
Os días 5 e 6 de decembro, a compañía galega achega ao Pazo da Cultura de Narón a súa nova creación, con dirección de Clara Gayo sobre o texto de Nerea Brey, gañador do Premio Abrente de Textos Teatrais da MIT de Ribadavia en 2023
O espectáculo —unha oda ás coidadoras: ás nosas avoas— está protagonizado por Iolanda Muíños, Susana Sampedro e Raquel Espada, con produción executiva de Eva Alonso, escenografía e vestiario de Equipo Taetro e deseño iluminación e proxeccións de César Seijas
A peza é unha reivindicación, en clave feminista, de todos eses momentos que, pasando desapercibidos, son, non obstante, as puntadas que conforman o bordado da nosa vida
As entradas para a dobre función de Manual de patronaxe no Pazo da Cultura de Narón o venres 5 (20.30h) e o sábado 6 de decembro (20.00h) están xa dispoñibles na web https://www.padroadodecultura.es/gl/espectaculos/evento/manual-de-patronaxe
Teatro do Noroeste desembarca en Narón este mes de decembro coa estrea absoluta do seu novo espectáculo, Manual de patronaxe. Deste xeito, os días 5 e 6 de decembro, a compañía galega achegará ao Pazo da Cultura de Narón a súa nova creación, con dirección de Clara Gayo, sobre o texto homónimo de Nerea Brey, gañador do Premio Abrente de Textos Teatrais da MIT de Ribadavia en 2023.
Manual de patronaxe é unha oda ás coidadoras: ás nosas avoas, que está protagonizada por Iolanda Muíños, Susana Sampedro e Raquel Espada, con produción executiva de Eva Alonso, escenografía e vestiario de Equipo Taetro e deseño de iluminación e proxeccións de César Seijas. A peza quere ser unha reivindicación, en clave feminista, de todos eses momentos que, pasando desapercibidos, son, non obstante, as puntadas que conforman o bordado da nosa vida.
As entradas para a dobre función de Manual de patronaxe no Pazo da Cultura de Narón o venres 5 (20.30h) e o sábado 6 de decembro (20.00h) están xa dispoñibles na páxina web https://www.padroadodecultura.es/gl/espectaculos/evento/manual-de-patronaxe.
O proxecto, que representa a nova liña creativa de Teatro do Noroeste, é unha obra de autoficción na que a personaxe da ‘escritora’ busca descubrir a súa identidade como muller e como creadora nunha crise creativa. A través dos recordos do pasado de cando era ‘nena’, descobre que a súa ‘avoa’, que era modista, foi para ela un verdadeiro modelo feminista. Manual de patronaxe é unha peza aberta e flexible que abre un suxestivo diálogo interxeracional.
En palabras da produtora do espectáculo, Eva Alonso, Manual de patronaxe é “un proxecto que marca unha nova liña creativa en Teatro do Noroeste, aberta xa hai un par de anos, que supón o inicio do cambio xeracional da compañía. Así, en Teatro do Noroeste conviven agora os proxectos habituais con estes novos, nunha transición tranquila”. Alonso apunta, tamén, que “eliximos o texto de Nerea Brey porque fala desde unha perspectiva feminista das coidadoras, en concreto, das avoas que, dalgún xeito, criáronnos a todas e todos. Fala do proceso de facerse adulta e reivindica os pequenos momentos e detalles que van tecendo as nosas vidas. Que o texto fora dunha autora contemporánea galega, nova, e que gañara o Premio Abrente da MIT de Ribadavia foron as guindas do pastel”. Sobre a nova colaboracion de Teatro do Noroeste coa directora Clara Gayo, quen xa dirixiu As damas de Ferrol para a compañía, a produtora confía no bo facer da directora e eloxia a súa mutua sintonía.

SOBRE A COMPAÑÍA
Teatro do Noroeste é unha compañía de teatro galega fundada en 1987. Na súa dilatada traxectoria de máis de 35 anos, ten producido e distribuído unha grande cantidade de espectáculos. Entre estas pezas se poden salientar desde textos clásicos, como Rei Lear, Macbeth ou Noite de Reis, de William Shakespeare, ou As vodas de Fígaro, de Caron de Beaumarchais; até textos máis contemporáneos, como Os Xustos, de Albert Camús; ou de autores galegos, como Historias Peregrinas e A grande noite de Fiz, de Miguel Anxo Murado, e Unha rosa é unha rosa, de Suso de Toro, ou o musical Imperial: Café cantante. Vigo 1936, de Eduardo Alonso, entre moitos outros. Na súa última etapa, súmanse obras como Último verán en Santa Cristina, As damas de Ferrol ou Guerra, actualmente en xira por toda Galicia.
MÁIS INFORMACIÓN:
VENDA DE ENTRADAS:
https://www.padroadodecultura.es/gl/espectaculos/evento/manual-de-patronaxe
NP_Teatro-do-Noroeste-MANUAL-DE-PATRONAXE