O Gran Prix das Carrilanas de Esteiro presenta o cartel da súa XXXV edición, que terá lugar do 19 ao 21 de xullo
O evento, declarado Festa de Interese Turístico Nacional, e que no 2023 contou con 35.000 asistentes, conta cunha programación cultural dirixida a todos os públicos, á fin de difundir e poñer en valor todo o imaxinario vinculado aos xogos populares da tradición galega
O Gran Prix das Carrilanas de Esteiro xa ten cartel para a súa XXV edición, que se celebrará os días 19, 20 e 21 de xullo na comarca do Barbanza. A axencia creativa oleiresa Guillotina Estudio é a responsable do deseño do cartel deste grande evento familiar, declarada Festa de Interese Turístico Nacional e que o ano pasado reuniu a máis de 35.000 asistentes.
Esteiro acollerá, do 19 ao 21 de xullo, un dos eventos de referencia do verán galego e que xira arredor da promoción e posta en valor das carrilanas, vehículos artesanais, feitos de madeira, que descenden sen axuda de motor polo circuíto de ‘O Maio’, situado na localidade. A singularidade desta festividade, que mantén viva unha proposta que ten a súa orixe nos xogos populares de tradición galega, fai que o Gran Prix das Carrilanas de Esteirosexa, alén dun orgullo para a súa veciñanza, unha cita ineludible para as amantes da artesanía, da velocidade e da tradición.
A competición do Gran Prix, que este ano celebrará o 21 de xullo o seu 35º aniversario, está aberta a todas a idades e xéneros e conta con tres categorías: Infantil (que poden pilotar as nenas e nenos menores de 18 anos ou acompañados de maiores), Carrilanas lentas (nas que prima a diversión e os disfraces) e Carrilanas rápidas, a máis espectacular de todas e, posiblemente, a proba de velocidade máis intensa de Galicia.
A inscrición no Gran Prix, que é gratuíta, terá lugar o sábado 20 de xullo, de 12.00 a 15.00 horas, na Alameda de Esteiro. Esa mesma xornada levaranse a cabo as verificacións técnicas e administrativas así como a proba da Pole Position. Toda a normativa sobre o Gran Prix das Carrilanas de Esteiro está dispoñible na páxina web www.carrilanasesteiro.gal
Programación cultural para todos os públicos
O Gran Prix complétase cunha programación cultural, aberta a todos os públicos, que ten lugar durante os tres días de celebración do grande espectáculo galego das carrilanas. Ademais de actividades diurnas, coma concertos para público infantil e familiar, obradoiros ou contacontos, ao programa inclúe un mercado tradicional de artesanía e un festival de música gratuíto, nomeado como Festival das Carrilanas, e que este ano contará coa participación, entre outras formacións, de Tanxugueiras, Sidecars, The Rapants, Mondra, Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre, Capital Voskov, Monoulious DOP, Lontreira e Galician Army. Nas vindeiras semanas daranse a coñecer as actuacións musicais que completarán a programación cultural da festa das carrilanas en Galicia.
García Mc lanza o videoclip do seu novo tema “Mírame!”, no que critica duramente o xenocidio en Palestina. Nun vídeo no que xoga coas sombras para recrear imaxes crúas, o rapeiro amosa o seu apoio cara o sector máis castigado no conflito, os nenos. Tras a boa acollida do lanzamento do tema, García mantén o compromiso social que o caracteriza para dar forma a unha representación visual da canción cargada de reivindicación e crítica aceda.
“Mírame!”, presentada o pasado xoves baixo a produción de Petrowski (Ezetaerre), xúntase a “Quen Son Eu?” e “Aguardiente” como temas publicados recentemente por parte do rapeiro. Preto está xa o seu próximo traballo discográfico, que recibirá o nome de “Sergio Manuel”, e que será un EP de carácter autobiográfico. “Mírame!” é unha paréntese nos lanzamentos do seu novo disco, a modo de canción urxente polos nenos de Palestina.
Por outra banda, ábrese unha nova etapa para o rapeiro, que vén de anunciar fai escasos días o peche do ciclo ca Nación Quilombo. Tras 7 anos de traxectoria nas que creou unha banda rapeira de músicas do mundo, García Mc pecha esta etapa para abrirse a novos horizontes artísticos e creativos que anunciará en breve. As últimas oportunidades de desfrutar deste directo único en Galicia serán este 2024. Un directo que destacou por presentarse ante máis de 20.000 persoas na praza coruñesa de María Pita, entre outras datas moi sinaladas como a do Apóstolo en Santiago. O icónico Festival Revenidas será o lugar encargado para facer a despedida máis pública da Nación Quilombo, cun concerto especial no que interpretarán os seus grandes éxitos. O evento realizado en Vilaxoán de Arousa confirmou o seu concerto para o venres 13 de setembro no último avance de artistas publicado a semana pasada.
MÁIS SOBRE GARCÍA MC
García Mc é un dos grandes referentes da cultura hip-hop en Galicia. O rapeiro galego leva mudando o panorama musical os máis de 25 anos que leva en activo, destacando por levar as súas rimas lonxe das fronteiras galegas con diversas incursións por Latinoamérica, polo afán didáctico e divulgativo que o levou a impartir clases e obradoiros sobre cultura hip-hop e rimas, ou polo seu interese na combinación de xéneros con enfoque multicultural. O seu éxito quedou patente en concertos como o da de María Pita en 2022, ante 20.000 persoas que celebraban as festas da Coruña, así como en numerosos concertos en países como Portugal, Dinamarca, Cuba, Guinea-Bissau ou México, ou na participación en grandes festivais como o SonRías Baixas en 2022 ou o Festival Noroeste da Coruña en 2023.
En 2023, García Mc comezou a asentar as bases do que será o seu próximo traballo co adianto de “Quen son eu?”, que conta coa colaboración con Xisco Feijoo, e “Aguardiente”, no que colaboran artistas do mítico grupo Orishas, Julio Maloa, integrante de La Raíz, ou Dj Hazhe. Estes temas estarán incluídos no seu novo EP titulado “Sergio Manuel”, que verá a luz nos próximos meses e terá un carácter autobiográfico co que promete sorprender de novo ao seu público, amosando así a súa clara faceta innovadora, versátil e inconformista. “Mírame!” irrompe momentaneamente entre os lanzamentos do seu novo disco dada a situación urxente pola humanidade na Palestina Histórica, ao verso de: “Neno palestino, este é o meu rezo, a túa dignidade e luz eu agradezo”.
A compañía galega de distribución alimentaria e a entidade Camino Escena Norte AIE ratificaron hoxe o acordo de colaboración
A sexta edición do proxecto de intercambio de artes escénicas celebrarase do 13 de setembro ao 27 de outubro en Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra
Por cuarto ano consecutivo, a compañía galega de distribución alimentaria Vegalsa-Eroski apoia o proxecto de intercambio de artes escénicas Camiño Escena Norte. Faino como patrocinador oficial desta sexta edición, afianzando así o seu compromiso por esta iniciativa que promove o intercambio cultural entre Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra.
Na sinatura do acordo estiveron presentes a directora de Sostibilidade e Comunicación Corporativa de Vegalsa-Eroski, Gabriela González; e por parte de Camiño Escena Norte o seu coordinador, Diego V. Meizoso. O acto contou tamén con parte do elenco da compañía Píscore-Culturactiva, unha das 3 compañías galegas que participará este ano o programa coa súa montaxe Molto Barroco.
“Desde Vegalsa-Eroski estamos moi contentos de renovar este acordo de colaboración, que nos permite consolidar o noso compromiso co ámbito das artes escénicas en Galicia e nas demais comunidades veciñas. Con esta firma, pretendemos contribuír á promoción da nosa cultura, que constitúe un dos atributos patrimoniais máis importantes e que nos representan como territorio e nos conectan coas sociedade”, destacou Gabriela González.
“Para Camiño Escena Norte é unha satisfacción que Vegalsa-Eroski forme parte do proxecto como o noso patrocinador oficial por cuarto ano consecutivo. A aposta da marca polo noso proxecto cultural e o seu apoio e compromiso foron fundamentais para o desenvolvemento e estabilidade do mesmo, nunha alianza entre o sector cultural e creativo e o mundo da empresa que nos parece fundamental e que posibilita que este ano vaiamos ter actividades en case 30 sedes de Galicia e o Principado de Asturias”, indicou Diego V. Meizoso.
Expansión de Constelacións
Camiño Escena Norte continúa co seu compromiso de promover o intercambio escénico, artístico e profesional entre compañías de Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra. A edición de 2024 contará cunha programación especial que se celebrará do 13 de setembro ao 27 de outubro, na que participarán 15 compañías de teatro, danza e artes do movemento e novo circo mostrando os seus espectáculos en máis de 60 localidades dos cinco territorios.
A sexta edición de CEN mantén o número de compañías participantes (un total de 15) no ciclo de representacións, nomeado Constelacións. Galicia exportará talento aos demais territorios grazas á representación das compañías Ibuprofeno Teatro con Deadpan Karaoke; Píscore-Culturactiva con Molto Barroco e Colectivo Glovo con Tabú. Pola súa banda, Asturias intervirá neste intercambio cultural con La Westia Producciones e Ada Byron: A tecedora de números; Adrián Conde Espectáculos e Check out, e Teatro Plus, que representará Geometría del alma.
Cruzamentos, intercambio artístico
O programa Cruzamentos, deseñado para promover o intercambio escénico, artístico e profesional entre compañías, é unha das pedras angulares de camiño Escena Norte. Nesta sexta edición, esta rede de estancias acollerá dous proxectos, un deles da compañía galega Furia Sotelo, escollido entre os 18 presentados en 2024, e nos que estaban implicadas máis de 30 compañías das cinco Comunidades CEN. Na comisión de avaliación participaron profesionais de prestixio como a dramaturga e directora adxunta do Centro Dramático Nacional, Fefa Noia, e a bailarina e responsable de desenvolvemento de proxectos de Dantzaz Centro de Creación Coreográfica Internacional, Bertha Bermúdez.
El vacío que llena, da galega Furia Sotelo en colaboración cos cántabros Babirusa Danza, desenvolverase entre o 14 e o 22 de outubro na Casa Vella (Amiadoso, Ourense), un espazo de creación artística, encontro, mediación e dinamización do contexto rural.
Espectáculo Recomendado, marca de calidade
En 2024, CEN editou a segunda edición do Catálogo de Espectáculos Recomendados Camiño Escena Norte, unha publicación que serve de promoción das trinta producións seleccionadas e apoio á súa distribución fóra do ámbito do proxecto. O obxectivo deste segundo catálogo é que sirva como outra ferramenta máis para a visibilización, difusión e distribución das artes escénicas profesionais galegas, asturianas, cántabras, vascas e navarras fóra das súas fronteiras. A programación do programa Constelacións de 2024 saíu desta selección.
Oficina CEN de Cooperación Escénica
Unha das novidades da edición de 2024 é a Oficina CEN de Cooperación Escénica. Esta nova proposta, que conta co apoio do Ministerio de Cultura, funcionará de maneira permanente como entidade independente de apoio ás compañías e proxectos, dando continuidade durante todo o ano aos obxectivos do proxecto, máis aló das datas da súa programación oficial.
Sobre Vegalsa-Eroski
Vegalsa-Eroski conta en Galicia, Asturias e Castela e León con 285 establecementos entre propios e franquiados baixo as marcas comerciais hipermercados e gasolineiras Eroski, supermercados Eroski Center, Autoservizos Familia, Cash Record, Eroski City, Aliprox e Eroski Rapid. A súa estrutura comercial en Galicia esténdese polas 4 provincias galegas e conta cunha moderna plataforma de mercadorías xerais, situada en Sigüeiro, A Coruña, dotada con tecnoloxías loxísticas de última xeración, ademais das plataformas de produtos frescos da Coruña e centros de redistribución en Vigo e Ourense.
Sobre Camiño Escena Norte
CEN naceu co obxectivo de promover o intercambio cultural a través das artes escénicas, tomando como referencia e fío condutor os camiños que transitan polo norte da Península Ibérica e que teñen, como destino final, Santiago de Compostela. Desde a súa primeira edición, celebrada en 2019, CEN levou o teatro, a danza, as artes do movemento e o novo circo a escenarios afastados, en moitos casos, dos circuítos habituais de programación, favorecendo así o acceso a este tipo de propostas á veciñanza de diferentes municipios e localidades.
CEN é unha iniciativa promovida polas propias asociacións profesionais de produtoras de artes escénicas Escena Galega (Galicia), EscenAsturias (Asturias), ACEPAE (Cantabria), Eskena (Euskadi) e ESNA (Navarra). Todas elas únense na supraentidade Camino Escena Norte Agrupación de Interese Económico, creada especificamente para o desenvolvemento, xestión e produción deste proxecto.