O novo sinxelo da banda alternativa galega, en colaboración conRebeliom do Inframundo, poderá escoitarse en todas as plataformas dixitais desde mañá venres, 7 de novembro, ás 00.00h: https://orcd.co/insaciables
Este xoves, 6 de novembro, Arrhythmia avanza Insaciables en exclusiva en YouTube contra ás 13.30 horas:
Insaciables mestura o metal alternativo con tinturas electrónicas de Arrhythmia co rap duro e combativo de Rebeliom do Inframundo, para falar do orgullo polo traballo feito, festexar quen son, o que foron e como seguir creando xuntos, abrindo, tamén, unha porta á crítica ao sistema
Durante un tempo, o escenario gardou silencio, pero a banda lucense non. Arrhythmia pasou o último ano pechada no estudo, construíndo un novo capítulo con calma, forza e claridade de ideas. Lonxe de desaparecer, decidiron parar o ruído exterior para escoitarse a si mesmos.
O resultado: esta nova etapa que mantén a enerxía e o discurso que sempre os definiu, pero cun son máis afinado e unha identidade aínda máis sólida. A evolución verase reflictida nun novo EP, que sairá á luz en 2026.
Amnesia (Galunk Producións, 2025) foi o primeiro adianto deste novo traballo, publicado o pasado mes de abril, confirmando o que moitos intuían: Arrhythmia segue a ser unha das propostas máis singulares e queridas da escena alternativa galega.
Agora, Arrhythmia presenta o segundo sinxelo deste novo EP, baixo o título Insaciables, en colaboración co grupo de rap galego Rebeliom do Inframundo. Insaciables reflicte a unión e a amizade de ambas bandas que, desde hai anos, comparten a mesma loita dentro da escena musical galega. O single estará dispoñible en todas as plataformas dixitais desde este venres, 7 de novembro, en: https://orcd.co/insaciables
Con este novo lanzamento, Arrhythmia amosa de novo que non volven, porque en realidade nunca marcharon; simplemente, estaban collendo aire para volver golpear con máis forza.
DESCUBRE INSACIABLES, O NOVO SINGLE DE ARRHYTHIA
Alberto Busto, membro de Arrhythmia e de Rebeliom do Inframundo, define Insaciables como “unha mestura do rap duro e combativo de Rebeliom do Inframundo co metal alternativo con tinturas electrónicas de Arrhythmia, creando un show potente e cheo de enerxía… É unha canción que celebra quen fomos, o que somos e a forma de seguir creando xuntos”. E remata: “O sinxelo fala do orgullo polo traballo feito, do respecto polos que despexaron o camiño e das portas abertas ás novas xeracións, pero, tamén, cunha visión crítica cara á industria e o negocio musical”.
ARRHYTHMIA, CANDO O RUIDO É UNHA LINGUAXE QUE LLE DA SENTIDO AO CAOS
Desde Lugo, Arrhythmia leva anos convertendo o ruído en linguaxe. A súa música nace da fricción entre mundos: o metal e a electrónica, o rap e o rock, a forza e o detalle.
En galego e sen filtros, constrúen cancións que son descarga e reflexión ao mesmo tempo, espello dunha xeración que pensa e latexa a outro ritmo. Recoñecidos con dous Premios Martín Códax da Música –en 2018 á mellor banda de metal galego e, en 2023, como mellor banda heavy e metal–, foron quen de erguer un son propio, ás veces brutal, ás veces hipnótico, e sempre honesto.
O seu LP I (2022), financiado grazas ao apoio directo da súa comunidade, marcou un punto de inflexión: unha declaración de independencia estética e emocional. Antes publicaran o LP II (2016) e o EP III (2012).
Hoxe, Arrhythmia non busca agradar: busca conmover. E iso, no fondo, é o que sempre fixeron: poñerlle alma á distorsión e sentido ao caos.
O artista afincado na Ribeira Sacra debuta en Compostela cun concerto en Casa das Crechas o xoves 20 de novembro. As entradas están dispoñibles en Woutick.com
O artesán sonoro PEITOESCURO chega a Compostela o xoves 20 de novembro para presentar a súa proposta musical na Casa das Crechas, a partir das 20:30h. As entradas están xa á venda en Woutick.com.
Tras o concerto, estará disponible o novo sinxelo do artista “PAN DAS PEDRAS”, en todas as plataformas dixitais. Unha semana despois, o 29 de novembro, estrearase o videoclip que a acompaña, peza que pecha a triloxía audiovisual iniciada por “ALVORADA” e continuada con “METAMORFOSE”, dirixidos por Álex Baena e producidos por Iago Pico.
O día previo, o local multiusos da Asociación de Veciños de Salcedo, xunto co propio artista, acollerá un acto presencial de proxección da triloxía, aberto a todos os veciños e veciñas que queiran achegarse.
Con cantigas populares, versos poéticos e ritmos ancestrais, PEITOESCURO eleva a tradición folclórica ibérica utilizando recursos electrónicos co fin de amplificar os latexos das serras.
Destes procesos nace un espectáculo contemporáneo onde o movemento e as emocións acadan unha potencia no escenario que non deixarán pel sen estremecer nin peito sen esperanza. Unha posta en escena valente, vibrante, para un futuro que necesita lembrar a sabedoría do rural para florecer.
“SEMENTE NA FENDA” dá nome ao seu álbum debut, producido por Iago Pico, que nos convida a bailar no ritual do enterro das sementes: unha exploración da escuridade necesaria para espertar na procura da luz.
VÉMONOS NOS SENDEIROS
20/11/25 Casa das Crechas, Santiago
28/11/25 Asociación Veciños de Salcedo. Estrea videoclip “PAN DAS PEDRAS”
06/12/25 Auditorio Municipal, Burela
28/12/25 Casa da Cultura Olga Novo, Pobra de Brollón
O grupo de Muros quece motores para prender as pistas de baile os vindeiros meses de xaneiro e febreiro de 2026, cun percorrido por algunhas das salas máis míticas de Galicia.
Despois dun verán cargado de festivais (Caudal Fest, Castelo Rock, Fene Rock..), o quinteto presenta agora nas salas o seu novo EP “Esclavos do baile”: seis himnos incendiarios que lanzan consignas que van dende a sátira lingüística ata a épica da resaca, sempre cunha conclusión clara: se queda vida, queda festa. Un traballo que os sitúa como unha das máis emocionantes propostas da escena actual.
Con letras afiadas e unha enerxía que se move entre a irreverencia de Terbutalina e o descaro de Novedades Carminha, Lisdexia consolídase como unha das propostas máis frescas e vibrantes da nova escena galega.
A formación ven de ser un dos grupos gañadores da primeira edición do ONDACHICHA, a iniciativa impulsada por Chichalovers e Radio Líder Santiago para dar visibilidade ao talento musical emerxente galego.
O programa de residencias Atopémonos Bailando, coordinado por Colectivo Glovo en colaboración coa Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, presenta esta semana tres mostras abertas no Museo MIHL de Lugo:
➡ Martes 5 de novembro · 18:00 h
Jandross — A noite do cuco Unha figura que acompaña mentres o corpo permanece: celebra a vida, entreabre as portas do alén e encarna as contradicións que nos tecen.
Jessica Castellón & Boris Orihuela — Ni Fu Ni Fa Peza en proceso que cruza o tradicional e o contemporáneo, conectando danzas urbanas e flamenco para escavar na memoria persoal e colectiva.
➡ Xoves 7 de novembro · 18:00 h
IXA — 52-BLAU Case unha oda á adaptación: un corpo que sobrevive ao naufraxio nun océano de estímulos e información, buscando saír á tona.
Cunha, coñecido polo seu proxecto de divulgación musical Ábrete de Orellas, repasará desde os pioneiros da década de sesenta até a vizosa escena galega actual
Pepe Cunha é o nome que está tras o proxecto galego de divulgación musical Ábrete de Orellas, activo desde hai 25 anos e Premio Martín Códax ao mellor espazo de comunicación Musical en 2016 e 2018. Ábrete de Orellas naceu como programa musical a finais do século pasado e entrega cada semana unha nova edición de sesenta minutos que emiten as grellas da Rede Galega de Radios Libres e Comunitarias (CUAC FM, Rádio FilispiM, Radio Roncudo, Radio Piratona, Radio Neria…), algunhas municipais como Radio Redondela, Radio Allariz, A Xente de Teo… e plataformas como Podgalego, Agora.gal, Pontevedra Viva Radio… Cunha é autor do libro Guadi Galego. Pola beiradacanción (Embora, 2019), responsábel dos contidos da premiada exposición #cantáMOLAengalego (2000-2020) para o Concello de Pontevedra e da exposición #GaleGoza para Vicepresidencia da Deputación de Lugo, así como partícipe en artigos en prensa, charlas, coloquios ou xurado de concursos musicais.
O sábado 15 de novembro sobre as 20:00 horas terá lugar unha nova edición das foliadas estacionais da Asociación Cultural CASTIÑEIRO MILENARIO, coa celebración da FOLIADA DE OUTONO 2025 no Centro Sociocultural de Begonte, situado xunto ao centro médico e a pista de pádel. Dita foliada empezará cuns petiscos para coller forzas e a partir das nove da noite acontecerá o núcleo central da foliada con catro grupos participantes. Como sucedeu en edicións anteriores, abrirán a foliada os grupos residentes, as cantareiras de Foliadeir@s do Castro e o grupo de gaitas de Treitoira. Despois desde Cospeito achegarase o grupo Beteluma Cantareiras, rematando co grupo das Pontes, No Cómbaro. Finalmente haberá foliada aberta ata que o corpo aguante.