Desde este martes 11, e até o martes, 25 de novembro, no marco das Residencias Paraíso 2025, impulsadas polo Colectivo RPM, a creadora galega traballará na vila coruñesana súa proposta Sagrado Corazón
Sagrado Corazón é unha investigación da artista arredor do desexo, a divindade, o privilexio e a vinganza, que escolle o marco estético da Idade Media europea, con cabaleiros de armadura, espadas, dragóns e unicornios, a través dunha linguaxe híbrida entre poesía, danza, videoproxección e instalación
Unha vez finalizada a súa residencia, Isolda Comesaña ofrecerá unha mostra aberta do seu traballo en proceso, que terá lugar na mesma Capela do Pilar de Corcubión, o venres, 25 de novembro, ás 20.00 horas, con acceso libre ata completar a capacidade
Esta mostra aberta da ‘Residencia Paraíso’ de Isolda Comesaña enmárcase dentro dos actos programados polo Concello de Corcubión arredor do 25N, co gallo de visibilizar unha das datas por excelencia do movemento social e feminista en España, da man dunha artista cunha traxectoria significativamente vinculada ás temáticas feministas
Residencias Paraíso é un proxecto impulsado por RPM que conta co financiamento da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, e das distintas institucións coprodutoras do programa: Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Concello de Vimianzo, Concello de Carballo, Concello de Corcubión, MIT (Concello de Ribadavia) e Fundación Cidade da Cultura de Galicia
A artista Isolda Comesaña inicia a súa andaina na novena edición das Residencias Paraíso este martes, 11 de novembro, en Corcubión. As Residencias Paraíso son un programa anual de residencias artísticas para a danza e as artes vivas pioneiro no noso territorio, promovido polo Colectivo RPM. A Capela do Pilar da vila coruñesa acollerá desde mañá e até o martes 25 de novembro a derradeira destas residencias artísticas de 2025, en torno á proposta Sagrado Corazón, de Isolda Comesaña.
Sagrado Corazón é unha investigación escénica da artista galega Isolda Comesaña Alcaraz arredor do desexo, a divindade, o privilexio e a vinganza, que partindo dunha cartografía do corazón a través da vulnerabilidade e a apertura nun sentido emocional, escolle o marco estético da Idade Media europea: cabaleiros de armadura, espadas, dragóns e unicornios.
Unha vez finalizada a súa residencia, Isolda Comesaña ofrecerá unha mostra aberta do seu traballo en proceso, que terá lugar na mesma Capela do Pilar de Corcubión, o venres, 25 de novembro, ás 20.00 horas, con acceso libre ata completar a capacidade. Esta mostra aberta da ‘Residencia Paraíso’ de Isolda Comesaña enmárcase dentro dos actos programados polo Concello de Corcubión arredor do 25N, co gallo de visibilizar unha das datas por excelencia do movemento social e feminista en España, da man dunha artista cunha traxectoria significativamente vinculada ás temáticas feministas.
SOBRE O PROXECTO
Sagrado Corazón é unha investigación escénica da artista galega Isolda Comesaña Alcaraz arredor do desexo, a divindade, o privilexio e a vinganza, que partindo dunha cartografía do corazón a través da vulnerabilidade e a apertura nun sentido emocional, escolle o marco estético da Idade Media europea: cabaleiros de armadura, espadas, dragóns e unicornios.
A armadura amósase como o símbolo perfecto para as moitas fortalezas e muros que se constrúen ás veces nos corazóns das persoas, desconectadas das propias emocións e das dos demais. O cabaleiro é o símbolo do heroe que emprende unha viaxe iniciática, onde a superación de distintos obstáculos para “salvar” (tradicionalmente, unha princesa, ou liberar ao reino das garras dalgunha criatura máxica como un dragón) non é máis que un salvamento propio, unha viaxe interna, cuxo fin é abandonar a armadura para atopar o propio corazón: ese é o destino final.
Este interese estético trae consigo unha reflexión necesaria desde o prisma político: que teñen que ver todas estas lendas coa construción de Europa como entidade? Como contribúe este imaxinario medieval á identidade europea? Cando, como e por que se constrúe o relato do cabaleiro medieval cristián e que relación ten coa presenza musulmá? Canto de relato contemporáneo hai na nosa visión dese pasado que, en realidade, non coñecemos tanto? Canto de racismo e etnocentrismo hai nesa construción? Foi ou é Europa branca, cristiá e nobre?
Ademais, Sagrado Corazón é unha investigación escénica que, a través dunha linguaxe híbrida entre poesía, danza, videoproxección e instalación, aborda o corpo no artefacto artístico, xurdindo a tensión entre o imaxinario medieval e o corpo, neste caso, especificamente, das mulleres. Deste xeito, Isolda se pregunta: En que lugar desta cartografía se sitúa o desexo e a erótica? Que pasa se observamos moitas das obras ao longo da historia da arte europea, de contido cristián, que nos pasa cando vemos esas éxtases, paixóns, martirios? Como nomear este conflito subterráneo entre a propia institución da culpa xudeocristiá, a monitorización do corpo das mulleres e a súa adscrición ao pecado orixinal, e a erótica das éxtases, da percepción sensíbel da presenza divina, os versos de Santa Teresa de Xesús? Foi o cristianismo o principio ordenador que veu a trastocar esencialmente a relación dos pobos coa natura fértil e exuberante?
En Sagrado Corazón, Isolda busca cuestionar a feminidade extasiada e erótica da pasividade fértil, da muller-nai, muller-natureza, muller dadora de vida, para situarse na loita, na restauración da propia axencia, mediante os símbolos que se negaron historicamente ás mulleres: a espada, a armadura, o lume, a guerra, que, como na tradición sufí, non é unha guerra fronte a un inimigo externo, senón que as máis das veces esa yihad é, en realidade, unha guerra interna, unha viaxe pola paisaxe interior e descubrir os colonos do propio corazón.
SOBRE A ARTISTA
Isolda Comesaña Alcaraz é unha creadora e actriz formada en Interpretación Xestual pola ESAD, que actualmente estuda o Mestrado de Igualdade, Xénero e Educación pola USC, ademais de Ciencias Ambientais pola UNED.
En 2022 creou Derrubo. Camille Claudel, un monólogo baseado no texto orixinal de Laura Rubio Galletero, ademais de desenvolver a investigación escénica arredor do desastre ecolóxico do Prestige Visions of Prestige. No 2023 obtén unha residencia de creación teatral arredor da literatura medieval galaico-portuguesa e a literatura renacentista de Creta, coordinado por SONSGaliza e a Universidade de Atenas, co proxecto Lyriqas Project, organizando, tamén, ese mesmo ano, o proxecto de microteatro Microescena Lab na Morada Cooperativa en Vigo. No 2024 resultou gañadora do 1º premio do Xuventude Crea na categoría teatro coa súa peza Prázdno, un traballo Fin de Estudos arredor da deconstrución da feminidade desde o hexemónico até o grotesco.
Como actriz, participou de reparto no filme de Irati Gorostidi Anekumen / Aro Berria e na produción do Centro Dramático Galego Os actos e as profecías.
MÁIS INFORMACIÓN SOBRE AS RESIDENCIAS PARAÍSO
Residencias Paraíso é un programa de residencias artísticas deseñado e coordinado por Colectivo RPM co apoio de numerosas institucións, en activo desde o ano 2017. A través dunha convocatoria anual, acompáñanse distintos proxectos en residencia de artistas galegas, estatais e portuguesas vinculadas á danza e as artes vivas en colaboración con distintos espazos de Galicia. Estes espazos acollen aos artistas en residencias de investigación, creación e técnicas.
A convocatoria anual das Residencias Paraíso publícase a comezos de ano e deixa aproximadamente un mes para a recepción de propostas. Está aberta a artistas galegas, estatais e portuguesas. As artistas seleccionadas na convocatoria realizan unha residencia de entre dúas e tres semanas no espazo de acollida e reciben unha dotación económica de entre 1.500 e 3.000 €, segundo as necesidades do proxecto. Paralelamente, en diálogo coas artistas, deséñase unha programación expandida específica para acompañar cada unha das residencias. Este concepto de programación expandida fai referencia aos desbordamentos naturais de cada proceso de creación cara á comunidade. Nalgúns casos, actívanse mostras abertas dos procesos, prácticas de corpo, grupos de traballo, laboratorios de creación, conferencias, etc.
Os proxectos seleccionados poden estar en distintas fases, é dicir, pódese participar cun proxecto de investigación, un proxecto de creación ou para realizar unha residencia técnica. Cada ano, no mes de setembro, organízase un encontro coas e cos artistas Paraíso da edición en curso na Illa de San Simón. Este encontro é unha convivencia de tres días, un espazo compartido entre artistas Paraíso, socias-amigas de Colectivo RPM, persoas vinculadas á rede de espazos colaboradores e profesionais independentes. Colectivo RPM documenta en vídeo cada un dos proxectos, xerando un arquivo histórico que se amplía ano tras ano.
Ao longo da súa historia, nas Residencias Paraíso participaron artistas e colectivos como Brigitte Vasallo, Clara Pampyn, Luísa Saraiva, Fernando Epelde, Marcia Vázquez, Natalia Fernandes, Hermanas Gestring, Diego Anido, Compañía Elahood, Andrea Quintana, Alejandra Balboa, María Roja, Laila Tafur, Furia Sotelo ou Sergio Marey, entre moitas outras.
Residencias Paraíso é un proxecto de Colectivo RPM en colaboración coa Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Industrias Culturais. Está coproducido pola Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, o Concello de Vimianzo, o Concello de Carballo, Concello de Corcubión, a MIT (Concello de Ribadavia) e a Fundación Cidade da Cultura de Galicia. E conta cola colaboración do Centro Dramático Galego, O Vello Cárcere de Lugo, o FIOT – Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o Pazo da Cultura de Narón e o Padroado da Cultura do Concello de Narón.
SOBRE O COLECTIVO RPM
Colectivo RPM é un colectivo de artistas vencellados á danza e ás artes vivas que imaxina, deseña e acompaña proxectos contextuais desde Galicia. Mantén un claro compromiso polo diálogo interinstitucional e co impulso de iniciativas ao redor da creación contemporánea, a investigación e a visibilidade da comunidade artística da danza e as artes vivas. Ademais do acompañamento de artistas e procesos, o colectivo tamén xera diálogos e accións coas comunidades locais para achegar a práctica artística á cidadanía.
Dentro das liñas de acción do Colectivo RPM destaca o programa Residencias Paraíso -construído cunha rede de teatros e espazos cómplices en Galicia- que lanza unha convocatoria anual para acoller en residencia a distintos artistas ao longo do ano, despregando unha serie de programacións expandidas abertas ao público. Este programa esténdese fóra de Galicia na liña Cruceiros Paraíso que posibilita abrir liñas de colaboración con outros espazos estatais e internacionais.
Este luns remata o prazo da votación popular para elixir o Premio á Excelencia na Experiencia do Público nos I Premios da Industria Musical de Galicia, impulsados por AGEM
Co Premio á Excelencia na Experiencia do Público, a Asociación Galega de Empresas Musicais quere recoñecer aqueles proxectos, espazos ou eventos que puxeron ás persoas espectadoras no centro, ofrecendo unha vivencia inesquecible
Nesta categoría, a audiencia conforma o xurado que decidirá o proxecto que merece este recoñecemento na primeira edición do Premios da Industria Musical de Galicia
O público pode votar a súa candidatura ata hoxe luns, 10 de novembro, ás 23.59 horas, a través do formulario: bit.ly/votacion-experiencia-publico; só se permite un voto por persoa, que poderá propoñer unha única candidatura
Deste xeito, a Asociación Galega de Empresas Musicais organiza a primeira edición dos Premios da Industria Musical de Galicia, que buscan poñer en valor aquelas traxectorias, proxectos e iniciativas que destacan polo seu compromiso coa creatividade, a innovación, o respecto e a sustentabilidade no sector musical galego
A Sala Capitol de Santiago de Compostela acollerá a noite do xoves, 27 de novembro, a gala de entrega de premios: un encontro sectorial no que se darán a coñecer os gañadores e se entregarán os galardóns destes I Premios da Industria Musical de Galicia
Os I Premios da Industria Musical de Galicia, impulsados por AGEM co apoio da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), e da Deputación da Coruña, pechan esta noite a votación popular para elixir o Premio á Excelencia na Experiencia do Público. Con este galardón, a Asociación Galega de Empresas Musicais quere recoñecer aqueles proxectos, espazos ou eventos que puxeron ás persoas espectadoras no centro, ofrecendo unha vivencia inesquecible. Nesta categoría, a audiencia é quen decidirá o proxecto que merece o recoñecemento. O público pode votar a súa candidatura ata esta noite ás 23.59 horas, a través de: bit.ly/votacion-experiencia-publico. Só se permite un voto por persoa, que poderá propoñer unha única candidatura.
Ademais deste Premio á Excelencia na Experiencia do Público, que será elixido por votación popular, os I Premios da Industria Musical de Galicia, impulsados por AGEM, anunciaron hai unhas semanas as iniciativas e persoas nomeadas no resto de categorías. Un xurado profesional integrado Anxela Baltar, música, produtora e comunicadora; Cecilia Carballido, produtora cultural; María Baqueiro, consultora de sustentabilidade; Noel Miguélez, divulgador musical; os xornalistas musicais Tito Lesende e Javier Becerra; e Fundación Paideia seleccionou un total de 42 proxectos finalistas, 3 por cada un dos 14 rangos xerais contemplados nos premios. En paralelo, a Xunta Directiva de AGEM seleccionará ás persoas gañadoras en outras dúas categorías: artista do ano e persoa do ano. A noite do xoves, 27 de novembro, daranse a coñecer os gañadores nun encontro sectorial na Sala Capitol de Santiago de Compostela, onde tamén se entregarán os galardóns destes I Premios da Industria Musical de Galicia.
As iniciativas e profesionais nomeados e nomeadas nas diferentes categorías xerais son:
· Mellor deseño de iluminación:
o Laura Iturralde e José Faro “Coti”, de Nononon.lab, por Síntese horizonte, de Guadi Galego.
o Teresa Tresandí, por DILUVIO, de Tanxugueiras.
o José Faro e As Dúas e Punto, de Nononon.lab, por A RONDA, de Mondra.
· Mellor implementación de son:
o Iago Blanco, por La máquina del buen rollo, de The Rapants.
o Rubén Montes, por La boca del lobo, de Carlos Ares.
o Sara Martínez, por Uxía Lambona e a Banda Molona.
· Mellor empresa provedora de servizos:
o Escena Sonora.
o Luxevan.
o Vacaline.
· Mellor profesional de produción:
o Paco Iglesias.
o Victoria Blanco.
o Xabi Carnota.
· Mellor manager:
o Aitana Cuétara.
o Kin Martínez.
o Manuel Tarrío.
· Mellor produción discográfica:
o Iago Pico, por Pouland Studios.
o Juan de Dios, por Feira, de De Ninghures.
o Hevi, no Laboratorio Soyuz, por DE RONDA, de Mondra.
· Mellor posta en escena:
o Mondra e Daniel Rodríguez, por A RONDA, de Mondra.
o Marina Oural e Ugia Pedreira, da Oficina Galega de Outros Asuntos do Movemento, por Síntese horizonte, de Guadi Galego.
o Tanxugueiras, Diana Ballesteros “Dii Feeling” e Manuel Escurís por DILUVIO, de Tanxugueiras.
· Mellor promotor/a-programador/a:
o David Pedrouzo, de Todo Medre.
o Iván Arias, de WORK ON SUNDAY.
o Julio Gómez e Luis Campos, de Sinsalaudio.
· Mellor proxecto de comunicación:
o Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES Rafael Dieste da Coruña, por Aquí tamén se fala.
o The Office Comunicación, polo Atlantic Pride.
o Bring the Noise, polo Resurrection Fest Estrella Galicia.
· Mellor identidade visual:
o Zeltia Iglesias, Sofía Taboada, Daniel Rodríguez, Adriana Lado e María Ferradas por DE RONDA, de Mondra.
o Adrián Canoura, Carlota Pereiro e Alejandro Guillán por Barullo, de Baiuca.
o Lara Caeiro, Sandra Montero, Noemí Solla, Kika V Ramil, Arantxa Brandón e Fillas de Cassandra por Hibernarse, de Fillas de Cassandra.
· Mellor videoclip:
o Lorenzo Negueruela, Yago Rodríguez, Mara Iglesias, Melania Freire e Lara Caeiro, por En fin, que máis dá, de De Ninghures.
o Santi Iglesias, Sergio “Steel” e Fillas de Cassandra, por Hibernarse, de Fillas de Cassandra.
o Xaime Miranda, por Ontes fun moi malo, de Grande Amore.
· Mellor evento cultural / musical:
o Noites do Porto.
o Surfing the Lérez.
o WOS Festival x SON Estrella Galicia.
· Mellor espazo musical:
o Sala Capitol.
o Náutico de San Vicente.
o Café Torgal.
· Mellor proxecto de sustentabilidade:
o Festival Agrocuir da Ulloa.
o Festival de la Luz.
o Festival Sinsal SON Estrella Galicia.
SOBRE OS I PREMIOS DA INDUSTRIA MUSICAL DE GALICIA
Os Premios da Industria Musical de Galicia nacen da man da Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), entidade que defende os intereses profesionais das entidades galegas ligadas á xestión cultural e aos espectáculos vinculados á música ao vivo. Esta primeira edición dos premios pretende visibilizar e poñer en valor aquelas traxectorias, proxectos e iniciativas no eido musical que destacan polo seu compromiso coa creatividade, a innovación, o respecto e a sustentabilidade. En definitiva, exemplos a seguir no sector profesional galego.
En palabras da presidenta de AGEM, Patricia Hermida, “a música galega vive un momento de madurez e diversidade extraordinarias. Os I Premios da Industria Musical de Galicia nacen para celebralo, para agradecer o talento e o compromiso de quen fai posible o seu crecemento, e para recoñecer o valor das persoas e proxectos que converten a nosa industria nun verdadeiro motor cultural e humano para Galicia”.
Deste xeito, os I Premios da Industria Musical de Galicia, promovidos por AGEM co apoio da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, e da Deputación da Coruña, pretenden ser unha ferramenta para dar visibilidade ao talento galego e fortalecer a industria musical como motor cultural, social e económico. Con esta iniciativa, AGEM reafirma o seu compromiso de traballar colectivamente por un sector máis profesional, recoñecido e sostible. Os premios nacen no marco do Plan Estratéxico da Industria Musical de Galicia, asinado por AGEM co impulso da Xunta de Galicia.
Un xurado independente formado por profesionais expertos en xornalismo musical, divulgación, produción, creación artística, sustentabilidade e emprendemento cultural foi o encargado de propoñer as candidaturas e seleccionar ás finalistas, así como de outorgar os premios nas diferentes categorías. A súa misión é a de destacar aquelas persoas, empresas e proxectos que contribúen ao avance colectivo do sector e que representan boas prácticas dentro da industria musical galega.
Os I Premios da Industria Musical de Galicia impulsados por AGEM premiarán un total de 17 categorías. Delas, 14 serán outorgadas polo xurado profesional: deseño de iluminación, implementación de son, provedor de servizos, profesional de produción, manager, produción discográfica, posta en escena, promotor/a-programador/a, proxecto de comunicación, identidade visual, videoclip, evento cultural/musical, espazo musical e proxecto de sustentabilidade. Ademais, a Xunta Directiva de AGEM seleccionará outras dúas categorías: artista do ano e persoa do ano. Finalmente, hai un premio por votación popular: o da excelencia na experiencia do público. As votacións poden realizarse ata o luns 10 de novembro, ás 23.59 horas, a través do formulario: bit.ly/votacion-experiencia-publico.
A noite do xoves, 27 de novembro, na Sala Capitol de Santiago de Compostela, celebrarase un encontro sectorial no que se darán a coñecer os gañadores e se entregarán os galardóns desta primeira edición do Premios da Industria Musical de Galicia, nun formato próximo, pensado para favorecer a cooperación e a convivencia entre os diferentes axentes da industria musical galega.
SOBRE A ASOCIACIÓN GALEGA DE EMPRESAS MUSICAIS (AGEM)
A Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM) nace en 2007 para defender os intereses profesionais das empresas galegas vinculadas á música ao vivo: produtoras, promotoras, managers, axentes de contratación, compañías de representación artística, editoras fonográficas e empresas técnicas, entre outras actividades relacionadas coa xestión cultural e os espectáculos.
AGEM está integrada por empresas que conforman a cadea de valor da actividade cultural e musical. Empresas que realizan actividades de deseño, xestión e produción de eventos de carácter cultural, musical, educativo, social e de entretemento, destinados a ser realizados en locais pechados ou a ceo aberto e, en xeral, todas as actividades técnicas e preparatorias para a execución destes eventos ou servizos, incluída a actividade comercial, de representación de artistas, festivais, distribución e xestión.
Estas entidades traballan en distintos mercados de artistas internacionais, que conforman as programacións de numerosos festivais e espectáculos producidos en Galicia e noutros territorios. Igualmente, hai empresas que representan a diversos artistas, na súa maioría galegos, que traballan en mercados de todo o mundo. As socias de AGEM son promotoras de festivais maioritariamente producidos en Galicia, pero tamén noutros territorios. Empresas de produción técnica e persoal técnico especializado que traballan en numerosos espectáculos producidos dentro e fóra de Galicia. Distintas gravacións producidas ou editadas por integrantes de AGEM teñen repercusión en mercados internacionais e son sincronizadas tanto a nivel fonográfico como editorial en producións audiovisuais; longametraxes, curtas, documentais e publicidade.
O impulso industrial propiciado por AGEM vai máis alá do facturado polas empresas asociadas. O impacto económico dos espectáculos nos que participa AGEM, tanto de artistas en solitario coma de festivais, é de mais de 100 millóns de euros. As empresas que conforman AGEM son a raíz do sector cultural e resultan fundamentais na industria global da cultura, na música e no seu tecido económico.
O novo proxecto musical liderado polo cantante e guitarrista Miguel Cernadas (ex Terbutalina) publicará nas vindeiras semanas o seu álbum debut
Tona, a banda liderada polo muradán Miguel Cernadas (Terbutalina), lanzará mañá, 11 de novembro, Carracho, unha canción con coplas retranqueiras “para bailar e deixarse levar” no que a banda avanza o son deste novo proxecto musical, que sorprende coa súa particular visión das melodías populares, e que nas vindeiras semanas publicará o seu EP debut.
Tona dase a coñecer ante o mundo como unha banda que fai Música da Ribeira: a quen fan estes descendentes de piratas e contrabandistas, que aprenderon a falar antes que a andar. É a música que soaría na aldea muradá de Ventín, no caso de que soase algo, e que nunhas semanas se poderá escoitar tanto nas plataformas como ao vivo, pois a banda actuará na Foliada da Fonsagrada.
A troupe de Tona é unha formación única: Miguel Cernadas na voz e composición; Tomás Ageitos (Compañía do Ruído, Das Kapital) na batería e composición; Andrés Real (Oh Ayatollah) ao baixo; Roberto Comesaña no acordeón; e Gutier Álvarez no violinofón. Todos eles acompáñanse de Víctor Álvarez como coautor, arranxista e técnico de son ao vivo.
Logo de avanzar temas como O Maio, Rhumba95 ou O casal, mañá chega Carracho, que Tona define como “unha mestura, un cruce de camiños, ritmos de aquí, melodías de alá”. Unha canción cun son diferente, con coplas retranqueiras e que convida ao baile e a deixarse levar; tal e como se poderá ver no videoclip do tema -dirixido por Paco Freire, con Manuel Tato Silva na cámara e con Óscar e Sergio Cobos de bailadores-, que tamén estará dispoñible desde mañá na canle de Youtube de Tona.
A banda Exeria estará o vindeiro sábado 15 no Magosto Musical en Cangas, organizado pola Asociación Ruido de Fondo.
Xa ben adentrados no outono, e do mesmo xeito que as follas e as castañas caen, este sábado 15 terá lugar unha tormenta cultural no III Magosto Musical na Alameda Vella de Cangas. O cheiro das castañas asadas combínase coa boa música e as ganas de troula, podendo desfrutar tamén do mercado artesanal e as actividades infantís.
Exeria é unha banda de rock que comezou a súa andadura por 2022, formada por músicos experimentados da zona do Condado. Destilan un rock con aroma 90´s, pero non pechan a porta as variadas influencias, que poden vir do tradi, do blues ou incluso do pop máis comercial. Despois de publicar varios sinxelos e un Ep de 5 temas o ano pasado continúan presentando os seus temas (van camiño dos 20 concertos neste ano).
O 19 de setembro lanzaron Televisión, unha canción hipnótica na que o caos, o pensamento único e as técnicas de márketing agresivo entran nos nosos fogares a ritmo dun rock descarnado que non deixa prisioneiros. Cunha peza de orfebrería en forma de videoclip elaborada por Wences Lamas a altura desta obsesión.
Tras visitar gran parte da nosa comunidade, estrearse en Portugal e dar un concerto no Auditorio Reveriano Soutullo de Ponteareas, tamén destacamos a súa aparición no Sisons Festival o xunto a Billy Flamingos e De Ninghures na Sala Capitol e a pasada edición do XXXII Festival Revoltallo en Valadares (Vigo).
A banda obtivo o 2º posto no concurso de bandas Salvaxesons III, que tivo lugar no The Wild Festival, ademais de chegar á final do Rock in Rian. Foron escollidos de entre máis de 50 bandas e tamén venceron na semifinal que tivo lugar no CC Vialia. En 2023 gañaron o concurso do Trece Roeis Fest, formando parte do cartaz do seguinte ano.
Why not? é unha banda de Vigo que nos trae un indie fresquísimo e bañado por múltiples influencias de varios xéneros. Esta xove banda estará amenizando a sesión vermú.