OASIS: As lecturas de Beatriz Dourado

OASIS

Beatriz Dourado

Título do libro: O cuarto de Jane

Autora: Charo Pita

Editorial: Caldeirón

Ano de publicación: 2021

Agosto préstase para a calma, para o pracer de lecturas incendiarias que non poden ser interrompidas polo dioivo da présa. Ou iso penso mentres saboreo opouso do mel que deixa O cuarto de Jane, escrito por Charo Pita e ilustrado por Pilar Cancio.

“Se os meus labios fosen

as páxinas do libro que les na bocanoite,

pronunciarían o teu nome con puntos suspensivos

para seducirte coa sinuosa silueta

do inesperado”.

Galardoado no XV Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas, preséntase coma un poliedro de voces femininas, no que dependendo da óptica, ás veces intervén un Nosoutras, Ela ou Eu. A obra afástase, acertadamente, de calquera estereotipo ou prexuízo de índole sexual. Por iso, entre as súas follas aparece a anana, as cegas ou mulleres menopáusicas, para encher de poesía o baleiro destoutras realidades.

De ritmo vibrante, amosásenos a escrita coma actividade ligada ao desexo, onde unha Jane, aberta de pernas ao mundo, vai danzando palabras.Sedúcenos o bambán do que se di, mais tamén do que se intúe, do que experimenta o corpo ao deixarse caer no seguinte verso. Sen valados mentais,  acompañado pola arte da insinuación, este é un libro para devorar lentamentee alongar o éxtase do seu final.

Eu non perdería a oportunidade de lelo e, se a ocasión o merece, lelo en alto para gozo doutros ouvidos.

OASIS: As lecturas de Beatriz Dourado

OASIS

Beatriz Dourado

Título do libro: Canto jo i la muntanya balla

Autora: Irene Solà

Editorial: Anagrama

Ano de publicación: 2019

Desde hai xa uns anos, procuro seguir de preto as novas voces da literatura catalá. Coido que isto responde, dalgún xeito, ao desexo de manter intacto ese cordón umbilical que me une á terra de nacemento e que segue a nutrirme de amor pola lingua en que Salvador Espriu ou Maria- Mercè Marçal escribiron os seus versos.

Achégome a este libro con certa cautela, desconfiando algo do rebumbio dos máis vendidos. Porén, o prexuízo dura escasamente uns minutos, o que tardas en uliscar a portada e contraportada e realizar unha busca rápida sobre esta autora emerxente. Non esaxero en absoluto se afirmo que desde a primeira páxina caio rendida a esta marabilla literaria, que xa leva acadado varios premios. A medida que avanzo na súa lectura constato que Canto jo i la muntanya balla é moito máis que unha novela de moda.

Ambientada nos Pirineus, nunha zona fronteiriza, esta obra está cargada de poesía, historia e fantasía. Nela vanse superpoñendo diferentes relatos, coma se fosen capas terrestres, tomando a palabra moitos dos elementos que conviven nese ecosistema: mulleres e homes, pantasmas, bruxas, nubes e corzos, entre outros. A vida amósase de maneira fragmentaria, fuxindo da uniformidade e a compracencia, sendo o público lector quen recompoña definitivamente este poliedro imaxinario.

Mentres leo non podo evitar extrapolar algunhas das imaxes que se evocan ao territorio galego. Así, por exemplo, as dones d’aigua ben poderían pasar polas nosas mouras, e os guerrilleiros que foxen cara o exilio francés por calquera dos maquis agochados na serra dos Ancares. É realmente abraiante a dimensión que acadan estas pequenas fiestras que, capítulo a capítulo, a autora nos vai deixando entreabertas.

Só podo engadir que este é un libro perfecto para vivir nel durante moito tempo, para entrar e saír coma ríos amantes, para visitar o niño e sentir a calor da plumaxe da nosa estirpe. Si us plau, gozádeo.

HENKO: A mirada de Miguel Díaz

HENKO

Miguel Díaz

Título: A folla caída

Todo iso que somos mentres non somos. Porcións efémeras que empequenecen, a medida que o certo se achega. Pezas pasaxeiras dun mecanismo fugaz. Todo iso que non somos e nos fai. O tempo perdido que nos constrúe, o extravío que nos trenza, as ruínas que nos conforman. A folla caída que se descompón en cor, mentres seguimos camiño. Todo iso que facemos por ser. Algo, alguén, murmurio, mirada. Bico que agarda nun tendal infindo.