PeitoEscuro ofrece un concerto en Santiago coa estrea de PAN DAS PEDRAS

O artista afincado na Ribeira Sacra debuta en Compostela cun concerto en Casa das Crechas o xoves 20 de novembro. As entradas están dispoñibles en Woutick.com
O artesán sonoro PEITOESCURO chega a Compostela o xoves 20 de novembro para presentar a súa proposta musical na Casa das Crechas, a partir das 20:30h. As entradas están xa á venda en Woutick.com.
Tras o concerto, estará disponible o novo sinxelo do artista “PAN DAS PEDRAS”, en todas as plataformas dixitais. Unha semana despois, o 29 de novembro, estrearase o videoclip que a acompaña, peza que pecha a triloxía audiovisual iniciada por “ALVORADA” e continuada con “METAMORFOSE”, dirixidos por Álex Baena e producidos por Iago Pico.
O día previo, o local multiusos da Asociación de Veciños de Salcedo, xunto co propio artista, acollerá un acto presencial de proxección da triloxía, aberto a todos os veciños e veciñas que queiran achegarse.

Con cantigas populares, versos poéticos e ritmos ancestrais, PEITOESCURO eleva a tradición folclórica ibérica utilizando recursos electrónicos co fin de amplificar os latexos das serras.
Destes procesos nace un espectáculo contemporáneo onde o movemento e as emocións acadan unha potencia no escenario que non deixarán pel sen estremecer nin peito sen esperanza. Unha posta en escena valente, vibrante, para un futuro que necesita lembrar a sabedoría do rural para florecer.
“SEMENTE NA FENDA” dá nome ao seu álbum debut, producido por Iago Pico, que nos convida a bailar no ritual do enterro das sementes: unha exploración da escuridade necesaria para espertar na procura da luz.
VÉMONOS NOS SENDEIROS
20/11/25 Casa das Crechas, Santiago
28/11/25 Asociación Veciños de Salcedo. Estrea videoclip “PAN DAS PEDRAS”
06/12/25 Auditorio Municipal, Burela
28/12/25 Casa da Cultura Olga Novo, Pobra de Brollón
https://www.youtube.com/@PEITOESCURO
LISDEXIA VOLTA ÁS SALAS GALEGAS EN 2026

O grupo de Muros quece motores para prender as pistas de baile os vindeiros meses de xaneiro e febreiro de 2026, cun percorrido por algunhas das salas máis míticas de Galicia.
CONCERTOS LISDEXIA
30/01/26 Sala Sónar, Santiago
31/01/26 Pub Gatos, Melide
06/02/26 Fábrica de Chocolate, Vigo
07/02/26 C.C Auriense, Ourense
Entradas á venda en Woutick.com
Despois dun verán cargado de festivais (Caudal Fest, Castelo Rock, Fene Rock..), o quinteto presenta agora nas salas o seu novo EP “Esclavos do baile”: seis himnos incendiarios que lanzan consignas que van dende a sátira lingüística ata a épica da resaca, sempre cunha conclusión clara: se queda vida, queda festa. Un traballo que os sitúa como unha das máis emocionantes propostas da escena actual.
Con letras afiadas e unha enerxía que se move entre a irreverencia de Terbutalina e o descaro de Novedades Carminha, Lisdexia consolídase como unha das propostas máis frescas e vibrantes da nova escena galega.
A formación ven de ser un dos grupos gañadores da primeira edición do ONDACHICHA, a iniciativa impulsada por Chichalovers e Radio Líder Santiago para dar visibilidade ao talento musical emerxente galego.
O resto é silencio… ata que empece o baile.