Título do libro: Ella pisó la Luna. Ellas pisaron la Luna
Autora: Belén Gopegui
Editorial: Literatura Random House
Ano de publicación: 2019
É a primeira vez que leo a Belén Gopegui e sei que non será a última. Descúbroa grazas a unha mención que Irene Vallejo realiza nun dos seus libros. Nos últimos meses, sen pretendelo, esta vén sendo unha práctica habitual en min: pasar dunha escritora a outra por recomendación dunha primeira. E así vou tecendo, cal Penélope, unha rede de lecturas sororal.
O texto obedece a unha conferencia impartida pola autora en marzo de 2019 no ciclo titulado Ni ellas musas ni ellos genios. Mais poderiamos dicir que o contido desta conferencia é, de entrada, inesperado. A protagonista destas páxinas é, nin máis nin menos, que Margarita Durán, unha grande anónima (coma tantas outras) que merece ocupar, tan sequera, un pouco do noso prezado tempo.
Gustaríame advertir que a voz que conduce esta historia non é a dunha filla. Aínda que achega información de primeira man, á que accede, precisamente, na súa condición filial, este relato transcende o ámbito privado da familia. E, asemade, o relato extrapólase a outras moitas vidas tapadas por algún dedo Sol.
A medida que vou sabendo máis sobre Margarita Durán, vou tirando, simultaneamente, do fío da propia xenealoxía feminina. Atopo demasiados nexos entre a protagonista do libro e algunhas das mulleres que me precederon. A lectura acaba por converterse nun exercicio de introspección e agradezo que me coloque nese terreo pantanoso dos interrogantes.
Que foi dese talento que non puideron desenvolver (elas)? Que camiños seguirían as súas vidas de teren a oportunidade de exercelo? Por que atopo tantos obstáculos para dedicar o meu tempo ao que realmente desexo? Quen me pasou este testemuño? Quen me di “cala nena, cala”?
O persoal segue sendo político e Belén Gopegui lémbrao, cunha escrita honesta e comprometida, nestas páxinas. Non por casualidade recolle esta cita de Adrienne Rich, que hoxe copio nun post- it: “Nadie nos dijo nunca (a las mujeres) que tendríamos que estudiar nuestras vidas (…) como si fueran historia natural o música”.