Nada máis nas beiras das présas, medrando no asfalto, na ponte da confluencia. O intre sostense, sabedor do que fomos, explorando o que somos. Nin corrente anuladora, nin vento fero que rache o encontro. Nada pode romper o momento. No bico, sempre novo e de estrea, non existe nada máis.
Unha explosión de arquipélagos. Unha ponte entre batalla e batalla. Para bicar a epiderme de cada cor. Para desfacer cada liña que trace o medo. Lin que polo noso organismo transcorren uns noventa e seis mil quilómetros de vasos sanguíneos. E, ás veces, non conseguimos atopar o camiño.
Confundimos euforia e felicidade, corrompemos o amor co veleno da impaciencia. Deturpamos a entrega co atropelo da comparación. Invalidamos o esforzo namentres facemos do abismo un lugar habitable, mentres extraemos da lembranza armas anuladoras.
Trementes na velocidade, aniquilados entre as liñas que traza, cremos progresar entre o ruído. Na consistencia indiferente do formigón, cre avanzar a nosa fraxilidade. E, na urxencia da carreira, afoga todo canto somos.