O Festival Atlántica (véxase arquivo ao programa) comeza a súa sétima edición con máis actuacións e sedes ca nunca
· A canaria Laura Escuela ofrecerá unha función de ‘Animaladas’ na Aula de Pediatría do CHUS
· Pep Bruno deleitará a nenos e maiores con ‘Na miña mochila traio contos’ na librería Follas Novas
· Vero Rilo e Paula Romero pecharán a xornada con ‘Por unha peseta’ na Borriquita de Belem
O Festival Atlántica comeza este martes, 12 de marzo, a súa sétima edición, que se vai desenvolver ata o vindeiro día 23 en 16 concellos de toda Galicia: Santiago de Compostela, Ferrol, Lugo, Lalín, Teo, Pazos de Borbén, A Fonsagrada, Viveiro, Monforte de Lemos, Guitiriz, A Coruña, Ourense, Vigo, Rianxo, Brión e Cuntis. Están programadas máis de 90 funcións dirixidas a todos os públicos e nas que participarán unha trintena de artistas internacionais e nacionais.
Como salienta a súa directora, Soledad Felloza, trátase do “encontro de narración oral máis grande da Península Ibérica” e de Galicia, “un referente do mundo da lusofonía”. Seguindo a liña doutras edicións, Atlántica recunca con espectáculos para todos os públicos e en espazos diversos. Volverán as contadas en lingua de signos, para bebés e para os maiores, e tamén os paseos con contos. As historias tomarán os teatros, as bibliotecas, os centros cívicos, os bares, as rúas, os parques e mesmo os cemiterios. O festival vai estrear novos formatos, como os contos de orella a orella nas rúas, as contadas cos cans nos parques e tamén haberá tapas atlánticas nos bares e tabernas.
Un triplete para comenzar
A primeira función de Atlántica 2019 vai ser, a partir das 18 horas, na Aula de Pediatría do Hospital Clínico Universitario de Santiago. A narradora tinerfeña Laura Escuela levará ata alí as súas ‘Animaladas’, unha sesión de historias tradicionais e álbums ilustrados cos animais como protagonistas que estará acompañada por instrumentos musicais.
Á mesma hora na librería Follas Novas estará o contador Pep Bruno de Guadalaxara. O artista brindará unha sesión do seu espectáculo ‘Na miña mochila traio contos’, dirixido ao público familiar con entrada gratuíta ata completar aforo. Unha invitación a descubrir todas as historias que Bruno vai colleitando nas súas viaxes polo mundo e que constitúen unha auténtica festa da palabra dita.
A primeira xornada do Festival Atlántica rematará cunha función de ‘Por unha peseta’ da compañía galega Apatacón no local Borriquita de Belem (21 h, 6 euros, venda no local). Neste espectáculo conxunto de Vero Rilo e Paula Romero converxen voz narrada e cantada “para atopar canto vale unha peseta”. Historias de vida próximas e afastadas que se xuntan nunha peza para achegar a partes iguais o humor, a sensibilidade e a tenrura propias da nosa xente. ‘Por unha peseta’ é unha volta aos tempos dos nosos devanceiros, pero desde un punto de vista actual que respecta os seus saberes, tradicións, historias e retranca.
Os artistas
Laura Escuela (Tenerife) é mestra en Educación Infantil, licenciada en Psicopedagoxía e conta, a maiores, cun Mestrado en Promoción e Animación Lectoras. Traballa desde hai máis de dez anos arredor do mundo da literatura infantil, a música e a discapacidade. Dedícase á narración oral desde o 2008 e cómpre salientar que nos últimos anos ten levado a cabo proxectos pioneiros de sesións de bebecontos en bibliotecas de Canarias.
Pep Bruno, barcelonés afincado en Guadalaxara, é licenciado en Filoloxía Hispánica, Teoría da Literatura Comparada e diplomado en Traballo Social. Comezou a contar contos en 1994 e desde aquela xa percorreu numerosos festivais de todo o mundo compartindo historias para nenos e adultos. Compaxina a súa actividade como narrador coa súa faceta de blogueiro e coa impartición de cursos, conferencias e obradoiros literarios e de creación. Tamén organiza actividades de animación á lectura, escribe artigos de reflexión en revistas especializadas e colabora decote cos medios de comunicación. No ano 2010, coa obra ‘La familia C’, ganou o III Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado outorgado pola Editorial Kalandraka en colaboración co Concello de Santiago. Os seus libros están traducidos a máis de dez linguas.
Vero Rilo é contadora e educadora. No ano 2013 decidio mergullarse no eido da narración e formou a compañía Daboapipa e, máis tarde, o dúo Rilo&Penadique a carón de Sonsoles Penadique. É unha participante habitual dos encontros narrativos galegos e tamén das programacións das redes AGADIC, Cultura no Camiño, Programa Apego, Deputación de Lugo, Deputación da Coruña, etc. É unha das transmisoras de emocións máis importantes do momento, unha narradora cunha forza, técnica e expresividade que a fan única e inesquecible.Paula Romero é unha cantora galega que medrou arredor da música tradicional. Petou forte na pandeireta desde nena e foi máis adiante cando estudou canto moderno. Na actualidade está a traballar nos proxectos De Vacas, A Gramola Gominola e Coro Encaixe.