se algo queda patente despois da súa lectura é que a historia das creadoras vai ligada á da cooperación e o apoio mutuo entre compañeiras. Sorprendeume enormemente a información recompilada neste volume, que amosa extractos de correspondencia entre escritoras de diferentes tempos, como é o caso do contacto epistolar entre Elena Fortún e Carmen Laforet. Emocioneime moito ao lelo. Sentín que todas compartimos unha resistencia, á de escribir desde as marxes, rebelándonos contra tantos séculos de dogma e imposición.
En definitiva, un libro contra o silencio, un libro para enchernos de azos e alegría. Un libro que nos empurra a crer na nosa valía porque, tal e como sinala Carmen G. de la Cueva, cando unha muller escribe non pertence a ninguén máis que a ela mesma.