Supremme de Luxe, EME DJ e Eris MacKenzie inauguran estedomingo, 7 de xullo, o Atlantic Pride

A Fundación Luis Seoane acollerá, de 20.00 a 00.00h, a primeira xornada do festival coñecido como o ‘Orgullo do Norte’, que regresa á Coruña para celebrar a súa 5ª edición ata o 14 de xullo

Debido á capacidade limitada do recinto, o público debía rexistrarse a través da páxina web do festival www.atlanticpride.es, para facerse coas invitacións nominais para esta primeira noite de directos do festival, que esgotáronse en apenas unhas horas

Contra as 20.10h, unha vez rematado o acceso das persoas rexistradas, se houbese baixas, abriranse as portas a todas as persoas que estea na cola ata completar a capacidade total do recinto, polo que os rexistrados “impuntuais” perderán o dereito prioritario a acceder

Eris MacKenzie, Supremme de Luxe e EME DJ serás as figuras encargadas de facer bailar ao público de 20.00 a 00.00h na xornada inaugural do Atlantic Pride este domingo, 7 de xullo, na Fundación Luis Seoane da Coruña. A proposta musical da noite -que promete diversión e autenticidade polos catro costados- dará comezo coa mestura de tradición, electrónica e verbena do produtor e músico galego Eris MacKenzie, mentres que as pinchadas correrá a cargo dunha das artistas máis recoñecidas da escena indie-disco-pop de toda España, EME DJ, que chegará ao Atlantic Pride cos seus remix de himnos, ritmos bailables e moita boa onda. Contra as 22.00h subirase ao escenario a que é, sen dúbida, unha das actuacións máis esperadas desta 5ª edición do ‘Orgullo do Norte’ coruñés: a celebrada e carismática drag Supremme de Luxe, presentadora de Drag Race España e de Drag Race España: All Stars.

Debido á capacidade limitada da Fundación Luis Seoane, o acceso para esta primeira xornada do Atlantic Pride é con invitación. O festival activou o pasado mes de xuño a posibilidade de rexistro para facerse con unha das 300 invitacións dispoñibles, que esgotáronse en apenas unhas horas. As primeiras 300 persoas rexistradas, que teñen o seu lugar na lista de porta, deberán chegar ao recinto antes das 19.45h. Ás 20.10 horas, unha vez rematado o acceso das persoas rexistradas, se houbese baixas, abriranse as portas a todas as persoas que estea na cola ata completar a capacidade total do recinto, polo que os rexistrados “impuntuais” perderán o dereito prioritario a acceder.

PROGRAMA ATLANTIC PRIDE 2024

Domingo, 7 de xullo 

Fundación Luis Seoane

(20.00 a 00.00h)

20.00h Eris MacKenzie

21.00h EME DJ

22.00h Supremme Deluxe

22.55h EME DJ

ERIS MACKENZIE

Eris MacKenzie é o proxecto en solitario do produtor galego Carlos Eirís. A súa música é una viaxe ao interior, coa que calquera pode sentirse identificado. A través da electrónica máis pura, as muiñeiras, os alalás ou o mambo, o artista narra as experiencias que lle marcaron. Das máis felices ao problemas mentais. Eris MacKenzie chegará ao Atlantic Pride disposto a mover tarimas cunha proposta chea de frescura que mestura tradición, electrónica e verbena. 

EME DJ

Marta Fierro, máis coñecida como EME DJ, ten unha das traxectorias más recoñecidas como DJ na escena indie-disco-pop de toda España. Así o avalan as súas diferentes nominacións aos Vicious Music Awards, ademais das e dos lectores da revista Rockdelux, que varios anos a nomearon a mellor DJ nacional. Máis aló da súa experiencia como dj en festivais e clubes de culto, Marta é divulgadora e educadora: imparte cursos e obradoiros e escribe libros sobre a profesión, ademais de colaborar en programas de radio e podcasts. Á súa labor se vincula un constante traballo por visibilizar os problemas vinculados á saúde mental na profesión de dj, así como novas propostas como achegar o mundo da música e o espectáculo a persoas con problemas de mobilidade ou agorafobia a través da realidade virtual. 

EME leva máis de 20 anos en activo como dj profesional, con más de mil actuacións ás súas costas en festivais, clubes, eventos e discotecas a nivel internacional. Pinchou xunto a dj’s de renome como David Guetta, 2many DJs, Calvin Harris, Dj Amable ou Zombie Kids, e foi telonera de grupos como Madonna (no Vicente Calderón) Air, Arcade Fire, GusGus, Goldfrapp, Vetusta Morla ou Zahara.

SUPREMME DE LUXE

Supremme de Luxe é cantante e actriz, universalmente coñecida como presentadora de Drag Race España e de Drag Race España: All Stars. O seu nome rende homenaxe a Diana Ross & The Supremes. Non en balde, a música e os looks dos anos 60 e 70 foron sempre unha das súas grandes inspiracións.

Supremme de Luxe fixo a súa aparición na escena do cabaret a finais dos 90. Desde entón, viaxa cos seus shows por toda España e traballa en televisión, cine, teatro, radio e todo tipo de eventos. É unha das poucas artistas españolas que se presenta case a diario en diferentes salas da capital e pode presumir, ademais, de posuír unha consolidada carreira no mundo do teatro. 

Gran renovadora da escena drag madrileña, desde 2013 é presentadora do exitoso festival ¡Que trabaje Rita!, festa que tivo edicións, tamén, en Barcelona, ​​México e París. En paralelo, presenta espectáculos teatrais de maneira regular desde 2007. En xuño de 2012 lanzou o seu primeiro álbum, Ahora yo, traballo ao que seguiron diferentes lanzamentos de sinxelos cos seus respectivos videoclips: en 2013 estrea Miéntame e, en 2014, Perdiste ya el control. En 2015 publicou Basta ya, mentres que, en 2016, viu a luz Candy Shop and Gettin’ High; en 2017, Ener-G; e, en 2019, Resurgiré.

SOBRE O ATLANTIC PRIDE 2024

Entre o 7 e o 14 de xullo, A Coruña volverá ser a sede do ‘Orgullo do Norte’ para celebrar a quinta edición do Atlantic Pride. Neste 2024, o festival propón oito xornadas de música e celebración ao redor da diversidade sexo-afectiva e de identidade na que promete ser, novamente, nunha das citas imprescindibles do verán no noroeste peninsular. O Atlantic Pride está impulsado pola Asociación Orgullo Coruña -ORCO- e o Concello da Coruña, co apoio da Deputación da Coruña e o patrocinio principal de Estrella Galicia, Coruña The Style Outlets e Globalgrafic.

Na súa quinta edición, está confirmada a presencia das estrelas eurovisivas Nebulossa, Rosa López, Las Ketchup e Lucía Pérez, xunto a figuras que pisan forte na nova escena galega, como Mondra, Sila Lúa, O Rabelo e Nenaza, Catuxa Salom, Lontreira e Amoebo. Na festa deste ‘Orgullo do Norte’ non faltarán, tampouco, as voces de grandes divas como Chanel, Luna Ki e Supremme de Luxe, ademais das drags Nomi Bull, Cloe Savage e Meiga-I.

No cartel deste Atlantic Pride 2024 destacan tamén nomes como os de Nena Daconte, Shego, Morreo, Raúl, Selena Leo, Eris MacKenzie e Filloas. O grupo Vengaboys será o encargado de poñer o acento internacional ao festival, mentres que as pinchadas correrán a cargo dos dj’s EME DJ, S.Alma, La Suprema, D-Lemma, DJ90, DJ Licho, Roi Porto, La Eterna e DJ Flashback. O festival contará, tamén, coa actuación especial do Coro “Cores”. Na web www.atlanticpride.es é posible consultar o calendario e a información práctica desta quinta edición do festival.

O Atlantic Pride nace na Coruña no ano 2019 coa vontade de situar á cidade herculina como a capital do bo ambiente e a celebración sen distincións nin barreiras. Trátase dun festival pioneiro, gratuíto e inclusivo, destinado a reivindicar a liberdade afectiva, sexual e de identidade dende unha perspectiva lúdica e inclusiva. O proxecto, que trata de aglutinar a todas as capas da sociedade coruñesa dentro dunha contorna segura e amigable, desenvólvese en torno a varios días de concertos e actividades culturais, entre elas, o seu Certame de Literatura LGTBI+, coa fin de atraer ao público local e de fóra, como un referente cultural, turístico e social do noroeste. Na súa pasada edición, en 2023, o Atlantic Pride logrou alcanzar máis de 40.000 espectadores, marca que a cita se propón bater este ano. 

20240705-NP-domingo-7-Atlantic-Pride

DEMIURXIA. “Escritora galega e nova busca que a exploten laboralmente?” Patricia Torrado Queiruga

DEMIURXIA

Patricia Torrado Queiruga

Escritora galega e nova busca que a exploten laboralmente?


Podería ser un anuncio por palabras nunha páxina de diario de tiraxe nacional.

Ás veces unha non ten máis que tomar distancia, ou non, para ver se as cousas arrefrían, por ver se se mitiga a vea crítica, pero… hai cousas das que se non se fala é como se non acontecesen e hai que falar, ou polo menos, escribir.

A dous días do 8M, un centro catalán, que recibe subvencións galegas, rulaba a seguinte mensaxe de mans dunha muller: “Bo día, coñeces a algunha escritora nova que queira vir facer Sant Jordi a Barcelona, pagando ela o desprazamento e nós pagamos unha noite de hostal? Poderá vender libros nas Ramblas, diante do Centro Galego o día de Sant Jordi. Confirma”.

Vale, partamos de que o “convite” vén dunha persoa en particular, que está curiosamente na directiva do centro, e digo eu, non é alguén que representa a toda a entidade?

A nova pescounos co pé cambiado, as mans na cabeza e unha morea de improperios no bico. Era posible tal mensaxe? Era posible tal atropelo, tal fachenda á hora de expor un método de explotación e que esa mensaxe levase palabras como “escritorA” e “novA”? Que se supón, que as escritoras novas non comen, non teñen facturas que pagar, que, ademáis de cobrar con sorte un 10% das vendas das súas obras, teñen que ir vendelas de sol a sol, teñen que pagar as súas dietas noutra comunidade cando queren promocionar a súa obra e, por riba, teñen que dar grazas de que lle poñan un cuarto nunha pensión?

Fagamos contas: un voo ida e volta a Barcelona a poucas semanas de Sant Jordi, máis transporte, máis dietas, máis grazas que che van poñer unha mesa para que vendas os teus libros, máis carrexa os teus libros a poucos que queiras vender, máis grazas que che poñen unha cadeira tamén, e con sorte un parasol= vendiches cinco libros, dos que carrexaches trinta, mellor dito, dos que facturaches trinta porque a pouco que pesen e a pouco que levases, non van en equipaxe de man, ale! Máis gastos! E os billetes 180€, a manduca 50€, e o que lle gañaches aos libros,… con sorte 10€. Se vives en Barcelona, pois igual non che importaría ir, pero se tes que ir dende Galiza, pois case que mellor que quedes na casa, non? Onde queda o prestixio como autoras, onde queda o prestixio do sistema literario galego? Nós faríamoslle iso a unha escritora catalá? Diríamoslle vén pola cara, vas poñer ti o material, o traballo e o transporte, nós pagámosche unha noite no hostal  máis achegado ao concello que propablemente nos custe uns 50€ sen almorzo? Non, verdade, pois igual de ridículo e obsceno soa que sexa do revés.  Preguntemos por aí, canto cobran xs autorxs que veñen ao Poetas Dinversos da Coruña? Ou veñen polo caldo? Coido que non.

Poñamos tamén negro sobre branco, segundo a resolución do 2 de novembro de 2023 a Secretaría Xeral da Emigración resolvía que se lle concedera entre outras entidades ao Centro Galego de Barcelona 9855€ en calidade de axuda para obras, adquisición de instalacións e conservación do patrimonio cultural. É pois a literatura galega un patrimonio cultural ou non o é? De selo, a ver se se vai notando un pouco en que se gastan os nosos cartos.

Se a isto lle sumamos que as axudas de mans da Xunta de Galicia á edición en galego e ao sector literario en xeral son exiguas ou case inexistentes, diremos que somos resistencia malia a todo, pero unha cousa é ser resistencia e outra moi diferente é transixir coa explotación.

Andanzas do Suso de Lameliña. DE ENTERROS E CABODANOS

Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

DE ENTERROS E CABODANOS

Confeso que as misas non son santo da miña devoción. Xa me chagaron os anos da nenez e puberdade para doparme de lecturas apostólicas, oracións e sacramentos. Actualmente só asisto en circunstancias excepcionais, por compromiso social, xeralmente funerais.

As liturxias de hoxe non son coma as de antes; unha hora de duración xa non é a norma. Hai misas que apenas duran dez minutos, como se o crego ansiase rematala tan pronto se santigua. Este breve tempo aprovéitoo para abstraerme e pensar en asuntos persoais. Non é a miña intención ser irrespetuoso, pero é habitual que os meus pensamentos se dirixan a temas máis terreais, como pode ser o sexo (o pecado da carne, segundo eles), se cadra como reacción subconsciente a restricións, outrora impostas.

Non obstante, hai tres excepcións, nos que retorno á realidade para concentrarme na cerimonia. O primeiro cando o párroco pronuncia unhas palabras que hoxe en día dificilmente se podían cualificar de sermón. Sempre resulta interesante descubrir as intencións do mensaxeiro divino.

O segundo o intercambio de paz, no que por cortesía retorno do meu mundo luxurioso e comezo a saudar “a todo deus”, nunca mellor dito.

Finalmente, durante a comuñón. Aparto da mente aquela moza que estaba tan boa e que coñecín na “Tasca”, na rúa da Cruz e trasládome a unha tribu africana, por iso do canibalismo e de comer o corpo de Cristo. Por certo, daquela moza que estaba tan boa cheguei a namorarme, pero por desgraza nunca me fixo ningún caso.

E co desexo de que marchemos en paz por parte do señor cura saio ao atrio saudar amigas e amigos, case sempre rematando por tomar algo no bar de costume. E ata o próximo enterro ou cabodano no que, vai saber ti,que figura etérea do pasado fará acto de presenza, a ben seguro desprovista de saba.