


Jobarteh, que colaborou na ‘BSO de Mandela: Long walk to freedom’, é a primeira muller solista de kora, rompendo unha tradición hereditaria de sete séculos
Armstrong, directora da Historical Harp Society of Ireland, é considerada a maior autoridade mundial na interpretación da arpa histórica gaélica
A escocesa Gilchrist salienta por revolucionar a arpa celta mediante a hibridación do folclore tradicional co jazz e a improvisación contemporánea
O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia desvela os primeiros nomes que formarán parte da programación da súa 13ª edición, que se celebrará na localidade coruñesa do 29 de xullo ao 1 de agosto. As recoñecidas arpistas Sona Jobarteh, Siobhán Armstrong e Maeve Gilchrist encabezarán o cartel do único festival de arpa de todo o noroeste peninsular.
Con este primeiro anuncio, Noia Harp Fest festival consolida non só a súa aposta pola diversidade estilística, senón que mantén o seu compromiso de programar ás mulleres arpistas máis relevantes do panorama musical a nivel galego, nacional e internacional, á vez que actúa como plataforma de lanzamento para as novas virtuosas. Así, se no último lustro contou con nomes como Alba Barreiro, Ana Crismán, Beatriz Cortesao, Beatriz Martínez, Bleuenn Le Friec, Camille Levecque, Claudia Besné, Francesca Romada Di Nicola, Laoise Kelly, Müsgo, Nadia Birkenstock, Noelia Cotuna, este ano contará cunha programación que dará boa conta do elevadísimo nivel interpretativo que está a vivir o instrumento en distintos lugares do mundo.
O anuncio da participación de Jobarteh, Armstrong e Gilchrist tamén dá pé a coñecer tres das primeiras sedes oficiais desta edición, e que se corresponden á vez con tres dos seus espazos máis emblemáticos: o histórico Teatro Coliseo Noela, a íntima Igrexa de Santa María A Nova e a espectacular Praza do Tapal.
O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia, coñecido como Noia Harp Fest, é unha iniciativa promovida por Nalgures Producións e cuxa dirección artística recae na Asociación Cultural Noia Harp Fest. O evento conta co apoio do Concello de Noia e da Xunta de Galicia a través de Turismo de Galicia no marco dos Concertos do Xacobeo. Tamén colaboran a Sociedade Cultura Recreativa Liceo de Noia, a Asociación Española de Arpistas (AEDA), a Deputación Provincial da Coruña e Acción Cultural Española.

Sona Jobarteh
Sona Jobarteh é unha recoñecida compositora, cantante e instrumentista de orixe gambiana e británica, nada en 1983. É a primeira muller solista de kora pertencente a unha das cinco familias principais de griots, rompendo cunha tradición hereditaria de sete séculos. Formada en música clásica no Royal College of Music de Londres, destaca pola súa capacidade para fusionar a tradición mandinga co blues e o afropop.
O seu estilo instrumental caracterízase por unha mestura de virtuosismo tradicional e arranxos modernos que expanden os límites da kora. Colaborou en importantes bandas sonoras cinematográficas, entre elas a da película ‘Mandela: Long Walk to Freedom’. O seu álbum ‘Fasiya’ marcou un fito na música africana contemporánea, acadando recoñecemento internacional pola súa calidade técnica e emotividade. En 2023 foi investida doutora honoris causa pola prestixiosa Berklee College of Music, consolidándose como unha das artistas máis influentes do continente africano. Alén da súa faceta artística, Jobarteh fundou a Academia Gambia en 2015, unha institución dedicada a reformar o sistema educativo en África a través da cultura. Desde Londres, hoxe en día lidera proxectos de activismo social e preservación do patrimonio musical africano.
Siobhán Armstrong
Desde as illas, concretamente desde Irlanda, chega Siobhán Armstrong, unha das súas arpistas máis importantes, recoñecida internacionalmente como unha figura clave no renacemento da arpa irlandesa antiga con cordas de metal e por ser a maior autoridade, a nivel mundial, na interpretación da arpa histórica gaélica. O seu labor foi esencial para que o instrumento fora recoñecido pola UNESCO como Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade.
Fundadora e directora da Historical Harp Society of Ireland, dedicou a súa carreira á recuperación da técnica e o repertorio deste instrumento histórico esquecido durante séculos. De feito, Armstrong toca unha réplica única da arpa do Trinity College de Dublín, caracterizada por estar tallada nun só bloque de madeira de salgueiro e encordada con fíos de latón e prata. Utiliza as unllas, tal e como describen as fontes históricas do século XVII, para obter o timbre metálico e sostido propio do instrumento. A súa discografía inclúe traballos fundamentais como ‘Cláirseach na hÉireann’, onde explora as raíces da música irlandesa dos séculos XVI ao XVIII. Ten colaborado con directores de renome como William Christie ou Jordi Savall, e actualmente é a directora artística do festival Scoil na gCláirseach, o evento anual máis relevante do mundo dedicado á arpa de cordas de metal.

Maeve Gilchrist
A tríade de grandes mulleres que lideran este Noia Harp Fest complétase cunha das solistas máis influentes do panorama actual: a intérprete, compositora e cantante escocesa Maeve Gilchrist, recoñecida por revolucionar a arpa de levas (arpa celta) mediante a hibridación do folclore tradicional co jazz e a improvisación contemporánea.
Nada en Edimburgo e formada no Berklee College of Music, o seu estilo destaca por un uso innovador do instrumento como percusión e o emprego de técnicas cromáticas avanzadas. O seu aclamado álbum ‘The Harpweaver’, descrito por The New York Times como “unha sofisticada mestura de folk e jazz”, foi cualificado pola crítica como “unha obra mestra da música de cámara moderna”, integrando arranxos de corda e voz.
Actualmente reside en Brooklyn, onde lidera a nova xeración de músicos que buscan elevar a arpa de levas a contextos sinfónicos e experimentais. Ademais, Gilchrist exerce tamén como directora artística do Rockport Celtic Festival, consolidándose como unha figura punteira na xestión cultural internacional.