OASIS: As lecturas de Beatriz Dourado

OASIS

Beatriz Dourado

Título do libro: O cuarto de Jane

Autora: Charo Pita

Editorial: Caldeirón

Ano de publicación: 2021

Agosto préstase para a calma, para o pracer de lecturas incendiarias que non poden ser interrompidas polo dioivo da présa. Ou iso penso mentres saboreo opouso do mel que deixa O cuarto de Jane, escrito por Charo Pita e ilustrado por Pilar Cancio.

“Se os meus labios fosen

as páxinas do libro que les na bocanoite,

pronunciarían o teu nome con puntos suspensivos

para seducirte coa sinuosa silueta

do inesperado”.

Galardoado no XV Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas, preséntase coma un poliedro de voces femininas, no que dependendo da óptica, ás veces intervén un Nosoutras, Ela ou Eu. A obra afástase, acertadamente, de calquera estereotipo ou prexuízo de índole sexual. Por iso, entre as súas follas aparece a anana, as cegas ou mulleres menopáusicas, para encher de poesía o baleiro destoutras realidades.

De ritmo vibrante, amosásenos a escrita coma actividade ligada ao desexo, onde unha Jane, aberta de pernas ao mundo, vai danzando palabras.Sedúcenos o bambán do que se di, mais tamén do que se intúe, do que experimenta o corpo ao deixarse caer no seguinte verso. Sen valados mentais,  acompañado pola arte da insinuación, este é un libro para devorar lentamentee alongar o éxtase do seu final.

Eu non perdería a oportunidade de lelo e, se a ocasión o merece, lelo en alto para gozo doutros ouvidos.

OASIS: As lecturas de Beatriz Dourado

OASIS

Beatriz Dourado

Título do libro: Canto jo i la muntanya balla

Autora: Irene Solà

Editorial: Anagrama

Ano de publicación: 2019

Desde hai xa uns anos, procuro seguir de preto as novas voces da literatura catalá. Coido que isto responde, dalgún xeito, ao desexo de manter intacto ese cordón umbilical que me une á terra de nacemento e que segue a nutrirme de amor pola lingua en que Salvador Espriu ou Maria- Mercè Marçal escribiron os seus versos.

Achégome a este libro con certa cautela, desconfiando algo do rebumbio dos máis vendidos. Porén, o prexuízo dura escasamente uns minutos, o que tardas en uliscar a portada e contraportada e realizar unha busca rápida sobre esta autora emerxente. Non esaxero en absoluto se afirmo que desde a primeira páxina caio rendida a esta marabilla literaria, que xa leva acadado varios premios. A medida que avanzo na súa lectura constato que Canto jo i la muntanya balla é moito máis que unha novela de moda.

Ambientada nos Pirineus, nunha zona fronteiriza, esta obra está cargada de poesía, historia e fantasía. Nela vanse superpoñendo diferentes relatos, coma se fosen capas terrestres, tomando a palabra moitos dos elementos que conviven nese ecosistema: mulleres e homes, pantasmas, bruxas, nubes e corzos, entre outros. A vida amósase de maneira fragmentaria, fuxindo da uniformidade e a compracencia, sendo o público lector quen recompoña definitivamente este poliedro imaxinario.

Mentres leo non podo evitar extrapolar algunhas das imaxes que se evocan ao territorio galego. Así, por exemplo, as dones d’aigua ben poderían pasar polas nosas mouras, e os guerrilleiros que foxen cara o exilio francés por calquera dos maquis agochados na serra dos Ancares. É realmente abraiante a dimensión que acadan estas pequenas fiestras que, capítulo a capítulo, a autora nos vai deixando entreabertas.

Só podo engadir que este é un libro perfecto para vivir nel durante moito tempo, para entrar e saír coma ríos amantes, para visitar o niño e sentir a calor da plumaxe da nosa estirpe. Si us plau, gozádeo.

OASIS: As lecturas de Beatriz Dourado

OASIS

Beatriz Dourado

Título do libro: O País do Gran Furado

Autora: Xerardo Quintiá Pérez

Editorial: Baía Edicións

Ano de publicación: 2019

É a literatura infantil territorio exclusivo do público máis miúdo? Coido que certas etiquetas están, a maior parte das veces, para obvialas. Por iso, hoxe, traio unha pequena mostra de que xs adultxs podemos e debemos deleitarnos con textos pensados, en primeira instancia, para a infancia.

No País do Gran Furado de Xerardo Quintiá hai poesía, xustiza, igualdade e, sobre todo, fantasía. Interésame moito este último ingrediente porque creo que é do que debe servirse a literatura, desa capacidade inesgotábel para evocar outros mundos e personaxes que transgridan as pautas convencionais. Ademais, as ilustracións de Noemí López Vázquez contribúen a potenciar o fabuloso imaxinario deste libro.

Sen dúbida, estamos ante unha historia moi ben contada –merecedora do II Premio Fina Casalderrey- que nos devolve unha mirada crítica da sociedade actual. Sóavos de algo o país en que as mulleres pasan todo o tempo traballando? Ou as ameazas que reciben aquelas que desde asociacións, institucións ou outros movementos sociais pretenden mudar as estruturas patriarcais?

Insisto en que, ademais de ler este libro ás crianzas, debemos lelo para nós, para non deixarnos vencer por ese perigoso conformismo que tende a instaurarse en determinadas etapas da vida, para crer en todas as Toribias e ESKORNA- KABRAS que loitan día a día por un mundo mellor.

O País do Gran Furado cabe en calquera bolso ou mochila. Podemos lelo mentres agardamos polo autobús ou tomamos un café nun bar. E quen sabe, quizais tras a súa lectura, recuperemos algo do espírito rebelde que tanta falla nos fai.

OASIS: As lecturas de Beatriz Dourado

OASIS

Beatriz Dourado

Título do libro: Ella pisó la Luna. Ellas pisaron la Luna

Autora: Belén Gopegui

Editorial: Literatura Random House

Ano de publicación: 2019

É a primeira vez que leo a Belén Gopegui e sei que non será a última. Descúbroa grazas a unha mención que Irene Vallejo realiza nun dos seus libros. Nos últimos meses, sen pretendelo, esta vén sendo unha práctica habitual en min: pasar dunha escritora a outra por recomendación dunha primeira. E así vou tecendo, cal Penélope, unha rede de lecturas sororal.

O texto obedece a unha conferencia impartida pola autora en marzo de 2019 no ciclo titulado Ni ellas musas ni ellos genios. Mais poderiamos dicir que o contido desta conferencia é, de entrada, inesperado. A protagonista destas páxinas é, nin máis nin menos, que Margarita Durán, unha grande anónima (coma tantas outras) que merece ocupar, tan sequera, un pouco do noso prezado tempo.

Gustaríame advertir que a voz que conduce esta historia non é a dunha filla. Aínda que achega información de primeira man, á que accede, precisamente, na súa condición filial, este relato transcende o ámbito privado da familia. E, asemade, o relato extrapólase a outras moitas vidas tapadas por algún dedo Sol.

A medida que vou sabendo máis sobre Margarita Durán, vou tirando, simultaneamente, do fío da propia xenealoxía feminina. Atopo demasiados nexos entre a protagonista do libro e algunhas das mulleres que me precederon. A lectura acaba por converterse nun exercicio de introspección e agradezo que me coloque nese terreo pantanoso dos interrogantes.

Que foi dese talento que non puideron desenvolver (elas)? Que camiños seguirían as súas vidas de teren a oportunidade de exercelo? Por que atopo tantos obstáculos para dedicar o meu tempo ao que realmente desexo? Quen me pasou este testemuño? Quen me di “cala nena, cala”?

O persoal segue sendo político e Belén Gopegui lémbrao, cunha escrita honesta e comprometida, nestas páxinas. Non por casualidade recolle esta cita de Adrienne Rich, que hoxe copio nun post- it: “Nadie nos dijo nunca (a las mujeres) que tendríamos que estudiar nuestras vidas (…) como si fueran historia natural o música”.

OASIS: As lecturas de Beatriz Dourado

OASIS

Beatriz Dourado

Título do libro: Agosto

Autora: Míriam Ferradáns

Editorial: Apiario

Ano de publicación: 2019

Aos poucos días de inaugurarse abril, a poeta catalá Anna Gual publicaba nas redes unha fotografía de tulipáns, que acompañaba cun breve texto, animando a mercar flores de tempada. Polo visto, estes turbantes vexetais nacen de maneira natural despois do frío invernal, xa que os bulbos soamente florecen nestas condicións. Inmediatamente pensei en Agosto de Míriam Ferradáns –saltando dunha poeta a outra- e volvín ás súas páxinas tras varios meses desde o primeiro contacto coa plaquette.

Achegueime ao pétalo da portada e ulino. Pareceume que o olor do papel perdera intensidade e pensei que, quizais, dalgunha maneira, o contido do seu interior non chegaría a afectarme tanto. Mais non foi así. De novo, a fenda íase abrindo coma flor, resistíndose á cicatrización. Porque a fenda está moi presente neste poemario tan breve coma delicadamente fermoso. Composto por unha ducia de poemas curtos, Agosto é violentamente cativador, igual que os tulipáns que atrapan a vida. “Os tulipáns obsérvanme, seguen os meus pasos”.

Así, entre a auga que os conserva e o aire que consomen, vai aflorando unha ausencia que manca. Ausencia que a autora constrúe habilmente a partir do que conta e, sobre todo, do que non conta, aquilo que imaxinamos nas amplas marxes en branco. E con todo, acompáñanos o afecto que compartimos coas cómplices que eliximos, as amizades. Aínda que non nos digamos nada. Aínda que falte unha.

A beleza non é inocente. Ás veces a levidade duns versos poden atravesar varias capas da pel. Por iso, este Agosto chega até límites impensábeis. Así, sen permiso, coma se nada. Flúe. Cómpre deixalo sangrar.

OASIS: As lecturas de Beatriz Dourado

OASIS

Beatriz Dourado

Título do libro: Tierra de mujeres

Autora: María Sánchez

Editorial: Seix Barral

Ano de publicación: 2019

Para unha urbanita coma min, que naceu nunha gran cidade e pasou a maior parte da súa vida entre edificios e asfalto, ler a María Sánchez tras unha etapa de cambios importantes –cada vez máis próxima á raíz sanguínea e, por tanto, ao telúrico – é absolutamente revelador.

Nos últimos anos, nese proceso de identificación e achegamento á terra, teño lido con enorme entusiasmo a John Berger, autor que ocupa un lugar privilexiado na miña humilde biblioteca. Mais con Tierra de mujeres veño a constatar unha narrativa necesaria, imprescindíbel, que integra, xa desde o título, dous elementos cun vínculo especial: natureza e feminismo. Unha narrativa brillante, que furga no esquecemento para dignificar o rural desde a mirada das invisíbeis. Aquelas que, entre outras cousas, cultivaron a horta, aleitaron á prole e levaron o gando a pacer.

Asistimos, asemade, a unha lectura cálida, que nos arroupa con tenrura desde o principio, coa reprodución de escenas da infancia a cámara lenta. Unha especie de limiar das futuras aprendizaxes vitais. A autora consegue envolvernos nun relato verosímil, que non precisa de moitos ornamentos para sentilo propio e, que malia todo, posúe a capacidade de rexenerar coñecemento de maneira constante sobre un mundo que subestimamos con arrogancia –ou ignorancia- foránea. Quizais, non sería tan desencamiñado, volvermos ao discurso que Miguel Delibes pronunciaba na súa entrada na RAE, con aquela interpelación ao que denominamos progreso.

Mención á parte, merecen as referencias a outras autoras que labraron primeiro estas leiras do pensamento, como son Maria Gabriela Llansol ou Luz Pichel, porque escribir non é máis que ligarmos as mans unhas a outras. Do mesmo xeito, atopamos magníficas ilustracións e citas que abren cada capítulo do libro, enraizándose perfectamente no conxunto da obra, como esta de San Juan 4,38: “Otros se fatigaron y vosotros os aprovecháis de sus fatigas”.

Lede a María Sánchez, lede Tierra de mujeres, porque non sairedes indemnes desta inesperada turrada.