Zozobra

O proxecto de intercambio cultural a través das artes escénicas celébrase simultaneamente até o 26 de outubro en 60 espazos de Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi, Navarra e A Rioxa

As compañías La Roca Producciones e Zigzag Danza (Asturias), El Tejo Producciones (Cantabria) e El Perro Azul (A Rioxa) presentarán as súas propostas escénicas os días 17, 19, 25 e 26 de outubro

A sétima edición do proxecto de intercambio cultural Camiño Escena Norte afronta desde hoxe as dúas últimas semanas de programación de danza, teatro e circo en Galicia. As localidades de Outes, Negreira, Ribadeo e Vimianzo acollerán as derradeiras funcións do Itinerario Constelacións, a programación de artes escénicas que compañías de Asturias, Cantabria, Esukadi, Navarra, A Rioxa e Galicia ofrecen nos seis territorios participantes no proxecto. 

A rioxana El perro azul visitará este venres 17 o Auditorio Municipal Afonso Eanes de Cotón, en Negreira -localidade que se estrea coma sede de CEN este ano-, coa súa proposta teatral para todos os públicos e sen texto Globe Story,peza que emprega a  comicidade e o ritmo trepidante do cine mudo para contar unha historia de amor coa que a compañía triunfou o pasado 13 de setembro en Foz. 

Dous días despois, o domingo 19, as asturianas La Roca Producciones e Acar Teatro del Mundo regresarán a Galicia -após as súas actuacións do 19 e 21 de setembro en Arzúa e Vilalba, respectivamente- para presentar, de novo, a súa coprodución Zozobra, “unha labazada de teatro que axita rúas e conciencias. Un agudísimo xute humorístico e reflexivo da España cañí“. Nesta ocasión, a creación para público adolescente e adulto poderase ver no auditorio da Casa da Cultura de Outes. 

De cara á fin de semana que vén, Camiño Escena Norte volverá á Costa da Morte. Se ben o 26 de setembro a compañía vasca niMú levou a súa Pausa circense a Carballo, o venres 25 de outubro será a quenda da cántabra El Tejo Producciones, que presentará El jardín de las posibilidades no Auditorio Municipal de Vimianzo.

O peche desta sétima edición de Camiño Escena Norte chegará da man dunha compañía moi querida polo público galego: a asturiana ZigZag Danza. Postales Rotas, a súa premiada proposta de danza contemporánea para todos os públicos que aborda a realidade da migración en Asturias nos séculos XIX e XX -Premio Oh! das Artes Escénicas 2025 ao Mellor Espectáculo e Premio Jovellanos á Produción Escnénica 2024- poderase ver o sábado 26 de outubro no Auditorio Municipal Hernán Naval de Ribadeo. 

Pola súa banda, as tres compañías galegas que participan nesta sétima edición do CEN -Pérez & Fernández, Grupo Chévere e Paula Quintas Cía.- xa visitaron, con grande éxito entre o público, os escenarios de Los Corrales, Torrelavega, Hondarribia, Unquera, Pamplona, Azagra, Astillero, Santo Domingo de la Calzada e La Bastida.

O percorrido galego no Camiño Escena Norte rematará este venres 17 de outubro coa presentación de Nanay de la China, da compañía coruñesa Pérez & Fernández, na localidade rioxana de Autol. Ao rematar a función, dirixida a público familiar, Victoria Pérez e Manu Fernández participarán nun encontro coas e cos asistentes. 

CAMIÑO ESCENA NORTE

Camiño Escena Norte nace no 2019 co obxectivo de promover o intercambio cultural a través das artes escénicas, tomando como fío condutor os roteiros históricos do Camiño de Santiago do norte da Península Ibérica. Ao longo destes sete anos, Camiño Escena Norte levou o teatro, a danza e artes do movemento e o novo circo a escenarios afastados dos circuítos habituais en Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra. Desde este 2025, tamén chegará a un novo territorio: A Rioxa.

CEN é unha iniciativa promovida polas asociacións profesionais de produtoras de artes escénicas ESCENA GALEGA (Galicia), ESCENASTURIAS (Asturias), ACEPAE (Cantabria), ESKENA (Euskadi), ESNA (Navarra) e AESCENA (A Rioxa). Todas elas, unidas, conforman a supraentidade Camiño Escena Norte Agrupación de Interese Económico, creada especificamente para o desenvolvemento, xestión e produción do proxecto. 

Na súa sétima edición, Camiño Escena Norte conta no seu programa de exhibición, nomeado Itinerario Constelacións, con 18 espectáculos de teatro, danza e artes do movemento e circo que se representan en 60 sedes. Neste 2025, CEN conta co apoio económico de gobernos e institucións das seis comunidades implicadas: Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic); Goberno do Principado de Asturias; Goberno de Cantabria; Goberno Vasco; Deputación Foral de Araba, Deputación Foral de Bizkaia; Deputación Foral de Gipuzkoa; Goberno de Navarra, Gobierno de La Rioja e Ministerio de Cultura. Colabora tamén a Deputación Provincial de Lugo e Vegalsa-Eroski mantense como patrocinador oficial; nun ano no que se incorpora Deleite. Ademais, CEN onta nesta edición coa colaboración especial da Asociación Te Veo de Artes Escénicas para la Infancia y la Juventud.

AXENDA CAMIÑO ESCENA NORTE EN GALICIA 2025

17.10, 20.30h | Negreira. Auditorio Municipal Afonso Eanes de Cotón

Globe Story, de El perro azul (A Rioxa)  

Teatro. Todos os públicos. Venda de entradas: www.woutick.es (3€)

Teaser: https://youtu.be/QYvw885I1ig

19.10, ás 20.00h | Outes. Auditorio Casa da Cultura

Zozobra, de La Roca Producciones – Acar Teatro del Mundo (Asturias)

Teatro. Público adulto e adolescente. Venda de entradas: www.bandoticket.com (5€)
Teaser: https://youtu.be/8JfAC2Vhcg8
25.10, ás 20.30h | Vimianzo. Auditorio Municipal 

El jardín de las posibilidades, de El Tejo Producciones (Cantabria)

Teatro. Público adulto. Venda de entradas en www.woutick.es (5€ / reducido: 2,5€)

Teaser: https://vimeo.com/918910493

26.10, 20.00h | Ribadeo. Auditorio Municipal Hernán Naval

Postales rotas, de Zig Zag Danza (Asturias) 

Danza. Todos os públicos. Venda de entradas: desde 30 minutos antes da función na billeteira do auditorio (3€)
Teaser: http://youtu.be/2oXOFFuEUtM

20251013-NP-Ultimas-funcions-CEN-Galicia-