O trío transforma a ferida histórica da vergoña lingüística nun canto de resistencia e dignidade colectiva, nun momento crítico para o futuro do galego Lonxe do derrotismo, Lumedoloop pon o “trono, lóstrego e mailo raio” para “quen renegue do galego” neste novo manifesto, que funciona como catarse colectiva que nomea a ferida da vergoña para transformala en orgullo activo
Lumedoloop, unha das propostas máis sólidas e coherentes do hip hop galego, publica este venres Non Traio Un Laio, o terceiro adianto do seu álbum (Re)existencia. O tema, xa dispoñible nas plataformas dixitais, constitúe un manifesto musical contra a submisión lingüística, presentado como resposta artística á crise demográfica que atravesa a lingua galega. Con Non Traio Un Laio, Lumedoloop reafírmase como unha voz necesaria nun tempo de urxencia cultural: un proxecto que converte o rap nunha ferramenta precisa para o compromiso artístico.
“Non traio un laio. Traio un manifesto”, afirma Jamas, voz e letrista do trío. “Durante séculos, fixéronnos crer que a nosa voz valía menos. Agora tócanos berrar máis forte”, asevera. Así, lonxe do derrotismo, Non Traio Un Laio funciona como catarse colectiva que nomea a ferida da vergoña para transformala en orgullo activo. A canción sitúase nun contexto de alarma demográfica ao tomar como referencia os recentes estudos que sinalan un descenso acelerado de galegofalantes, especialmente entre as xeracións máis novas.
Este terceiro manifesto de Lumedoloop, o trío conformado por Jamas, Møu e DJ Mil constrúese como un percorrido emocional que vai da vergoña ao orgullo, nomeando sen ambigüidades a submisión aprendida para logo desmontala. A letra atravesa imaxes duras e memorables -”Seguimos na mesma, baixando a cabeza, arrastrados como lesmas que intentan cruzar a autoestrada e piden perdón logo de ser aplastadas”-, proclamas de afirmación soberana -“para todo aquel que renegue do galego traio o trono, o lóstrego e mailo raio”-, momentos de intimidade reivindicada e escenas de transmisión interxeracional que sitúan a lingua no ámbito do afecto, do corpo e do futuro.
A nivel sonoro, Møu traza este percorrido cun beat sólido e hipnótico, de base electrónica e pulsión break, mentres DJ Mil achega a dimensión táctil e o pulso rítmico mediante uns scratches dinámicos e cirúrxicos.
Un videoclip pixelado para denunciar a vixencia do conflito lingüísticoO sinxelo chega acompañado dun videoclip realizado porA. L. Crego, creador dixital recoñecido internacionalmente e quen asina tamén o vídeo do primeiro manifesto , Rico de Sabor. A peza audiovisual presenta a DJ Mil, Møu e Jamas nun espazo escuro e simbólico, cunha estética de pixel art que remite aos videoxogos de comezos dos anos 90.
O uso da pixelación vai alén dunha decisión estética e funciona como metáfora conceptual: «É unha identidade fragmentada. As nosas caras están pixeladas para amosar a ferida, non para ocultala», explica Jamas. Ao mesmo tempo, esa linguaxe visual de inspiración vintage «opera como un recordatorio incómodo: o conflito lingüístico pode parecer obsoleto, propio doutra época, pero segue plenamente vixente».
Lumedoloop
Lumedoloop nace do encontro entre tres figuras fundamentais do hip hop galego. Por unha banda, Jamas (voz principal), un dos MCs máis carismáticos dos nosos escenarios, cun estilo que mestura contundencia e sensibilidade, posuidor dun flownatural cargado de musicalidade e forza explosiva. Pola outra, Møu (produción musical e voz), o produtor que marcou a evolución do rap en Galicia, cunha identidade sonora tan asentada coma en constante exploración. Ambos, integrantes e fundadores de Dios Ke Te Crew, alíanse neste proxecto artístico con DJ Mil (scratches e djing), virtuoso dos pratos cunha carreira consolidada cuxos cortes e seleccións son parte esencial da narrativa sonora de Lumedoloop.
Desde o seu nacemento, Lumedoloop está a trazar o camiño que marca (Re)existencia, o seu álbum debut que verá a luz o 20 de febreiro. Trátase dun traballo conceptual que propón unha fonda reflexión sobre o significado de vivir con conciencia e sobre a creación artística como ferramenta de resistencia, pensamento crítico e celebración colectiva. Cos primeiros avances -ou manifestos-, titulados Rico de Sabor e Rap Cru, o trío abordaba a loita pola dignidade vital e a celebración da creación pura como acto de renacemento. Neste Non Traio Un Laio, os artistas erguen a voz contra a submisión lingüística, o desarraigo cultural e a favor do apoderamento da lingua galega.
O artista actuará o 30 de abril no Coliseum da Coruña, nunha cita na que o público se poderá situar no escenario, transformado nun ‘llagar’, e ser parte do espectáculo
As entradas para a presentación en Galicia do novo traballo discográfico do asturiano poderanse adquirir a partir das 11.00 horas deste martes 23 a través de Ataquilla.come rodrigocuevas.sexy; mais os billetes para ser parte da experiencia inmersiva do llagar unicamente estarán dispoñibles nesta última
Rodrigo Cuevas presentará a súa nova proposta escénica, La Belleza, o 30 de abril no Coliseum da Coruña. Será a única actuación que o artista asturiano ofreza no 2026 en Galicia no marco da súa nova xira. As entradas poranse á venda mañá, martes 23, a partir das 11.00 horas.
La Belleza transformará parte da pista do recinto coruñés nun ‘llagar’, local tradicional no que se fai a sidra. Neste espazo, convertido en escenario, o público -sentado en mesas- formará parte do show e convivirá co cantante, quen interactuará coas persoas que teñan billete para gozar desta experiencia inmersiva. Este tipo de entrada, ademais, acompañarase dunha degustación de sidra e outros produtos asturianos desde a apertura de portas e até o inicio do show.
Rodrigo Cuevas iniciará a xira La Belleza, unha fantasía escénica e argumental, o 24 de abril en Avilés. A súa actuación no Coliseum será, polo tanto, a segunda cita dun tour que fará da indeferenza un lugar intransitable. As entradas para asistir ao único concerto que ofrecerá en Galicia no 2026 poranse á venda mañá martes, 23 de decembro, ás 11.00 horas, a través das plataformas Ataquilla.com e rodrigocuevas.sexy. Só nesta última web estarán dispoñibles os billetes especiais para gozar da experiencia inmersiva do Llagar La Panoya Dorada -que inclúe asento reservado nunha das mesas do escenario, servizo de sidra e outros agasallos- situado como escenario, e que permitirá ao público formar parte do espectáculo. Estas entradas serán limitadas e sen numerar, e o acceso será por orde de chegada ao Coliseum.
LA BELLEZA, DE RODRIGO CUEVAS 30.04.2026 COLISEUM DA CORUÑA Activación da venda de entradas: martes 23 de decembro ás 11.00 horas Plataformas de venda: Ataquilla.com e rodrigocuevas.sexy Billetes especiais ‘Llagar La Panoya Dorada’: rodrigocuevas.sexy
Un ano máis o outono toca ao seu fin. Velaquí na súa lembranza, un poema e catro relatiños.
Pinta o outono unha paleta de cores. Danza o laranxa, danza o vermello, brinca o amarelo dourado, levita o marrón, o gris azulado, e o verde musgo abraza a memoria.
Pinta o outono unha paleta de cores. Resoa a muiñeira da melancolía, as follas mortas de Prèvert acoden a nós, lembrando cando a vida era máis fermosa, cando o sol ardía con máis forza.
Pinta o outono unha paleta de cores. Bailan as follas, mingua o día, íspese o poema de caducos versos, para ser raíz, sostén de acordanzas… Repousa a terra.
A melancolía do outono é como esa parra que, muda e rebuldeira, agatuña polo que un día foi o noso fogar.
Cada novembro os merlos da nenez regresan ao camposanto dos soños.
Na necrópole das lembranzas as flores do esquecemento acompañan o silencio.
MAÑÁ DE OUTONO
Día solleiro de outono. Hai unha mestura de sons no aire que aledan a mañá: ladridos que espertan, corvear que describe círculos, sinfonía de chirlos, cacarexos de liberdade, rinchos que resoan no val, chocas que pacen no verde, campás que anuncian horas. É mediodía. O sol pousa morno nun tapiz de cores: dourados, amarelos, vermellos, marróns… El, sentado e coas mans repousando sobre o colo, os ouvidos e os ollos abertos ao mundo, deixa que o tempo se derrame lento, como as augas do regueiro que ao seu carón debuxan caligramas entre as pedras e as follas caídas. Nun momento dado, pecha os ollos… e sente que todo está en equilibrio, esquecendo por completo o ruído que enzoufa de rancor o mundo. E pensa… Pensa, mentres un lixeiro vento abanea as pólas dos castiñeiros, orfos xa de castañas, que non hai como o outono para sentirse en paz.
O ‘Orgullo do Norte’ regresará á cidade da Coruña do 5 ao 12 de xullo de 2026
A cita quenta motores para celebrar a súa sétima edición tras consolidarse como un referente dos ‘Orgullos’ que teñen lugar no verán ao longo da Península, como un espazo de celebración aberto, seguro e diverso, que gaña novos adeptos ano tras ano, con preto de 45.000 asistentes en 2025e divertidas propostas musicais para todos os públicos
Un ano máis, no programa do Atlantic Pride terán cabida grandes figuras pop de hoxe e de sempre, coloridas actuacións de drags, pinchadas de dj’s de referencia da escena galega e estatal e a celebración dun Certame Literario de Literatura LGTBIQ+, que en 2026 afrontará a súa quinta edición
O Atlantic Pride é un festival pioneiro, gratuíto e inclusivo nacido na Coruña no ano 2019, destinado a reivindicar a liberdade afectiva, sexual e de identidade dende unha perspectiva lúdica e inclusiva
A cita está impulsada pola Asociación Orgullo Coruña (ORCO) e conta co patrocinio institucional do Concello da Coruña, ademais do apoio da Deputación da Coruña e o patrocinio privado de Estrella Galicia, Coruña The Style Outlets e Globalgrafic
O Atlantic Pride quenta motores para a celebración da súa 7ª edición en 2026. A cita será do 5 ao 12 de xullo na cidade da Coruña. Para abrir boca, o evento ven de anunciar un verdadeiro ‘Orgullo do Norte’ para o seu cartel: a coruñesa Miriam Rodríguez (Pontedeume, 1996), quen saltou á fama tras o seu paso polo talent show Operación Triunfo en 2017, onde logrou a terceira posición, e a súa festexada vitoria na décima edición de Tú cara me suena. O público do Atlantic Pride poderá gozar coa complicidade desta compositora, cantante e presentadora todoterreo, que leva sempre as súas raíces galegas por bandeira e que no festival amosará o seu lado máis divertido e emocional, cun directo cargados de influencias do pop electrónico dos oitenta, nunha constante reinvención na que non perde, nunca, a súa esencia.
Con este primeiro anuncio, a Asociación ORCO, organizadora do Atlantic Pride, quede destacar que, tras o récord de asistencia do evento na súa edición 2025, que reuniu a preto de 45.000 persoas en oito xornadas de concertos, “desde o festival, seguimos a traballar nun cartel musical ecléctico, dicvertido, actual e diverso, coa vontade firme de que todas as persoas se sintan representadas e benvidas, para situar á cidade da Coruña como un referente da diversidade, a liberdade e a celebración, e apostando, de novo, polas sinais de identidade desta cita xa icónica da Coruña: visibilización, inclusión, cultura, talento e diversión”.
SOBRE MIRIAM RODRÍGUEZ
Tras o seu paso pola academia de Operación Triunfo, os seus dous primeiros traballos discográficos e colaboracións con artistas como Pablo López ou Melendi, Miriam Rodríguez é, indiscutiblemente, unha das voces máis destacadas dos últimos anos no panorama musical español. Cun talento vocal e escenográfico extraordinario, a cantante e compositora participou en formatos televisivos de éxito como Tu cara me suena, onde se proclamou gañadora da súa edición, ou La Voz, meténdose no papel de quinta coach.
Tras lanzar os sinxelos Debilidad, Déjame cuidarte e Línea Roja, a cantante galega publicou o seu álbum líneas rojas en febreiro de 2024, un disco conceptual no que arriscaba cunha gran variedade de sons e onde se reflectía claramente a evolución musical que a artista experimentou nos últimos anos. Tras o éxito das súas xiras anteriores, Miriam Rodríguez presentou este traballo discográfico no línea roja tour, unha xira que a levou polas principais cidades do noso país.
Xa en xaneiro de 2025, a artista galega logrou o maior éxito da súa carreira ao colgar o cartel de ‘sold out’ no Live Las Ventas de Madrid, cun show único no que se entregou por completo ao seu público. Tamén en xaneiro de 2025, publicaba un novo sinxelo, Para volver, influenciada polo ritmo dos 80 de Bronski Beat e que supuxo un novo fito na súa traxectoria. Este mes de decembro de 2025, a galega publicou Valió la pena fallar, un disco en formato físico que recolle o seu mítico concertos de La Ventas, con dous CD’s, un póster e un vídeo documental do directo.
SOBRE O ATLANTIC PRIDE, O ‘ORGULLO DO NORTE’ CORUÑÉS
Coñecido como o ‘Orgullo do Norte’, o Atlantic Pride é un festival de música pioneiro, gratuíto e inclusivo, destinado a reivindicar a liberdade afectiva, sexual e de identidade dende unha perspectiva lúdica e inclusiva. A cita, que na súa 6ª edición, celebrada en xullo de 2025, reuniu a preto de 45.000 persoas na cidade da Coruña, está impulsada pola Asociación Orgullo Coruña -ORCO-, co patrocinio institucional do Concello da Coruña, ademais do apoio da Deputación da Coruña. O Atlantic Pride conta, tamén, co patrocinio privado de Estrella Galicia, Coruña The Style Outlets e Globalgrafic.
O encontro nace en 2019 coa vontade de situar á cidade herculina como a capital do bo ambiente e a celebración sen distincións nin barreiras. O proxecto, que trata de aglutinar a todas as capas da sociedade coruñesa dentro dunha contorna segura e amigable, desenvólvese en torno a varios días de concertos e actividades culturais, coa fin de atraer ao público local e de fóra, como un referente cultural, turístico e social e unha das citas imprescindibles do verán no noroeste peninsular.
Tras seis edicións, o Atlantic Pride consolídase como un espazo de celebración aberto, seguro e diverso, como referente dos ‘Orgullos’ que se celebran no comezo do verán ao longo da Península e no que teñen cabida coloridas propostas para todos os públicos, gustos e idades. Así, no Atlantic Pride non faltan concertos de inspiración eurovisiva, grandes nomes do pop galegos, nacionais e internacionais, divertidas actuacións de drags, pinchadas de dj’s de referencia da escena galega e estatal e a celebración do Certame Literario de Literatura LGTBIQ+, da man do Club de Lectura QUEERuña, que no 2026 afrontará a súa quinta edición.
Nos seus xa seis anos de historia, o cartel de Atlantic Pride reuniu figuras como La Terremoto de Alcorcón, La Casa Azul, Ladilla Rusa, Samantha Hudson, Javiera Mena, Grande Amore, Soleá Morente, OBK, Amistades Peligrosas, Fillas de Cassandra, Joe Crepúsculo, La La Love You, Melody, Locomía, Nancys Rubias, Samantha Ballentines, Soraya, Chanel, Lucía Pérez, Las Ketchup, Luna Ki, Mondra, Nena Daconte, Nebulossa, Raúl, Rosa López, Shego, Supremme De Luxe, Vengaboys, Agoraphobia, Anabel Conde, Arantxa Castilla-La Mancha, De Ninghures, David Civera, Edurne, Judeline, Leria, Mayo, Merche ou Nia, entre moitas outras.