HENKO. A mirada de Miguel Díaz

HENKO

Miguel Díaz

Título: O PETO

Eles, alleos, os outros, na súa estendida indiferenza, non queren abrazarme nin ferirme.  Pero desde a inconsciencia achegan a min os seus coitelos afiados, abrindo brecha nova ou furgando na vella. E sei que, cando o tallo é grande, cicatriz só é outro xeito de nomear a ferida.

Mais non o fan á mantenta. Ignoran. Simplemente non consideran o escenario no que, de cando en vez, son vulnerable.

Simplemente non saben que aínda latexa o teu poema no peto do pantalón do meu cadáver.

Andanzas do Suso de Lameliña. AFORISMOS

Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

AFORISMOS

MUSAS

Esas deusas promiscuas que cando estás en celo non se deixan ver.

NUBES

O ceo sería como un lenzo baleiro se non fose polas nubes, cambiantes e caprichosas.

PRIMEIRA VEZ

As nosas vidas están cheas de primeiras veces. A súa ausencia é a antesala da morte.

MALAS COMPAÑÍAS

Cómpre elixir ben as malas compañías. O éxito ou o fracaso nesta vida depende desta decisión.

FILÓSOFOS

Se de alguén hai que desconfiar é dos filósofos. Cando menos o agardas sacan a munición oculta na gabeta. E dio alguén que conta a filósofos entre os seus mellores amigos.

PANTASMAS

O que máis me anoxa das pantasmas é o seu aire de superioridade, sempre mirándote por riba do ombreiro e sen dirixirche nunca a palabra.

POETAS

Os poetas son como as abellas: van de flor en flor á procura de inspiración.