
A banda compostelá de power pop volve ao directo 16 anos despois do seu último disco e mantendo a súa formación orixinal
As entradas para a cita, imprescindible para entender o camiño percorrido pola escena galega nos últimos 25 anos, están á venda desde hoxe en Ataquilla.com
O uniforme de raias máis recoñecible da escena galega volve aos escenarios tras unha década de ausencia. The Homens, a mítica banda compostelá de power pop, actuará coa súa formación orixinal o venres 21 de novembro na sala coruñesa Mardi Gras. As entradas están a venda desde esta mesma tarde na plataforma www.ataquilla.com
O trío compostelán é unha das pezas clave da escena musical galega e fundamental para entender o camiño percorrido pola mesma no último cuarto de século. Após a publicación do seu último traballo discográfico hai dezaseis anos, e unha década da súa retirada dos escenarios, LeRoi, Martin Wu e Xocas reuníronse de novo na última edición do festival Psicotroita. A xuntanza, na que revisaron temas dos seus catro traballos discográficos e ofreceron novas pistas desde feliz encontro, deu pé a retomar unha andaina ateigada de enerxía e luminosidade.
A primeira cita en salas de concertos desta segunda etapa de The Homens, un dos grupos con máis quilómetros do panorama galego, será nun dos templos da música ao vivo do país: a Mardi Gras. O público máis nostálxico e melómano poderá volver gozar, en directo, dunhas das bandas máis aclamadas da nosa historia recente.

THE HOMENS NA CORUÑA
21 de novembro de 2025
Sala Mardi Gras
22.30 horas
Entradas á venda
www.ataquilla.com