A Galería NÉBOA presenta a súa proposta no Espazo de Arte do Culturgal 2025

- A Galería NÉBOA presenta a súa proposta no Espazo de Arte do Culturgal 2025
- Lugar: Espazo Arte do CULTURGAL, Pazo da Cultura, Pontevedra
- Datas: 28 ao 30 de novembro de 2025 de 11h a 21h.
A Galería NÉBOA participará un ano máis no Espazo de Arte do Culturgal, que terá lugar entre o 28 e o 30 de novembro no Pazo da Cultura de Pontevedra. Nesta edición, a galería lucense levará os traballoS de Vicente Blanco, Andrea Davila Rubio, Alejandro Rego e Andrés Rivas Rodís.
A proposta da Galería NÉBOA para Culturgal 2025 é un diálogo entre corpos, materiais e imaxes; un encontro de voces que, desde distintos lugares, comparten unha mesma pulsión: comprender o mundo a través da fraxilidade, da transformación e do vínculo. Vicente Blanco, Andrea Davila Rubio, Alejandro Rego e Andrés Rivas Rodrís convídannos a percorrer ese territorio difuso onde o íntimo confúndese co común, onde a arte convértese en xesto, pel e memoria.
Na obra de Vicente Blanco (Cee, 1974) conflúen dous eixos entrelazados como raíces dun mesmo corpo: a construción da identidade e a interpretación da paisaxe. Desde hai décadas, o artista explora como se moldean os afectos, os desexos e as formas de ser no mundo desde espazos periféricos, invisibles, rurais, aqueles nos que el mesmo habita. A través do debuxo, Blanco constrúe un relato de xestos e miradas no que o humor e a ironía funcionan como formas de resistencia. A paisaxe, cada vez máis abstracta, transfórmase nun espazo doméstico, urbano, decorativo, onde os corpos dialogan, ameázanse ou se recoñecen. Todo na súa obra fala do delicado equilibrio entre vulnerabilidade e poder, entre amor e a súa sombra. Porque, como di o propio artista, no debuxo nada se oculta; nin os erros ou accidentes do proceso, nin os significados múltiples que cada obra pode suscitar.
Nas instalacións de Andrea Davila Rubio (Boiro, 1995) o corpo e a contorna deixan de ser opostos para integrarse nun mesmo sistema vivo. A artista propón unha relación horizontal entre o humano e o non humano, baseada no coidado e na reciprocidade. Davila constrúe unha rede de vínculos entre materia, corpo e paisaxe a través da figura do tubo —forma elemental e principio de tránsito. Nas súas esculturas, o corpo deixa pegadas, pero tamén é modelado polo que toca; respira, absorbe e déixase afectar. A súa práctica escultórica convértese, así, nunha poética da interdependencia: unha maneira de estar no mundo desde a permeabilidade, o coidado e a transformación compartida.
Nas fotografías de Alejandro Rego (A Coruña, 1993), o ceo convértese nun lenzo “en branco”, aínda que de cor azul: un espazo de experimentación onde a cámara actúa como pincel. As súas imaxes exploran a posibilidade de facer pintura a través da fotografía, unha pintura que cambia en cada instante, sempre distinta, sempre nova e, ao mesmo tempo, sempre a mesma. Subir ao ceo é unha serie construída a partir de pequenas polaroids que tentan abarcar o inabarcable: a inmensidade do ceo e o seu fluxo continuo de variacións.
As superficies das obras de Andrés Rivas Rodís (Santiago de Compostela, 2000) son fragmentos dun idioma pictórico en constante mutación, onde o erro, a mancha e o borrado transfórmanse en formas de coñecemento. As cores velan e revelan, as capas respiran e deixan entrever o proceso. Na súa obra, a imaxe convértese en pel que se reconstrúe, unha gramática da incerteza que oscila entre o analítico e o intuitivo.
Información práctica
📍 Espazo Arte, Pazo da Cultura de Pontevedra. Rúa de Alexandre Bóveda, s/n, 36005 Pontevedra.
📅 28 – 30 de novembro de 11h – 21h.

