‘Medida por medida (La culpa es tuya)’, de Gabriel Chamé Buendía, gaña o Premio do Público do FIOT34

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo botou con éxito o pano da súa 34º edición o pasado 31 de outubro nun ano no que contou con preto de 15.000 asistentesao longo das súas seis semanas, con 44 espectáculos e máis de 20 actividades paralelas, cunha porcentaxe de ocupación do Programa de Sala dun 100%, todo un fito neste 2025
O Programa de Sala acadou unha puntuación de 4,39 sobre 5, mentres que a nota media da programación global do FIOT (que inclúe o Programa de Sala, o OTNI, a Rúa dos Contose o FIOT en Ruta) foi dun 4,43 sobre 5, cun total de 2.073 votantes rexistrados
Medida por medida (La culpa es tuya)’, de Gabriel Chamé Buendía, foi o espectáculo máis valorado polo público neste #FIOT34, cunha puntuación de 4,75 sobre 5, a moi curta distancia de Yo solo quiero irme a Francia, de Contraproducións, protagonizada por María Galiana, que obtivo a segunda posición cunha puntuación de 4,63 sobre 5
O espectáculo Medida por medida (La culpa es tuya), de Gabriel Chamé Buendía, gaña o Premio do Público do FIOT34, que botou con éxito o pano da súa 34ª edición o pasado 31 de outubro cun balance altamente positivo. Así, ‘o corazón do teatro en Galicia’ contou con preto de 15.000 asistentes ao longo das súas seis semanas, con 44 espectáculos e máis dunha vintena de actividades paralelas, cunha porcentaxe de ocupación do Programa de Sala dun 100%, todo un fito nas súas máis de tres décadas de historia.
O Programa de Sala acadou unha puntuación de 4,39 sobre 5, mentres que a nota media da programación global do FIOT (que inclúe o Programa de Sala, o OTNI, a Rúa dos Contos e o FIOT en Ruta) foi dun 4,43 sobre 5, cun total de 2.073 votantes rexistrados.
Deste xeito, Medida por medida (La culpa es tuya), de Gabriel Chamé Buendía, foi o espectáculo máis valorado polo público neste #FIOT34, cunha puntuación de 4,75 sobre 5, a moi curta distancia de Yo solo quiero irme a Francia, de Contraproducións, protagonizada, entre outras, por María Galiana, que obtivo a segunda posición cunha puntuación de 4,63 sobre 5.
En palabras de Alberto Sueiro, presidente da Asociación Telón e Aparte, organizadora do FIOT: “Neste balance da 34ª edición do FIOT, cabe destacar a capacidade de reacción aos problemas e incidencias, grazas a un equipo humano e unha organización do festival solvente e madura. A altísima ocupación dos espectáculos e actividades, con máis de 15.000 persoas participantes, fan deste último FIOT o máis grande da historia. E isto é grazas a transversabilidade do festival e á súa rede de colaboradoras e colaboradores: públicos, artistas, entidades e colectivos implicados, que conforman un tecido de base, unha raíz única, que de forma horizontal e colaborativa sustenta este gran ‘corazón do teatro en Galicia’. O festival volveu ser un grande activista, defensor e motor da cultura galega, cada vez con máis adeptos e adeptas que nos visitan e nutren as nosas raíces. Por todo isto, sentimos moitísima gratitude e satisfacción. Grazas e larga vida ao FIOT”.


UNHA DAS EDICIÓNS MÁIS PARTICIPATIVAS E EXITOSAS DA HISTORIA DO FIOT
O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, clausurou a súa última edición cun dos mellores balances da súa historia, tanto en asistencia de público como en valoración artística e social. O evento, consolidado como un dos grandes referentes das artes escénicas de Galicia e de España, contou cunha participación de preto de 15.000 persoas entre espectáculos e actividades paralelas, con máis de 7.000 espectadores nas súas representacións teatrais.
A acollida foi masiva en toda a programación, con máis do 90% de ocupación media nos espectáculos con aforo e venda íntegra de bonos. Cabe destacar o fito do 100% de ocupación do Programa de Sala acadado por primeira vez na historia do FIOT. Cabe destacar, tamén, a rapidez coa que se esgotaron as entradas, así como a alta asistencia no ciclo OTNI, que este ano se desenvolveu no Auditorio do Pazo da Cultura, ampliando a súa capacidade e mantendo unha excelente resposta do público.
A valoración xeral da audiencia neste 2025 foi moi alta, acadando o espectáculo gañador do Premio do Público, Medida por medida, unha das puntuacións máis elevadas da historia do FIOT, ademais de rexistrarse, tamén, notables cualificacións no resto de ciclos de programación: Rúa dos Contos, OTNI, FIOT en Ruta ou o Certame de Micro-Escenas M2.
UN FESTIVAL DIVERSO, INCLUSIVO E CONECTADO COA COMUNIDADE
A programación desta 34ª edición do FIOT combinou 44 espectáculos (que inicialmente eran 45, pero houbo dúas cancelacións por causa de forza maior alleas ao festival, Territorio Regueifa, que foi substituída polo monólogo Aquí Tou, e 14.4) e unha ampla oferta de propostas para todos os públicos: familiares, escolares, maiores e colectivos diversos.
O FIOT reforzou a súa conexión social e cultural a través dun intenso programa de máis dunha vintena de actividades paralelas de mediación e promoción das artes escénicas: exposicións, lecturas dramatizadas, conversas arredor de espectáculos, obradoiros, charlas, proxeccións, presentacións de espectáculos en proceso de creación, Onda FIOT e presentacións de publicacións dramáticas, entre outras.
A diversidade de escenarios —25 espazos diferentes, desde o Auditorio do Pazo da Cultura ata a praia de Razo, as prazas de Carballo, centros educativos, bares, comercios e a residencia de maiores— reflectiu a vontade do festival de achegar o teatro á cidadanía e ocupar a vila enteira co espírito do FIOT.
O compromiso coa accesibilidade estivo presente en toda a programación, con tres espectáculos e presentacións interpretadas en lingua de signos, butacas reservadas para persoas con mobilidade reducida ou dificultades sensoriais e xornadas profesionais sobre accesibilidade en colaboración coa Deputación da Coruña.
O festival contou, un ano máis, coa colaboración do tecido social e cultural local, con máis de trinta entidades e colectivos implicados, entre institucións galegas, administracións locais, centros educativos, asociacións culturais e empresas da contorna. Destacaron as alianzas con entidades como o Consello da Cultura Galega, a Deputación da Coruña, Xunta de Galicia, Camiño Escena Norte, Radio Nordés-Cadena SER, o Centro da Terceira Idade, Senda Nova e múltiples servizos municipais.
Tamén se salientou a participación de artistas locais, coa sorprendente instalación de Noelia Paz, os Premios do FIOT realizados por María Barca, de Crúa, e o labor de ZoomFIOT no seguimento fotográfico do festival.
AGRADECEMENTOS
O FIOT reafirma a súa posición como un dos eventos culturais máis importantes de Carballo e unha das propostas teatrais máis destacadas de Galicia, pola calidade artística, a ampla participación e o recoñecemento do público e da crítica, tanto dentro como fóra de Galicia.
Un ano máis, a organización quere amosar o seu “agradecemento a artistas, compañías, institucións, patrocinadores, voluntarios e público, cuxo entusiasmo e compromiso fan posible un festival ambicioso, rigoroso e profundamente enraizado no ecosistema cultural galego”. Así, o FIOT dálle as grazas a:
· “Aos que actúan ou participan no programa porque nos transmiten a súa satisfacción por formar parte dunha proposta de prestixio, que perciben como diferenciado pola calidade e o mimo con que se tratan todas as súas facetas”.
· “Ás institucións, polo seu respecto a un proxecto ambicioso, rigoroso e honesto co ecosistema cultural”.
· “A un equipo moi consolidado de voluntarios e numerosos colaboradores e colaboradoras, base na que nos sustentamos e da que sentimos o seu apoio incondicional, e que son os mellores embaixadores do FIOT”.
· “Aos espectadores que nos apoian día a día, función a función e actividade a actividade, que participan, opinan, animan, critican e, sobre todo, transmítennos a ilusión polo FIOT”.
De cara ao futuro, o FIOT retomará a coprodución con Ainé Producións de Territorio Regueifa, para a súa estrea a principios de ano, e continuará traballando na consolidación de proxectos que manteñan viva a ilusión e a excelencia que caracterizan o festival.
SOBRE ‘MEDIDA POR MEDIDA’, ESPECTÁCULO GAÑADOR DO PREMIO DO PÚBLICO DO #FIOT34
O duque Vincentio de Viena, preocupado pola decadencia moral do seu pobo, deixa no poder ao intachable Angelo. Mais, en segredo, disfrazarase de frade para observar o que acontece. Angelo aplica inflexiblemente a lei e condena a morte a Claudio por deixar embarazada á súa prometida. O duque, desde a sombra, intervirá nunha trama chea de tensións éticas, políticas e sexuais, ata chegar a un final inesperado.
Dez anos despois da súa anterior visita ao FIOT, o prestixioso arxentino mestre de actores Gabriel Chamé Buendía volve a reinventar a Shakespeare desde o humor físico e unha linguaxe escénica lúdica que recorda a mellor tradición xograresa.
A obra cuestiona as estruturas morais que nos gobernan e revela as tensións entre o poder e a responsabilidade, situando a figura feminina no centro dun conflito inquedante e actual: o abuso de poder político e sexual. Chamé propón unha reflexión sobre un presente infantil e vixente que culpabiliza sempre ao outro e sobre os lazos íntimos ente a nobreza e a baixeza do ser humano.
UNHA PANORÁMICA GLOBAL SOBRE A 34ª EDICIÓN DO FIOT DE CARBALLO
Do 25 de setembro ao 31 de outubro, o Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, regresou ás táboas para celebrar a súa 34ª edición con 45 espectáculos, 11 estreas absolutas, 11 estreas en Galicia, 2 coproducións e figuras imprescindibles da escena teatral contemporánea. Durante cinco semanas, o FIOT achegou a Galicia una coidada selección de propostas á altura dos teatros e festivais máis representativos de España e Europa, con propostas que triunfan no Teatro Español, a Compañía Nacional de Teatro Clásico, o Centro Dramático Nacional, os Teatros del Canal, o Festival de Almagro, Fetén, o Festival Temporada Alta de Girona ou o Festival de Otoño de Madrid.
Así, o FIOT de Carballo encheu ás salas, as rúas e os espazos non convencionais da vila bergantiñá con pezas de artistas e compañías como Andrea Jiménez, Jan Lauwers, Juan Diego Botto, Sergio Peris-Mencheta, María Galiana, Alex O’Dogherty, Lucas Escobedo, Pont Flotant, Gabriel Chamé Buendía, Galeatro, Pistacatro, Needcompany, Gonzalo Cunill, Ainé, Quico Cadaval, Paula Quintas, Evaristo Calvo ou El Patio Teatro.
Nesta 34ª edición, o FIOT volveu converterse no “corazón do teatro en Galicia” da man das súas liñas de programación habituais, con propostas abertas a todos os públicos, formatos e sensibilidades, procedentes de 3 países –España, Bélxica, Arxentina– e 9 comunidades autónomas –Andalucía, Asturias, Comunidade Valenciana, Cataluña, Comunidade de Madrid, Galicia, A Rioxa, Castela-A Mancha e País Vasco–, ademais dunha vintena de accións de mediación.
No FIOT houbo Programa de Sala, OTNI, Rúa dos Contos, Teatro de Rúa, FIOT en Ruta, Micro-escenas M2, FIOTeen e Fiotiño, ademais de 3 residencias artísticas, 2 presentacións de works in progress e actividades paralelas como exposicións, gravacións de OndaFIOT, presentacións de libros, conversas, o Premio do Público, o Certame de Teatro Lido, etc.
Recoñecido como un proxecto pioneiro e clave da cultura en Galicia e unha cita referente da cultura galega, non só en termos de exhibición, senón tamén de produción e acompañamento artístico, no #FIOT34 non faltaron producións con selo galego que forman parte fundamental do seu programa, da man de compañías e artistas tan queridas polo público de Carballo como Contraproducións, Ainé, Pistacatro, Paula Quintas Cía., Evaristo Calvo, Quico Cadaval e Celso Sanmartín, Marita Martínez ou Galeatro –esta última, en tándem artístico con Xarope Tulú e a Premio Nacional de Literatura Dramática Paula Carballeira–.
Cabe destacar que, fiel á súa vocación de apertura, con propostas transversais e inclusivas para o goce de todos os públicos, neste #FIOT34 moitas das grandes propostas estiveron orientadas a todos os públicos, non exclusivamente adultos, como é o caso das marabillosas Matres ou Farra. Un ano máis, houbo espazo para o risco, os clásicos, os emerxentes, as novas linguaxes e, en definitiva, o descubrimento.
“Raíz viva, memoria colectiva” foi o leitmotiv dunha edición que buscou poñer en valor a orixe e a tradición como símbolos de identidade propia e faros da nosa contemporaneidade. Tratouse dunha chamada á orixe: a aquilo que nos sostén por dentro, aínda que non se vexa. Como as entrañas do corpo, a raíz e a memoria forman parte desa anatomía común que nos une: emocional, cultural e escénica.
MÁIS DE TRES DÉCADAS CREADO TEATRO DESDE CARBALLO: O FIOT
O Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) é un festival que ofrece un programa comprometido coas artes escénicas e cos proxectos máis prestixiosos do teatro actual. Está organizado pola Asociación Cultural Telón e Aparte e conta coa colaboración do Concello de Carballo. Pola súa traxectoria, a calidade da programación, a variedade das propostas de intermediación cultural que ofrece e pola súa proxección, o FIOT sitúase como un dos festivais máis importantes de Galicia e referente cultural durante o outono: un mes completo de programación, con preto de 40 espectáculos e ducias de actividades paralelas, converten a Carballo na capital das artes escénicas da comunidade galega.
Desde hai 34 anos, o FIOT dá a coñecer en Carballo o traballo de compañías de referencia e de creadoras emerxentes. Mais, especialmente, busca atraer novos públicos ao teatro. O festival nace en 1992 como espazo para ofrecer unha programación de teatro de calidade na comarca de Bergantiños e impulsar unha estrutura creativa arredor das artes escénicas na zona. Desde entón, FIOT é o lugar de encontro entre artistas, compañías e programadoras, e aposta por estimular a creación e o traballo en rede tanto a través da oferta de espazos para residencias artísticas como da implicación, do propio festival, na produción e novos espectáculos, fundamentalmente de compañías galegas.
Nas súas pasadas 33 edicións, FIOT contou coa participación das compañías máis relevantes de Galicia e España, ademais do ámbito internacional, outorgando así espazo a numerosas disciplinas, novas linguaxes, xéneros e formatos; ademais de ofrecer estreas absolutas ou no territorio galego. Desde xeito, máis de 350 formacións e artistas presentaron os seus traballos no FIOT, con nomes tan salientables no marco do panorama escénico galego, nacional e internacional coma Blanca Portillo, Pablo Messiez, Rafael Álvarez ‘El Brujo’, Yllana, Ron Lalá, Pont Flotant, Titzina, Kamikaze Producciones, Compañía do Chapitô, Leo Bassi, Grupo Chévere, Timbre 4, Mofa e Befa, Xosé A. Touriñán, Quico Cadaval…
Ao longo da súa traxectoria, diversos recoñecementos acreditaron o intenso traballo do FIOT para achegar as artes escénicas do século XXI á cidadanía e recoñeceron o festival como unha das iniciativas teatrais do noroeste peninsular máis relevantes na actualidade. Entre outras distincións cítanse, ademais da ‘Insignia Cultural’ do ‘Observatorio de la Cultura’ da Fundación Contemporánea como mellor proxecto cultural de Galicia en 2022, o Premio da Cultura Galega 2018 no ámbito das artes escénicas outorgado pola Xunta de Galicia ou o Premio Galego do Ano 2018, entre outros.
MÁIS INFORMACIÓN
2025.11.11.NP-balance-FIOT34