
Os I Premios da Industria Musical de Galicia, impulsados por AGEM, elixen a Carlos Ares como Artista do Ano e a Gandy como Persoa do Ano 2025
A directiva da Asociación Galega das Empresas Musicais decidiu outorgar a Carlos Ares o Premio ao Artista do Ano 2025 pola súa traxectoria e a súa contribución á difusión da cultura galega, como un talento innegable que se consolidou no circuíto grazas á súa singular identidade artística e ao seu fermoso directo, gañando centos de fans día a día
Na categoría de Persoa do Ano, desde a Xunta Directiva de AGEM, organizadora destes I Premios da Industria Musical de Galicia, elixiron a Francisco Gómez, “Gandy”, polo papel chave que desempeñou e desempeña na consolidación e o sostemento da escena musical galega
Paralelamente, o público elixiu por votación popular ao Surfing The Lérez como gañador do Premio á Excelencia na Experiencia do Público neste 2025
A Asociación Galega de Empresas Musicais organiza así a primeira edición dos Premios da Industria Musical de Galicia, que buscan poñer en valor aquelas traxectorias, proxectos e iniciativas que destacan polo seu compromiso coa creatividade, a innovación, o respecto e a sustentabilidade no sector musical galego
A Sala Capitol de Santiago de Compostela acollerá a noite do xoves, 27 de novembro, a gala de entrega de premios: un encontro sectorial no que se darán a coñecer os gañadores no resto de categorías e se entregarán os galardóns a todos os e as premiadas
Os I Premios da Industria Musical de Galicia, impulsados por AGEM co apoio da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), e da Deputación da Coruña, veñen de anunciar ás persoas seleccionadas neste 2025 pola Xunta Directiva da Asociación Galega das Empresas Musicais como Artista do Ano e Persoa do Ano 2025 nesta primeira edición dos galardóns.
AGEM decidiu outorgar a Carlos Ares o Premio ao Artista do Ano 2025 pola súa traxectoria e a súa contribución á difusión da cultura galega, como un talento innegable que se consolidou no circuíto grazas á súa singular identidade artística e ao seu fermoso directo, gañando novas e novos seguidores día a día. Mentres, na categoría de Persoa do Ano 2025, foi elixido Francisco Gómez, popularmente coñecido como Gandy, polo papel chave que desempeñou e desempeña na consolidación e o sostemento da escena musical galega.
Paralelamente, o público elixiu por votación popular ao Surfing The Lérez como gañador do Premio á Excelencia na Experiencia do Público neste 2025. A votación en liña finalizou o pasado luns, 10 de novembro, ás 23.59 horas e o proxecto máis votado nesta categoría aberta ás apartacións da audiencia foi esta singular cita pontevedresa, seguida en número de votos por outros queridos proxectos como Noites do Porto ou o Atlantic Pride da Coruña. Con este galardón, a Asociación Galega de Empresas Musicais quere recoñecer aqueles proxectos, espazos ou eventos que puxeron ás persoas espectadoras no centro, ofrecendo unha vivencia inesquecible.
En palabras de Josiño Carballo, tesoureiro de AGEM, “desde a Asociación Galega das Empresas Musicais recoñecemos a Carlos Ares co galardón ao Artista do Ano nesta primeira edición dos Premios da Industria Musical de Galicia. Destacamos o seu talento, a súa traxectoria e a súa contribución á difusión do talento galego”. Carballo apuntou, tamén, que “Carlos Ares consolidouse este ano no circuíto musical grazas a súa singular identidade artística e ao seu fermoso directo. Son moitísimos os e as fans do artista que se suman día tras día e concerto tras concerto. Felicidades Carlos, noraboa!”.
Pola súa banda, Patricia Hermida, presidenta de AGEM, anunciou “que, desde a Xunta Directiva de AGEM, organizadora dos I Premios da Industria Musical de Galicia, decidimos outorgar o recoñecemento á Persoa do Ano 2025 a Francisco Gómez, popularmente coñecido como Gandy, pola súa traxectoria e o seu compromiso constante coa música en Galicia. Gandy é unha desas figuras fundamentais que, sen estar sempre diante dos focos, sostivo e sostén a estrutura do que somos como sector”.
Hermida destacou, tamén, que, “desde Copra Producciones, a súa empresa, Gandy contribuíu durante décadas a que a música suceda, que os artistas teñan escenarios, que o público viva experiencias memorables e que a cidade goce dunha vida cultural real e compartida. O seu traballo é esa labor silenciosa que constrúe comunidade: apoiar proxectos cando simplemente son unha intuición, abrir camiños, conectar persoas, crear espazos… E facelo sempre con profesionalidade, respecto, paixón é un sorriso na cara”.
A presidenta de AGEM engadiu finalmente: “Este recoñecemento ven a ser unha mostra de agradecemento colectivo pola súa constancia, pola súa visión, pola súa entrega de tantos anos e polo papel chave que desempeñou e desempeña na consolidación e o sostemento da escena musical galega. Grazas Gandy e parabéns por ser a Persoa do Ano nestes I Premios da Industria Musical de Galicia”.
Ademais destes tres galardóns hoxe anunciados, un xurado profesional integrado Anxela Baltar, música, produtora e comunicadora; Cecilia Carballido, produtora cultural; María Baqueiro, consultora de sustentabilidade; Noel Miguélez, divulgador musical; os xornalistas musicais Tito Lesende e Javier Becerra; e Fundación Paideia seleccionou un total de 42 proxectos finalistas no resto de categorías destes I Premios da Industria Musical de Galicia, impulsados por AGEM: 3 por cada un dos 14 rangos xerais contemplados nos premios. A noite do xoves, 27 de novembro, daranse a coñecer os gañadores nun encontro sectorial na Sala Capitol de Santiago de Compostela, onde tamén terá lugar a entrega dos galardóns.
As iniciativas e profesionais nomeados e nomeadas nas diferentes categorías xerais son:
· Mellor deseño de iluminación:
o Laura Iturralde e José Faro “Coti”, de Nononon.lab, por Síntese horizonte, de Guadi Galego.
o Teresa Tresandí, por DILUVIO, de Tanxugueiras.
o José Faro e As Dúas e Punto, de Nononon.lab, por A RONDA, de Mondra.
· Mellor implementación de son:
o Iago Blanco, por La máquina del buen rollo, de The Rapants.
o Rubén Montes, por La boca del lobo, de Carlos Ares.
o Sara Martínez, por Uxía Lambona e a Banda Molona.
· Mellor empresa provedora de servizos:
o Escena Sonora.
o Luxevan.
o Vacaline.
· Mellor profesional de produción:
o Paco Iglesias.
o Victoria Blanco.
o Xabi Carnota.
· Mellor manager:
o Aitana Cuétara.
o Kin Martínez.
o Manuel Tarrío.
· Mellor produción discográfica:
o Iago Pico, por Pouland Studios.
o Juan de Dios, por Feira, de De Ninghures.
o Hevi, no Laboratorio Soyuz, por DE RONDA, de Mondra.
· Mellor posta en escena:
o Mondra e Daniel Rodríguez, por A RONDA, de Mondra.
o Marina Oural e Ugia Pedreira, da Oficina Galega de Outros Asuntos do Movemento, por Síntese horizonte, de Guadi Galego.
o Tanxugueiras, Diana Ballesteros “Dii Feeling” e Manuel Escurís por DILUVIO, de Tanxugueiras.
· Mellor promotor/a-programador/a:
o David Pedrouzo, de Todo Medre.
o Iván Arias, de WORK ON SUNDAY.
o Julio Gómez e Luis Campos, de Sinsalaudio.
· Mellor proxecto de comunicación:
o Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES Rafael Dieste da Coruña, por Aquí tamén se fala.
o The Office Comunicación, polo Atlantic Pride.
o Bring the Noise, polo Resurrection Fest Estrella Galicia.
· Mellor identidade visual:
o Zeltia Iglesias, Sofía Taboada, Daniel Rodríguez, Adriana Lado e María Ferradas por DE RONDA, de Mondra.
o Adrián Canoura, Carlota Pereiro e Alejandro Guillán por Barullo, de Baiuca.
o Lara Caeiro, Sandra Montero, Noemí Solla, Kika V Ramil, Arantxa Brandón e Fillas de Cassandra por Hibernarse, de Fillas de Cassandra.
· Mellor videoclip:
o Lorenzo Negueruela, Yago Rodríguez, Mara Iglesias, Melania Freire e Lara Caeiro, por En fin, que máis dá, de De Ninghures.
o Santi Iglesias, Sergio “Steel” e Fillas de Cassandra, por Hibernarse, de Fillas de Cassandra.
o Xaime Miranda, por Ontes fun moi malo, de Grande Amore.
· Mellor evento cultural / musical:
o Noites do Porto.
o Surfing the Lérez.
o WOS Festival x SON Estrella Galicia.
· Mellor espazo musical:
o Sala Capitol.
o Náutico de San Vicente.
o Café Torgal.
· Mellor proxecto de sustentabilidade:
o Festival Agrocuir da Ulloa.
o Festival de la Luz.
o Festival Sinsal SON Estrella Galicia.
CARLOS ARES, ARTISTA DO ANO NOS I PREMIOS DA INDUSTRIA MUSICAL DE GALICIA
Carlos Ares converteuse nun dos fenómenos musicais dos últimos anos en España. Desde o lanzamento do seu álbum de debut, Peregrino (2024), o artista galego non deixou de medrar. Despois de anos sendo un dos produtores de referencia da escena nacional, Peregrino supuxo un paso adiante na súa traxectoria, como unha proposta musical vangardista na súa concepción orgánica e un manifesto estético que acada a súa máxima expresión no directo. O traballo, que recolle as súas raíces galegas, o amor polo rural e a simplicidade na creación, consolidouno como un peregrino musical que explora e comparte a súa viaxe co público.
Tras unha intensa xira en 2024 coa que presentou o disco por todo o país —e que pasou de contar con catro datas a ter máis de corenta—, o multiinstrumentista, cantautor e produtor nado na Coruña en 1997 embarcouse no proceso de creación de La boca del lobo, o seu novo álbum, que viu a luz o pasado mes de maio de 2025 e que serviu para revalidar o éxito do seu debut e ampliar unha base de fans ampla e transversal.
Agora, Carlos Ares comeza a xira de presentación de La boca del lobo por salas de toda España, e faino dun xeito moi especial: colgando o cartel de “non hai entradas” en todos os concertos da xira —un total de 15—, desde La Riviera en Madrid ata a Sala Apolo en Barcelona, pasando por outras cidades como Bilbao, Toledo, Santiago de Compostela, Alacante, Oviedo, Burgos, Granada, Sevilla e Zaragoza.
A xira de presentación de La boca del lobo será, sen dúbida, a confirmación de Carlos Ares como un dos artistas máis vibrantes da súa xeración e a consagración dun directo único, no que o galego se acompaña dunha banda de músicos talentosísimos —Mikaela Vázquez, Begut, Marcos Cao…—, que xa forman parte da propia esencia do seu proxecto.

SOBRE OS I PREMIOS DA INDUSTRIA MUSICAL DE GALICIA
Os Premios da Industria Musical de Galicia nacen da man da Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), entidade que defende os intereses profesionais das entidades galegas ligadas á xestión cultural e aos espectáculos vinculados á música ao vivo. Esta primeira edición dos premios pretende visibilizar e poñer en valor aquelas traxectorias, proxectos e iniciativas no eido musical que destacan polo seu compromiso coa creatividade, a innovación, o respecto e a sustentabilidade. En definitiva, exemplos a seguir no sector profesional galego.
En palabras da presidenta de AGEM, Patricia Hermida, “a música galega vive un momento de madurez e diversidade extraordinarias. Os I Premios da Industria Musical de Galicia nacen para celebralo, para agradecer o talento e o compromiso de quen fai posible o seu crecemento, e para recoñecer o valor das persoas e proxectos que converten a nosa industria nun verdadeiro motor cultural e humano para Galicia”.
Deste xeito, os I Premios da Industria Musical de Galicia, promovidos por AGEM co apoio da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, e da Deputación da Coruña, pretenden ser unha ferramenta para dar visibilidade ao talento galego e fortalecer a industria musical como motor cultural, social e económico. Con esta iniciativa, AGEM reafirma o seu compromiso de traballar colectivamente por un sector máis profesional, recoñecido e sostible. Os premios nacen no marco do Plan Estratéxico da Industria Musical de Galicia, asinado por AGEM co impulso da Xunta de Galicia.
Un xurado independente formado por profesionais expertos en xornalismo musical, divulgación, produción, creación artística, sustentabilidade e emprendemento cultural foi o encargado de propoñer as candidaturas e seleccionar ás finalistas, así como de outorgar os premios nas diferentes categorías. A súa misión é a de destacar aquelas persoas, empresas e proxectos que contribúen ao avance colectivo do sector e que representan boas prácticas dentro da industria musical galega.
Os I Premios da Industria Musical de Galicia impulsados por AGEM premiarán un total de 17 categorías. Delas, 14 serán outorgadas polo xurado profesional: deseño de iluminación, implementación de son, provedor de servizos, profesional de produción, manager, produción discográfica, posta en escena, promotor/a-programador/a, proxecto de comunicación, identidade visual, videoclip, evento cultural/musical, espazo musical e proxecto de sustentabilidade. Ademais, a Xunta Directiva de AGEM seleccionará outras dúas categorías: artista do ano e persoa do ano. Finalmente, hai un premio por votación popular: o da excelencia na experiencia do público. As votacións poden realizarse ata o día 10 de novembro, ás 23.59 horas, a través do formulario: bit.ly/votacion-experiencia-publico.
A noite do xoves, 27 de novembro, na Sala Capitol de Santiago de Compostela, celebrarase un encontro sectorial no que se darán a coñecer os gañadores e se entregarán os galardóns desta primeira edición do Premios da Industria Musical de Galicia, nun formato próximo, pensado para favorecer a cooperación e a convivencia entre os diferentes axentes da industria musical galega.
SOBRE A ASOCIACIÓN GALEGA DE EMPRESAS MUSICAIS (AGEM)
A Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM) nace en 2007 para defender os intereses profesionais das empresas galegas vinculadas á música ao vivo: produtoras, promotoras, managers, axentes de contratación, compañías de representación artística, editoras fonográficas e empresas técnicas, entre outras actividades relacionadas coa xestión cultural e os espectáculos.
AGEM está integrada por empresas que conforman a cadea de valor da actividade cultural e musical. Empresas que realizan actividades de deseño, xestión e produción de eventos de carácter cultural, musical, educativo, social e de entretemento, destinados a ser realizados en locais pechados ou a ceo aberto e, en xeral, todas as actividades técnicas e preparatorias para a execución destes eventos ou servizos, incluída a actividade comercial, de representación de artistas, festivais, distribución e xestión.
Estas entidades traballan en distintos mercados de artistas internacionais, que conforman as programacións de numerosos festivais e espectáculos producidos en Galicia e noutros territorios. Igualmente, hai empresas que representan a diversos artistas, na súa maioría galegos, que traballan en mercados de todo o mundo. As socias de AGEM son promotoras de festivais maioritariamente producidos en Galicia, pero tamén noutros territorios. Empresas de produción técnica e persoal técnico especializado que traballan en numerosos espectáculos producidos dentro e fóra de Galicia. Distintas gravacións producidas ou editadas por integrantes de AGEM teñen repercusión en mercados internacionais e son sincronizadas tanto a nivel fonográfico como editorial en producións audiovisuais; longametraxes, curtas, documentais e publicidade.
O impulso industrial propiciado por AGEM vai máis alá do facturado polas empresas asociadas. O impacto económico dos espectáculos nos que participa AGEM, tanto de artistas en solitario coma de festivais, é de mais de 100 millóns de euros. As empresas que conforman AGEM son a raíz do sector cultural e resultan fundamentais na industria global da cultura, na música e no seu tecido económico.
MÁS INFORMACIÓN