O dúo Clo Plas inaugura mañá as gravacións abertas ao público sobre vinilos de cerámica do selo musical ANALOGIK DREAMS

  • O espazo vigués Río Lagares (Falperra, 16) abre as súas portas ás 20.00 horas deste xoves, 20 de novembro, para acoller esta experiencia pioneira impulsada por Sinsalaudio e que conta coa financiación do Ministerio de Cultura
  • ANALOGIK DREAMS conxuga experimentación, tecnoloxía analóxica e traballo artesán a través de gravacións únicas que contan coa participación do musicólogo Aleksander Kolkowski e da ceramista Olalla Lojo (Misoco Designs), que desenvolven estas semanas unha residencia artística en Río Lagares

O selo musical analóxico ANALOGIK DREAMS celebrará mañá, xoves 20, a primeira das tres gravacións en directo de pezas musicais en vinilo e discos de cerámica reproducibles. Trátase dunha experiencia pioneira que une experimentación, tecnoloxía analóxica, música ao vivo e traballo artesán; unha proposta inusual que contará coa colaboración de tres proxectos musicais do país: Clo Plas, Os Lindes e Carme López.

ANALOGIK DREAMS é un selo musical analóxico promovido por Sinsalaudio e coa financiación do Ministerio de Cultura. O proxecto, baixo a dirección do cineasta e guionista Álex Cancelo, nace co desexo de xerar un modelo disruptivo de creación, produción e distribución sonora a través da convivencia entre prácticas analóxicas e artesanais con tecnoloxías dixitais. 

Da man do musicólogo Aleksander Kolkowski -colaborador habitual de Sinsalaudio e responsable das gravacións das Sesións San Simón- e da ceramista e fotógrafa Olalla Lojo -responsable de Misoco Designs-, o espazo vigués Río Lagares (rúa Falperra, 16) transfórmase ata final de mes nun laboratorio de experimentación artístico e sonoro. 

O proceso arrancará mañá, xoves 20 de novembro, coa gravación directa en vinilo con bandas do país. Neste caso será co dúo Clo Plas, conformado por Xiana Arias e Berio Molina. Trátase dun proxecto artístico que explora a oralidade da montaña de Lugo (concretamente da zona da Fonsagrada) con música experimental e midi. A sesión, que comezará ás 20.00 horas, será de entrada libre ata completar a capacidade do espazo en Río Lagares.

Estas gravacións levaranse a discos de cerámica reproducibles, un formato inédito e que conxuga escultura, obra sonora e arquivo, ademais de presentar pezas únicas e limitadas. En paralelo, todo este proceso estase a documentar por parte de Cancelo coa intención de espallar o seu coñecemento e posterior difusión a través dunhaplataforma dixital.



ANALOGIK DREAMS

Residencia artísticas e gravacións ao vivo sobre vinilos de cerámica

Do luns 17  ao sábado 29 de novembro en horario de mañá e tarde.
Río Lagares (rúa Falperra, 16 – VIGO)

Gravacións abertas ao público*

– Xoves 20 de novembro, 20.00 horas | CLO PLAS

– Xoves 27 de novembro, 20.00 horas | OS LINDES
– Sábado 29 de novembro, 20.00 horas | CARME LÓPEZ
* Entrada libre ata completar capacidade

20251119-Clo-Plas-en-ANALOGIK-DREAMS

Fumega Fest presenta unha nova edición con datas e anuncio de bandas á vista

O FESTIVAL DE STONER ROCK E DOOM METAL TERÁ LUGAR OS DÍAS 26 E 27 DE XUÑO NO PARQUE DO PASATEMPO DE BETANZOS

Un dos grandes referentes do Rock e Metal alternativo da Península Ibérica, o festival Fumega Fest, confirma unha nova edición de cara a 2026. Tras a súa primeira entrega, este mesmo ano, que xuntou a grandes nomes da escena europea como Greenleaf, Psychonaut, Monkey3 ou Dvne, o festival anuncia as datas de celebración da súa seguinte entrega. O venres 26sábado 27 de xuño, o Parque do Pasatempo de Betanzos vibrará de novo co que xa é un dos eventos máis destacados do  Stoner Rock e Doom Metal na Península Ibérica. Os artistas e as entradas verán a luz o próximo luns 24 de novembro, segundo avanza a organización.

Fumega Fest vén de ateigar o Parque do Pasatempo de riffs electrizantes e sons contundentes, devolvendo o espírito rockeiro e metaleiro a un recinto que vivíu grandes noites envolto en acordes de guitarras eléctricas. O evento saldouse coa mellor das sensacións logo de ver a recepción dunha primeira edición que contou co cariño, respecto e sentimento dun público que correspondeu con creces.

Fumega Fest é un festival promovido pola promotora PlayPlan, encargados de festivais como BIGSOUND Pontevedra, SonRías Baixas ou Festival do Pasatempo, así como das carreiras de artistas como Hugo Guezeta, Vimbio ou Sabela. O evento conta coa colaboración institucional do concello de Betanzos e o patrocinio de El Águila


Representación da obra O PANO, a cargo do grupo Bátega Teatro, no Auditorio Municipal de Vilalba

O Instituto de Estudos Chairegos, coa colaboración do Concello de Vilalba, organiza a representación da obra O PANO, a cargo do grupo Bátega Teatro, nunha actividade englobada no Circuito de Teatro Profesional, financiada e patrocinada pola Área de Cultura-Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

O acto terá lugar o vindeiro domingo 23 de novembro, ás 20:00 horas, no Auditorio Municipal de Vilalba, con entradade balde, pero haberá que facer a correspondente reserva en entradasvilalba.es ou na páxina web do Concello.