Título: O PRIMEIRO PASO

Acometen sensacións en tropel. Caterva de pensamentos envoltos nun estrondo que me descentra. Que me converte en parte dunha masa, nunha especie de molécula diluída nun concerto de desencanto.
Aberta a mente en múltiples direccións, acabo presa da inmobilidade. Imposibilitado de dar un primeiro paso que desfaga esa acumulación de palabras que quixera ceibar e que, porén, permanecen atrancadas nunha especie de agrisado desfiladeiro, atrapando a escrita nun mare magnum de cavilacións.
Non son orixe, ou cando menos non a única, desa parálise. Sei que este aire presente que respiro vén cargado de tanta barbarie que estende en min un malestar difuso que se espalla por todo o que son, por todo o que querería habitar doutro xeito.
Enceta os días unha amálgama que posúe no seu propio microclima tristeza e rabia, amargos froitos dunha realidade que desborda coa súa violencia nomeada a cada segundo. Que é conquistada, abafada, posuída, anulada, por un odio feroz que se achega da man dunha mediocridade en medras, orgullosamente erguida desde a súa estupidez lamentable.
Nese mar revolto, calar alimenta este tempo de sombras. Por iso falo. Humilde e insignificante, escribo isto para volver a este espazo, a este momento. Para definir, na miña teima, un novo primeiro paso. Porque diso trata, supoño. De comprender que a nosa loita, a nosa protesta, anque veña parida desde unha esperanza mínima, anque estea manchada dunha inxustiza quizais imposible de derrubar, anque sexa desprezada por malnacidos carentes de humanidade, debe erguerse tamén coa palabra, coa presenza no lugar correcto, co acto de afastarse de quen vive de costas á dor allea.
Porque o primeiro paso vence unha inacción que nos sitúa alimentando a barbarie, que aforca a necesaria empatía dentro dun imparable tornado de individualidades ridículas que só saben defender a súa propia miseria.
O primeiro paso ensina os dentes para enfrontar o latexo do medo, para desfacer nós de impotencia, para dirixirse a unha alborada na que non sexamos conxugados pola néboa da indiferenza.