As súas cancións e narracións levarán os asistente á carballeira máis extensa de Galiza, un lugar mesto e verde, onde mora unha meiga nova chamada Ecoralia. Sobre ela e todos os personaxes que a arrodean (Mistín, o lucecú, Ramón, o teixugo, as tías de Ecoralia, Rosa e Mónica…) xirará a súa música.
Paco Cerdeira (“Pakolas”), é un músico, compositor e produtor que leva dedicándose ao público infantil desde xa hai máis de dezaoito anos, comezando no seus inicios, e durante dez anos, co grupo Mama Cabra, para formar en 2014 a súa banda, A Gramola Gominola, e en 2015 o seu proxecto máis persoal Pakolas. Con este último leva editado catro traballos: Pakolas (2017), Ramona Órbita, a dona do tempo (2020), A Ramona Pequena vai á lúa (2023) e Ecoralia, a lambona ecolóxica (2024). Este último é un traballo editado pola CRAEGA (Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galiza) e pódense escoitar e baixar todas as cancións, así como ler o conto que as acompaña, na propia páxina web do autor (https://pakolas.com/ecoralia/).
O concerto vai dirixido para nenas e nenos entre os 3 e os 10 anos. Para asistir é necesario facer reserva (billete 2 euros) en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621.
O proxecto de intercambio cultural a través das artes escénicas celébrase simultaneamente até o 26 de outubro en 60 espazos de Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi, Navarra e A Rioxa
As compañías La Roca Producciones e Zigzag Danza (Asturias), El Tejo Producciones (Cantabria) e El Perro Azul (A Rioxa) presentarán as súas propostas escénicas os días 17, 19, 25 e 26 de outubro
A sétima edición do proxecto de intercambio cultural Camiño Escena Norte afronta desde hoxe as dúas últimas semanas de programación de danza, teatro e circo en Galicia. As localidades de Outes, Negreira, Ribadeo e Vimianzo acollerán as derradeiras funcións do Itinerario Constelacións, a programación de artes escénicas que compañías de Asturias, Cantabria, Esukadi, Navarra, A Rioxa e Galicia ofrecen nos seis territorios participantes no proxecto.
A rioxana El perro azul visitará este venres 17 o Auditorio Municipal Afonso Eanes de Cotón, en Negreira -localidade que se estrea coma sede de CEN este ano-, coa súa proposta teatral para todos os públicos e sen texto Globe Story,peza que emprega a comicidade e o ritmo trepidante do cine mudo para contar unha historia de amor coa que a compañía triunfou o pasado 13 de setembro en Foz.
Dous días despois, o domingo 19, as asturianas La Roca Producciones e Acar Teatro del Mundo regresarán a Galicia -após as súas actuacións do 19 e 21 de setembro en Arzúa e Vilalba, respectivamente- para presentar, de novo, a súa coprodución Zozobra, “unha labazada de teatro que axita rúas e conciencias. Un agudísimo xute humorístico e reflexivo da España cañí“. Nesta ocasión, a creación para público adolescente e adulto poderase ver no auditorio da Casa da Cultura de Outes.
De cara á fin de semana que vén, Camiño Escena Norte volverá á Costa da Morte. Se ben o 26 de setembro a compañía vasca niMú levou a súa Pausa circense a Carballo, o venres 25 de outubro será a quenda da cántabra El Tejo Producciones, que presentará El jardín de las posibilidades no Auditorio Municipal de Vimianzo.
O peche desta sétima edición de Camiño Escena Norte chegará da man dunha compañía moi querida polo público galego: a asturiana ZigZag Danza. Postales Rotas, a súa premiada proposta de danza contemporánea para todos os públicos que aborda a realidade da migración en Asturias nos séculos XIX e XX -Premio Oh! das Artes Escénicas 2025 ao Mellor Espectáculo e Premio Jovellanos á Produción Escnénica 2024- poderase ver o sábado 26 de outubro no Auditorio Municipal Hernán Naval de Ribadeo.
Pola súa banda, as tres compañías galegas que participan nesta sétima edición do CEN -Pérez & Fernández, Grupo Chévere e Paula Quintas Cía.- xa visitaron, con grande éxito entre o público, os escenarios de Los Corrales, Torrelavega, Hondarribia, Unquera, Pamplona, Azagra, Astillero, Santo Domingo de la Calzada e La Bastida.
O percorrido galego no Camiño Escena Norte rematará este venres 17 de outubro coa presentación de Nanay de la China, da compañía coruñesa Pérez & Fernández, na localidade rioxana de Autol. Ao rematar a función, dirixida a público familiar, Victoria Pérez e Manu Fernández participarán nun encontro coas e cos asistentes.
CAMIÑO ESCENA NORTE
Camiño Escena Norte nace no 2019 co obxectivo de promover o intercambio cultural a través das artes escénicas, tomando como fío condutor os roteiros históricos do Camiño de Santiago do norte da Península Ibérica. Ao longo destes sete anos, Camiño Escena Norte levou o teatro, a danza e artes do movemento e o novo circo a escenarios afastados dos circuítos habituais en Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra. Desde este 2025, tamén chegará a un novo territorio: A Rioxa.
CEN é unha iniciativa promovida polas asociacións profesionais de produtoras de artes escénicas ESCENA GALEGA (Galicia), ESCENASTURIAS (Asturias), ACEPAE (Cantabria), ESKENA (Euskadi), ESNA (Navarra) e AESCENA (A Rioxa). Todas elas, unidas, conforman a supraentidade Camiño Escena Norte Agrupación de Interese Económico, creada especificamente para o desenvolvemento, xestión e produción do proxecto.
Na súa sétima edición, Camiño Escena Norte conta no seu programa de exhibición, nomeado Itinerario Constelacións, con 18 espectáculos de teatro, danza e artes do movemento e circo que se representan en 60 sedes. Neste 2025, CEN conta co apoio económico de gobernos e institucións das seis comunidades implicadas: Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic); Goberno do Principado de Asturias; Goberno de Cantabria; Goberno Vasco; Deputación Foral de Araba, Deputación Foral de Bizkaia; Deputación Foral de Gipuzkoa; Goberno de Navarra, Gobierno de La Rioja e Ministerio de Cultura. Colabora tamén a Deputación Provincial de Lugo e Vegalsa-Eroski mantense como patrocinador oficial; nun ano no que se incorpora Deleite. Ademais, CEN onta nesta edición coa colaboración especial da Asociación Te Veo de Artes Escénicas para la Infancia y la Juventud.
Postales Rota, Autoría: Javier JarquínGlobe StoryEJDLP. Belén de Benito
AXENDA CAMIÑO ESCENA NORTE EN GALICIA 2025
17.10, 20.30h | Negreira. Auditorio Municipal Afonso Eanes de Cotón
Globe Story, de El perro azul (A Rioxa)
Teatro. Todos os públicos. Venda de entradas: www.woutick.es (3€)
Acometen sensacións en tropel. Caterva de pensamentos envoltos nun estrondo que me descentra. Que me converte en parte dunha masa, nunha especie de molécula diluída nun concerto de desencanto.
Aberta a mente en múltiples direccións, acabo presa da inmobilidade. Imposibilitado de dar un primeiro paso que desfaga esa acumulación de palabras que quixera ceibar e que, porén, permanecen atrancadas nunha especie de agrisado desfiladeiro, atrapando a escrita nun mare magnum de cavilacións.
Non son orixe, ou cando menos non a única, desa parálise. Sei que este aire presente que respiro vén cargado de tanta barbarie que estende en min un malestar difuso que se espalla por todo o que son, por todo o que querería habitar doutro xeito.
Enceta os días unha amálgama que posúe no seu propio microclima tristeza e rabia, amargos froitos dunha realidade que desborda coa súa violencia nomeada a cada segundo. Que é conquistada, abafada, posuída, anulada, por un odio feroz que se achega da man dunha mediocridade en medras, orgullosamente erguida desde a súa estupidez lamentable.
Nese mar revolto, calar alimenta este tempo de sombras. Por iso falo. Humilde e insignificante, escribo isto para volver a este espazo, a este momento. Para definir, na miña teima, un novo primeiro paso. Porque diso trata, supoño. De comprender que a nosa loita, a nosa protesta, anque veña parida desde unha esperanza mínima, anque estea manchada dunha inxustiza quizais imposible de derrubar, anque sexa desprezada por malnacidos carentes de humanidade, debe erguerse tamén coa palabra, coa presenza no lugar correcto, co acto de afastarse de quen vive de costas á dor allea.
Porque o primeiro paso vence unha inacción que nos sitúa alimentando a barbarie, que aforca a necesaria empatía dentro dun imparable tornado de individualidades ridículas que só saben defender a súa propia miseria.
O primeiro paso ensina os dentes para enfrontar o latexo do medo, para desfacer nós de impotencia, para dirixirse a unha alborada na que non sexamos conxugados pola néboa da indiferenza.
Era un día de festa grande, tamén de tristeza fonda. Un día dos que tardaban en chegar e que pola noite durmías mal, desexando ver amencer.
Erguíaste ben cediño para recibir aquela mañá fría, moi fría. A terra estaba dura, ás veces branca de neve, e senón adornada con carambos nas pucharcas da aira e pendurados dos tellados como bonequiñas de cristal. Asomado á xanela observabas coma saía o fume pola cheminea da corte. Era o sinal do inicio da longa mañá que che agardaba. Xa estaba aceso o lume para quentar o caldeiro da auga, que logo ía servir para pelar os porcos.
Pronto chegaría o teu tío de Frontoi, cos coitelos envoltos en papel de xornal debaixo do brazo. Aquilo dábache algo de medo, e ao mesmo tempo moita tristeza, porque eran as armas asasinas que lles quitarían a vida aos amigos, cos que ata o día anterior estiveras xogando. Para ti eran coma mascotas, subíaste ao seu lombo, brincabas con eles, facías que os toureabas… , seres cos que compartías a inocencia, esquecendo o destino que lles esperaba.
Mais tamén había ledicia. O día da matanza era unha das festas máis grandes do ano. Os outros tíos pechaban por unhas horas o taller de carpintería para vir axudar e, o mellor de todo, a comida especial en familia, onde as filloas de sangue (sangue dos porcos do ano anterior, ou xa dunha matanza deste ano feita por algún veciño), era un dos pratos estrela. Como che gustaban aquelas larpeiradas, doces e salgadas que sabían a xenuíno inverno e a tradición!
O primeiro que facía o tio de Frontoi era subir ao piso e tomar un café, co fin de escorrentar a friaxe e prepararse para o seu labor. Estábase achegando a temida hora. Non perdía tempo, facía boa falta a mañá. Tomaba rápido o café e se acaso algunha galleta, e baixaba para a cuadra, onde xa o agardaban. Ao pouco, comezaban a soar os berros, que tanto te impresionaban. Tapabas os oídos, notabas como o corpo se encollía e como o corazón empezaba latexar con forza. Sentías moito pesar pola morte dos que foran teus compañeiros de xogos; aquel intre era como unha dolorosa ferida.
Mais, rematado o sacrificio, xa te esquecías e baixabas correndo, para ver o que restaba de matanza. Pelalos, sacarlles as vísceras, colgalos ata o día seguinte que había que partilos…
O que restaba de día era todo ledicia, sabedor de que calquera domingo de feira, chegarían á casa, novos porquiños cos que poder brincar, como se nada.
Ao día seguinte volvía o tío para cortalos e salgalos. Pero xa non era igual. Era case un día normal, sen a maxia, sen o estremecemento ritual do día do sacrificio.
ESTE ÚLTIMO SINXELO ANTES DO LANZAMENTO DO SEU EP PON EN VALOR A FIGURA DA PINTORA VIVEIRENSE
O LANZAMENTO COINCIDE COA INAUGURACIÓN NO MUSEO REINA SOFÍA DE MADRID DA MAIOR EXPOSICIÓN DA ARTISTA ATA A DATA
Sabela acaba de publicar o último adianto do seu novo traballo discográfico, A quen ignora. Este novo sinxelo vén inspirado na figura de Maruja Mallo, unha das pintoras surrealistas máis importantes da historia do arte a nivel estatal. A de Viveiro é recoñecida pola súa visión tan diferente e vangardista para a época, aproximando un prisma diferente a elementos cotiás. Esta visión tan única é a que trata de replicar Sabela nesta nova canción, cun son moito máis ecléctico dentro do seu xa característico pop electrónico.
No proceso compositivo, Sabela mergullouse na vida e obra da ilustre viveirense para atopar inspiración e, en base ao colleitado, foi construíndo o tema. A quen ignora racha coa estrutura clásica do pop e xoga cos sons para que sexan máis duros. Durante a canción pódese escoitar a voz de Maruja Mallo que, de maneira inspiradora, fala desa cantidade de arte que se crea e que se dilúe co tempo. Con esa frase “40.000 pintores en París, 40.000 que ya no existen”, trae a unha reflexión moi actual sobre a velocidade e cantidade de creación hoxe en día, que axuda a pensar en non perder a perspectiva e valorar o arte que facemos.
A propia Sabela confesa que construír esta canción foi duro pola alta exixencia e o respecto que impoñía inspirarse na figura de Maruja Mallo, feito que foi desaparecendo a medida que foi xogando co tema, como facía a pintora, constituíndo así a mellor homenaxe posible á súa visión do arte. Desta maneira, a artista busca poñer en valor unha figura silenciada e infravalorada ao longo da historia.
A portada do tema é un fungo Penicillium visto dende un microscopio, representando a visión de Maruja de aportar un novo enfoque a cousas cotiás. O que simplemente podería ser o mofo dun limón, adquire unha nova perspectiva e forma no momento no que o miras dende un microscopio.
O lanzamento de A quen ignora coincide coa inauguración da exposición “Maruja Mallo. Máscara y compás”, a maior retrospectiva da obra realizada ata a data, que se poderá visitar ata marzo de 2026 no Museo Reina Sofía de Madrid. A mostra fai un percorrido cronolóxico pola súa traxectoria, reunindo 90 obras entre as que se poden atopar pinturas, debuxos, vídeos e mesmo escritos.
Desta maneira, Sabela segue acrecentando este momento doce arredor da súa música que está a vivir. Tras a gran acollida dos primeiros adiantos, Hi, My love, Eu espero aquí, Camponarai e Cerca de ti, así como das dúas extensas xiras por salas de España e Galicia, a artista recolleu os froitos do traballo feito en forma de recoñecementos, recibindo o Premio Martín Códax da Música na categoría de Pop e Indie. A artista encara desta forma este final de ano, no que publicará o seu tan esperado traballo discográfico en forma de EP.
Este tema conta coa colaboración da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Industrias Culturais.
A artista Sabela Ramil
MÁIS SOBRE SABELA
Sabela Ramil é unha das caras visibles desta nova onda de pop electrónico que triunfa no panorama musical actual. Coas súas tinguiduras animadas e bailables, Sabela converteuse xa no gran alicerce deste xénero en Galicia. As súas cancións acumulan centos de miles de reproducións, conquistando con grandes xiras en directo importantes salas ao longo de España e de Galicia, así como festivais da talla de O Son do Camiño, BIGSOUND Pontevedra,SonRías Baixas,Festival do Pasatempo ou Festival Noroeste. Con todo isto, durante as próximas semanas Sabela presentará o seu novo EP, no que Hi, My Love e Eu Espero Aquí, publicados a finais de 2024, e Camponarai, Cerca de ti e A quen ignora, publicados recentemente, son xa os seus primeiros sinxelos.
A artista galega soubo madurar o seu proxecto para levalo a unha nova etapa da súa carreira, e a pesar de contar cun estilo xa propio e identificable,aposta forte por un son máis internacional mantendo elementos tradicionais galegos, fortalecendo así as súas raíces. A quen ignora,último sinxelo de Sabela, precede a temas como Hi, My Love,Eu Espero Aquí, Camponarai e Cerca de ti, que veñen de obter grandes números de escoitas e visualizacións, así como recoñecementos como o Premio Martín Códax da Música na categoría de Pop e Indie, e nominacións a prestixiosos galardóns como os Premios de la Academia de la Música, Premios Mestre Mateo, Festival de Cans ou Festival de Videoclips de Oviedo.