Desgarradura – Víctor Longás e Lucas Ares inician a súa ‘Residencia Paraíso’ na MIT de Ribadavia

Desde este luns, día 8, e até domingo 21 de xullo, no marco das Residencias Paraíso 2024, impulsadas polo Colectivo RPM, os creadores desenvolverán o seu proxecto de creación ‘The Miracle Worker, que nace da necesidade de conectar co lugar de orixe, tras formarse e madurar fóra del

Unha vez finalizada a súa residencia, a compañía madrilena ofrecerá unha mostra aberta do seu traballo en proceso, que terá lugar no marco da MIT, na Igrexa da Madalena o domingo21 de xullo, ás 20.30h, con acceso libre

Paralelamente, Desgarradura participará, xunto ao resto de Artistas Paraíso 2024, nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 20, 21 e 22 de setembro na Illa de San Simón 

Residencias Paraíso é un proxecto impulsado polo colectivo RPM que conta co financiamento da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais e das distintas institucións coprodutoras do programa: Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Concello de Pontevedra, Concello de Vimianzo, Concello de Carballo, Concello de Ribadavia e Fundación Cidade da Cultura de Galicia

Os artistas Lucas Ares e Víctor Longás, da compañía madrileña Desgarradura, inician a súa andaina na oitava edición das Residencias Paraíso 2024 este luns, 8 de xullo, no marco da 40ª edición da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (MIT). As Residencias Paraíso son un programa anual de residencias artísticas para a danza e as artes vivas pioneiro no noso territorio, promovido polo Colectivo RPM. 

Igrexa da Madalena acolle, desde hoxe e até o domingo 21 de xullo, a cuarta destas residencias artísticas de 2024, en torno á proposta do tándem creativo que ten por título The Miracle Worker, un proxecto de creación escénica de Desgarradura que nace da necesidade de conectar co lugar de orixe, despois de saír da terra e formarse e madurar fóra dela, lonxe da familia e das raíces, coa intención de construir un dispositivo escénico capaz de imaxinar o milagre do reencontro.

Unha vez finalizada a súa residencia artística, Lucas Ares e Víctor Longás ofrecerán unha mostra aberta do seu traballo en proceso, que terá tamén lugar na MIT, na Igrexa da Madalena de Ribadavia, o domingo, 21 de xullo, ás 20.30h, con acceso libre ata completar a capacidade do espazo. Paralelamente, os creadores participarán, xunto ao resto de ‘Artistas Paraíso 2024’, nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 20, 21 e 22 de setembro na Illa de San Simón

SOBRE O PROXECTO

The Miracle Worker nace da necesidade dos membros da compañía de conectar cos seus lugares de orixe. Recordar, reimaxinar, reescribir, revivir… “só ten sentido se volvemos a onde todo comezou”. Despois de saír da terra e formarse e madurar como artistas fóra dela, lonxe das súas familias e raíces.

The Miracle Worker busca crear xuntos coa idea de estar en escena, de activar co corpo este dispositivo milagroso que permite recordar, revivir e continuar vivindo. Busca armar un dispositivo escénico capaz de seguir obrando o milagre, traballando os conceptos de fogar, familia, recordo, perdón, reinterpretación, representación, culpa e milagre dende unha perspectiva física. Contrastando o traballo co vídeo en directo en espazos non convencionais.

The Miracle Worker é un proxecto de creación da compañía madrileña Desgarradura que nace da necesidade de conectar co lugar de orixe, despois de saír da terra e formarse e madurar fóra dela, lonxe das súas familias e raíces, coa intención de construir un dispositivo escénico capaz de imaxinar o milagre do reencontro. 

SOBRE A COMPAÑÍA

Lucas Ares (actor, bailarín e creador escénico) e ctor Longás (escenógrafo, artista plástico e creador escénico) coñécense no contexto da Real Escuela Superior de Arte Dramático de Madrid en 2017 e comezan a traballar xuntando as súas visións afíns sobre a escena en diferentes proxectos.

Desde 2021, baixo o nome de Desgarradura, estrearon varias pezas de creación propia, como ptico de Verónica, no Teatro de La Abadía, no marco de Domingos de Insurrección, festival de creación contemporánea en espazos non convencionais e que puido verse noutros espazos como o Contenedor Cultural da UMA; ou Criadas, no Teatro Quique San Francisco, dentro do segundo festival Sala Joven, que presentouse, tamén, no Salón Teatro do Centro Dramático Galego.

O traballo que realizan en Desgarradura sitúase no espazo de converxencia entre as artes plásticas e as linguaxes propias das escénicas, un espazo cheo de tensións, onde entender e expandir o acto escénico en si. Exploran o cruzamento entre corpo, obxecto, movemento, palabra e imaxe, con especial interese nas súas afeccións corporais, en proxectos escénicos, plásticos e de investigación, desde o performativo e as iconas da cultura popular. Colocan no centro da súa práctica o uso de vídeo en directo como elemento narrativo fundamental das pezas, experimentando coa imaxe e os modos de xerar presenzas en escena.

IS INFORMACIÓN SOBRE AS RESIDENCIAS PARAÍSO

Promovido polo Colectivo RPM –entidade independente dedicada ao impulso da danza e a creación contemporánea en Galicia–, o programa Residencias Paraíso 2024 diríxese a artistas de Galicia, España e Portugal, con maior ou menor traxectoria, que precisen recollerse de forma intensiva arredor dun proxecto de investigación ou creación durante dúas ou tres semanas. A iniciativa conta cun importe total de 22.000€ e, neste 2024, acollerá 9 propostas en residencia –cunha dotación económica de entre 1.500 e 3.000€ (impostos incluídos) cada unha– para favorecer as distintas fases do proxecto artístico seleccionado, desde a investigación, a escritura, o traballo dramatúrxico, a creación coreográfica ou, tamén, as residencias de carácter técnico.

Neste 2024, as residencias artísticas desenvolvense entre abril e outubro no Pazo da Cultura de Narón, o Pazo da Cultura de Carballo, a Casa da Cultura de Vimianzo, o Vello Cárcere de Lugo, a Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, o Salón Teatro do Centro Dramático Galego, o Pazo da Cultura de Pontevedra e a Igrexa da Madalena de Ribadavia. Paralelamente, as e os artistas residentes seleccionadas e seleccionados participarán nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 20, 21 e 22 de setembro na Illa de San Simón. 

Entre os 203 proxectos recibidos na actual convocatoria das residencias, o Colectivo RPM seleccionou a Sergio Marey, Fran Rodríguez & Brais Pombo, Ana Cotoré, Desgarradura, Noela Covelo Velasco & Élise Moreau, Cris Balboa, Lucas Damiani, José Ramón Hernández / Osikán – vivero de creación e Furia Sotelo como ‘Artistas Paraíso 2024’.

Residencias Paraíso vai na procura de artistas de danza e artes vivas preocupadas e ocupadas polas derivas do seu tempo. Pretende fomentar a aparición de novos proxectos de investigación e creación arredor das novas linguaxes contemporáneas, alimentando o campo de acción da comunidade artística do noso territorio, tanto a que xa existe como a que está por chegar. Normalizar o concepto de residencia artística resulta fundamental para o presente e o futuro das políticas culturais en Galicia, porque significa atender e respectar o espazo e o tempo dedicado á investigación artística, o verdadeiro xerme de todo o que virá.

O maior valor de Residencias Paraíso é que sucede grazas a unha rede que atravesa de norte a sur o noso territorio a través da colaboración de espazos de distinta natureza, desde teatros ou centros culturais até espazos non convencionais. O exercicio de diálogo entre todas as partes (impulsores, coprodutores e espazos cómplices), dota dunha identidade singular ao programa. Ao longo da súa historia, nas Residencias Paraíso participaron artistas e colectivos como Brigitte Vasallo, Clara Pampyn, Luísa Saraiva, Fernando Epelde, Marcia Vázquez, Natalia Fernandes, Hermanas Gestring, Diego Anido, Compañía Elahood, Andrea Quintana, Alejandra Balboa, María Roja ou Laila Tafur, entre moitas outras. 

Residencias Paraíso é un proxecto interinstitucional do Colectivo RPM en colaboración coa Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Industrias Culturais. Está coproducido pola Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, o Concello de Pontevedra, o Concello de Vimianzo, o Concello de Carballo, o Concello de Ribadavia e a Fundación Cidade da Cultura de Galicia. E conta cola colaboración do Centro Dramático Galego, O Vello Cárcere de Lugo, o FIOT – Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o Pazo da Cultura de Narón e o Padroado da Cultura do Concello de Narón.

SOBRE O COLECTIVO RPM

Colectivo RPM é un colectivo de artistas vencellados á danza e ás artes vivas que imaxina, deseña e acompaña proxectos contextuais desde Galicia. Manteñe un claro compromiso polo diálogo interinstitucional e co impulso de iniciativas ao redor da creación contemporánea, a investigación e a visibilidade da comunidade artística da danza e as artes vivas. 

Ademais do acompañamento de artistas e procesos, o colectivo tamén xera diálogos e accións coas comunidades locais para achegar a práctica artística á cidadanía. Dentro das liñas de acción do Colectivo RPM destaca o programa Residencias Paraíso -construído cunha rede de teatros e espazos cómplices en Galicia- que lanza unha convocatoria anual para acoller en residencia a distintos artistas ao longo do ano, despregando unha serie de programacións expandidas abertas ao público. Este programa esténdese fóra de Galicia na liña Cruceiros Paraíso que posibilita abrir liñas de colaboración con outros espazos estatais e internacionais.

2024.07.08.-NP-Residencias-Paraiso-Desgarradura

Festival de Autoedición e BD Autobán celebra neste 2024 o seu 10º aniversario

Os días 16 e 17 de agosto terá lugar na Coruña a décima edición do Festival de Autoedición e BD organizado pola Asociación Cultural Autobán, que se desenvolverá en paralelo á celebración de Viñetas desde o Atlántico 2024 

O ilustrador José Domingo é o autor do cartel deste 10º Autobán, nun homenaxe a estes 10 anos de traxectoria do evento, xa que tamén foi el quen deseñou o cartel da primeira edición de Autobán celebrada en 2014

Moitas das xoves promesas que gañaron o Combate de Debuxantes de Autobán nesta década de historia acabarían por converterse en historietistas e artistas de renome, como Xulia Vicente, Cynthia Alfonso, Xulia Pisón, Paula Freire, Teresa Ferreiro, Jorge Parras, Paz Rodríguez ou Aisha Rey

Autobán celebra neste 2024 o seu 10º aniversario. Os días 16 e 17 de agosto terá lugar na Coruña a décima edición do Festival de Autoedición e BD organizado pola Asociación Cultural Autobán, que se desenvolverá en paralelo á celebración de Viñetas desde o Atlántico 2024. O ilustrador José Domingo é o autor do cartel deste 10º Autobán, nun homenaxe a estes 10 anos de traxectoria do evento, xa que tamén foi el quen deseñou o cartel da primeira edición de Autobán celebrada en 2014. 

Entre os fitos do Autobán nesta década de historia cabe destacar que moitas das xoves promesas que gañaron o. seu Combate de Debuxantes acabarían por converterse en historietistas e artistas de renome, como Xulia Vicente, Cynthia Alfonso, Xulia Pisón, Paula Freire, Teresa Ferreiro, Jorge Parras, Paz Rodríguez ou Aisha Rey.

SOBRE A HISTORIA DO AUTOBÁN

O Autobán xurdiu en agosto de 2014 na Coruña como unha alternativa independente ao festival de cómic galego de referencia, o Viñetas desde o Atlántico. Un grupo de autores e debuxantes locais que non acababan de atopar un oco para os seus fanzines no marco deste evento decidiron crear o seu propio festival paralelo de autoedición, seguindo o modelo de moitas outras citas que empezaron a proliferar polo estado na mesma época.

A primeira edición argallouse en poucas semanas recorrendo á xenerosidade dos amigos e aos recursos de internet para compensar a falta de orzamento e de medios. Foi un modesto festival cun mercado onde se presentaron unha vintena de publicacións e varias actividades paralelas, como faladoiros ou o Combate de Debuxantes, que sería unha das súas marcas de identidade xunto ao brilé brutal.

De natureza nómade e improvisada, tras pasar por diversos emprazamentos, o local autoxestionado Nave 1839 converteríase na súa sede oficiosa. Esta unión daría lugar a un spin-off invernal de dimensións máis reducidas, o Autobom. Este modelo autoxestionado mantívose até que chegou a covid-19. A pandemia obrigou a reformular como se viñan facendo as cousas e, tras unha edición dixital en 2020, o proxecto renacería asumindo novos obxectivos coa fundación da Asociación Cultural Autobán no ano 2023.

Tras consolidar durante este último ano un clube de debuxo mensual no que participaron ducias de debuxantes locais, o Autobán chega en 2024 ao seu 10º aniversario afianzando o emprazamento do seu mercado de verán na céntrica Praza de San Andrés, onde máis de 70 expositores de toda a península reciben un fluxo constante de visitantes que repercute nun éxito de vendas. O evento mantén o patrocinio de entidades como Punto Gal e a colaboración co Viñetas desde o Atlántico, con quen organiza un concerto ilustrado no Teatro Colón. Pero a principal e máis ambiciosa novidade, grazas ao apoio do Concello da Coruña, é a convocatoria do I Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego, cunha dotación económica de 1.250 €. 

Ademais do seu xa clásico mercado de fanzines, entre as actividades que regresarán este ano a Autobán destacan o brilé brutal, o Autobombo (minipresentacións rápidas dos proxectos participantes), os concertos ilustrados, o Autolab (un laboratorio de banda deseñada experimental), as pinchadas de dj’s ou o Minibán (obradoiros pensados para os máis cativos), sen esquecer a impresión do Autozine, a súa publicación anual gratuíta.

FITOS DUNHA DÉCADA DO AUTOBÁN

Ademais das persoas gañadoras do Combate de Debuxantes, outros autores destacados coma Jano Viñuela, Diego Burdío, Paula Esteban ou David Calviño colaboraron como creadores dos pósters para esta cita ao longo dos anos.

As sedes máis populares do Autobán foron a añorada Nave 1839 e a actual Praza de San Andrés, pero o festival tense movido por toda A Coruña: celebrou edicións no espazo The Room, nos bares Old School, La Maleta, Ledicia, Meliora, Bar 13 ou Monty, na Sala Filomatic, na librería A Tobeira de Oza ou no local social A Revolteira, e tivo unha exposición antolóxica no Café de Macondo. Este ano súmase o Círculo de Artesáns.

Nos faladoiros do Autobán teñen participado ducias de personalidades do sector, coma os debuxantes Emma Ríos, Natasha Bustos, Alberto Vázquez, Bea Lema, Roberta Vázquez, Manel Cráneo, Santy Gutiérrez, Alberto Guitián, Leandro Barea, Pepa Prieto Puy, Miguel Porto, Inés Cararejos ou Brais Rodríguez, os críticos Octavio Beares, Manuel Barreiro e Edu Maroño, os blogueiros Esteban Yáñez e Ghanito, a bibliotecaria Sira González ou os libreiros Toño Vilaverde e Simón Blanco. Tratáronse temas como a censura e a liberdade de expresión, a visibilidade feminista e LGBT+ no mundo da banda deseñada, os diferentes eventos de autoedición galegos, o funcionamento dos colectivos autorais, o traballo dos humoristas gráficos, o paso á industria do videoxogo, o panorama fanzineiro a nivel estatal ou a historia da autoedición en Galicia.

SOBRE AUTOBÁN

Autobán é o festival coruñés de cómic autoeditado. No ano 2023, a iniciativa constitúese como asociación cultural. O seu obxectivo é a promoción da banda deseñada e a ilustración, a autoedición e a autoxestión, así como tecer unha rede de apoio para as persoas que se dedican a estas disciplinas. No seu labor inclúese a creación de eventos e actividades para a xestión de espazos nos que todos os e as amantes da autoedición sexan protagonistas. 

A asociación organiza cada mes de agosto o Festival Autobán coincidindo co encontro internacional Viñetas desde o Atlántico. Trátase dun mercado de autoedición que ofrece a autores e autoras, colectivos, proxectos de autoedición e microeditoriais de toda a Península a oportunidade de amosar e vender o seu material. O Festival Autobán propón, tamén, combates de debuxantes, presentacións de proxectos, obradoiros, exposicións, música e gastronomía durante a súa celebración.

Por outra banda, a asociación promove, tamén, iniciativas como o Autobom, que se presenta como a edición de primavera do Autobán, coa vontade de ser un encontro entre a xente que se dedica e goza coa autoedición gráfica e a BD alternativa, con charlas, faladoiros, obradoiros e actividades diversas en torno ao mundo dos fanzines. De forma mensual, Autobán organiza, asimesmo, un Club de Debuxo con diferentes temáticas en espazos afines do sector.

Vídeo primeira edición de Autobán I Ano 2014

Vídeo 1º Combate de Debuxantes en Autobán I Ano 2014

2024.07.08.-NP-10o-Aniversario-Autoban