Andanzas do Suso de Lameliña A SEREÍÑA DE COPENHAGUE

Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

A SEREÍÑA DE COPENHAGUE

Odio eterno á pequena serea de Copenhague. Foi ela quen esnaquizou os meus soños de nenez. Pequena si, pero non tanto como prometían os contos, ho! Que só se ve un penedo e cabezas de xaponeses e xaponesas disparando fotos sen descanso. Un auténtico escándalo.
A primeira vez que fun e a vin, que gran decepción! Saín de alí pitando camiño do primeiro pub para beber unha Calsberg e quitarme de enriba a xenreira que me corroía.
Aquela noite, entre vapores de cervexa e rancores, soñei que era un deses vándalos que se adican a cometer falcatruadas nos monumentos e mobiliario urbano e que cun spray descargaba toda a miña furia nunha mensaxe:

Desgraciada, que es unha desgraciada… e pensar que cheguei a estar namorado de ti!

COPENHAGUE

Ao cabo duns anos, volvín de novo,
e a pequena serea seguía alí,
impávida…
aturando aqueles efémeros pero intensos
feixes de luz.
Pero xa non estaba o chinés da rúa Stroguet,
xa non estabas ti,
agardando a que rematara de xantar,
para botarme unha filípica en contra
dos efectos nocivos do alcohol.
Xa non estaba o bar de Miguel, nin
aquel pub onde cantabamos “As canoiras* de Abres”…
Ao cabo duns anos, volvín de novo,
e a pequena serea seguía alí,
e cansei de beber cervexa,
e cansei de escoitar jazz…
Mais xa non estabas ti.

*Pola parte do Occidente de Asturias e a Mariña, chámanlle “canoiras” ás mulleres que polo mes de setembro, cando marchaban os veraneantes, ían darse os nove baños de rigor.

Inauguración da exposición RETRATOS, de Pedro Cabarcos, no Auditorio Municipal de Vilalba

O Instituto de Estudos Chairegos, na conmemoración do XXV aniversario da súa fundación, organiza a Exposición RETRATOS, unha colección de cadros pintados polo artista vilalbés Pedro Cabarcos.

A inauguración terá lugar o vindeiro xoves 20 de novembro, ás 20:00 horas, na Sala de Exposicións do Auditorio Municipal de Vilalba, e permanecerá aberta ao público ata o 31 de decembro, no horario habitual de apertura do Auditorio.