A banda de rap metal Vimbio e o rapeiro Hugo Guezeta unen forzaspara publicar Crise, o seu novo sinxelo en colaboración que fai lembrar á mítica banda de rap SonDaRúa. Álex Arnoso, vocalista de Vimbio, e Hugo Guezeta xúntanse de novo tras o lanzamento de Dispara, sinxelo pertencente ao último disco de Hugo, reunindo así unha vez máis ao histórico grupo de rap que marcou a toda unha xeración, SonDaRúa. Cunha forte carga de crítica social na letra e sons que mesturan o hardcore e o rap, apostan por dar peso á base instrumental, afastando un pouco os beats electrónicos e dándolle unha forza que se trasladará aos directos.
Crise bebe de referencias como a banda de punk, hardcore e rap Bob Vylan. A aposta de Vimbio de optar por sons máis contundentes neste tema bebe precisamente de ir a un dos concertos da banda londinense. O grupo preparou os primeiros bosquexos de riffs de guitarras que lle presentaron a Hugo e cando se xuntaron a temática saíu de inmediato, dando por resultado esta oda a SonDaRúa en forma de activar a fibra da rabia para espertar como sociedade contra as inxustizas que estamos a vivir.
Álex Arnoso, vocalista de Vimbio, destaca que volver traballar con Hugo é sempre un pracer, e aclara que pese a ter collido camiños diferentes segue sendo moi cómodo construír á par. Aínda que SonDaRúa botase a cancela fai anos, Álex sinte que a unión segue patente en cada colaboración que fan xuntos, como se realmente só levasen un par de meses de descanso do seu proxecto conxunto.
Pola súa parte, Hugo Guezeta destaca o gratificante que foi tamén volver facer música con Álex, neste caso acompañado do seu grupo. O rapeiro sinalou tamén que o tema supuxo un reto creativo para el, ao facelo nun rexistro diferente ao que acostuma, cunha instrumental máis escura e con inspiración hardcore, pero quedou moi contento co resultado final, coa forza e enerxía que ten a canción e a mensaxe que transmite.
Este novo sinxelo ve a luz da man dun videoclip dirixido por IzanMG, autor entre moitos outros do videoclip de Eu non quero traballar, outro dos adiantos do futuro traballo discográfico de Vimbio. Gravado na Escola Audiovisual de Vigo, apostan por un produto sinxelo pero visualmente potente, mesturando fortes imaxes de protestas e disturbios con planos de Hugo e Álex.
MÁIS SOBRE VIMBIO
Vimbio é a nova cara da escena metal. Comandados por Álex Arnoso, coñecido polo seu protagonismo en SonDaRúa, o grupo xorde para conxugar o rap coa esencia do metal da década dos 90 e do 00. Baixo un gran eclecticismo musical, o grupo propón letras e ritmos moi contundentes, combinando os flows tan característicos de Álex coa potencia dunha banda composta por grandes veteranos da escena metal galega. Vimbio nace para reflotar e rexuvenecer xéneros que viviron o seu mellor momento nos anos 2000, aportando un aire renovador e diferenciador que busca volver a poñer no foco estes estilos de música. Co lanzamento dos seus primeiros sinxelos a finais de 2024 e comezos de 2025, o grupo pon enriba da mesa a súa carta de presentación, co claro obxectivo de facer deste un ano no que brillen as guitarras e os flows contundentes.
Vimbio é o aire fresco que precisaba a escena metal. Cun potente directo no que o grupo mestura os dous grandes xéneros que o caracterizan, o rap e o metal, Vimbio está a levar a súa contundencia e diversión por salas e festivais neste 2025.
MÁIS SOBRE HUGO GUEZETA
Hugo Guezeta é un dos maiores representantes do rap en Galicia. Grazas ao éxito colleitado coas súas cancións, que supuxeron e supoñen o himno dalgunhas xeracións de galegos, o rapeiro figura no imaxinario colectivo como unhas das figuras máis significativas deste xénero.
O éxito como rapeiro é intrínseco a Hugo Guezeta. O seu último álbum O Noso Tempoacumula máis de medio millón de reproducións en plataformas dende a súa publicación, confirmando que a pesar de saír no último mes do 2024, o seu foi un dos discos en galego máis destacados e importantes do ano.
As súas marcadas letras cun alto carácter reivindicativo son grandes marcas de identidade a nivel social. Como letrista, Hugo é un dos mellores compositores do panorama actual, sendo clara influencia das novas xeracións de rapeiros que están xurdindo neste auxe da música en galego. Mais non só destaca polas súas letras, a súa capacidade de fluír sobre as bases e a súa capacidade para moverse dende ritmos de hip hop máis clásicos ata melodías de reggae posicionan ao artista como un dos artistas máis completos e versátiles do movemento urbano.
Actualmente, e tras o enorme éxito nos concertos de presentación do disco, con sendos concertos esgotando entradas, Hugo remata a súa xira de 2025, onde xa deixou constancia da súa capacidade e versatilidade como rapeiro, trasladando o seu bo facer no estudo a festivais da talla de Revenidas, A Candeloria, Festigal ou Millo Verde, así como na súa colaboración con algúns dos maiores representantes da música galega, como Guadi Galego ou Dakidarría. Sen dúbidas, Hugo Guezeta foi un dos grandes nomes a destacar do panorama urbano neste 2025.
20251114-NP-GAL-LANZAMENTO-CRISE-VIMBIO-FT-HUGO-GUEZETA
