
O Auditorio Municipal vigués acolle este venres 16 ás 20.00 h unha nova función do espectáculo, que pendurou o cartel de “entradas esgotadas”
A peza acompáñase, no propio recinto da representación, dunha exposición sobre a traxectoria profesional do dramaturgo
A velada de Londres, a nova produción da plataforma creativa ButacaZero que rende tributo á figura e legado do dramaturgo, actor e docente Manuel Lourenzo (1943-2025), chega este venres 16 á cidade de Vigo. A cita será no Auditorio Municipal, ás 20.00 horas, e as entradas xa están esgotadas.
A compañía liderada por Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira -quen dirixe o espectáculo- adéntrase con esta peza no universo de Lourenzo. Faino cun texto do gran mestre do teatro galego, incluido no seu volume Veladas indecentes (Premio Nacional de Literatura Dramática 1997), que ademais garda unha relación especial con Castiñeira: traballou como axudante de dirección do propio Lorenzo nesta mesma peza nos seus inicios profesionais. Agora, case tres décadas despois, Castiñeira retoma aquel texto desde a súa propia mirada e a súa concepción do teatro.

Unha lectura sobre a moral vitoriana e o desexo
En A velada de Londres, a trama parte do retorno de Jonathan Harker á súa vida burguesa tras a viaxe aos Cárpatos e a súa posterior experiencia obsesiva co Conde Drácula. A través dunha estética vitoriana que se vai trasformando a medida que o elemento atávico se apodera do espazo, a proposta afástase do terror convencional para abordar a tensión entre a razón e os instintos, entendendo a figura do vampiro como un símbolo de liberación e aceptación do desexo.
A posta en escena integra de xeito orgánico o traballo interpretativo dos actores Xurxo Cortázar, Sophia Rodal e Teo Piñeiro xunto á voz e o violonchelo de Esperanza Mara, quen executa a banda sonora orixinal composta para o espectáculo por Iago Hermo. A súa presenza fai que o público poida gozar dunha velada teatral, mais tamén musical.

Mostra no vestíbulo antes da función
Como complemento á representación, o público que acuda ao teatro poderá visitar a exposición Manuel Lourenzo. A pegada que continúa,un percorrido pola vida profesional de Lourenzo que axudará a comprender ao público asistente a importancia da figura do dramaturgo, director, docente, editor e actor na construción do teatro galego.
A de Vigo será a última cita antes de retomar a tríade final de representacións da xira d’A velada de Londres, que terá lugar na sala Bahía de Foz (27 de novembro), o Teatro Coliseo Noela de Noia (5 de decembro) e a Casa da Cultura de Cee (12 de decembro). A xira conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e da Rede Galega de Teatros; e da Deputación da Coruña a través do programa Outono das Artes.

Sinopse
A velada de Londres mergúllanos na súa visión sobre o universo de Drácula, unha das obsesións creativas de Manuel Lorenzo. Nela imaxina unha escena tras o primeiro capítulo da novela de Bram Stocker, cando Jonathan Harker coñece ao Conde en Transilvania. No retorno a Londres xunto á súa muller Mina, Jonathan revive obsesivamente aquela experiencia, e a súa relación esborrállase entre o desexo, o medo e a fascinación.
Ficha técnica
- Dirección: Xavier Castiñeira.
- Reparto: Xurxo Cortázar, Sophia Rodal, Teo Piñeiro, Esperanza Mara (soprano e chelista).
- Banda sonora orixinal: Iago Hermo.
- Deseño de luz: Violeta Martínez.
- Espazo escénico: Beatriz de Vega.
- Figurinista: Carlos Pinilla.
- Produción e distribución: ButacaZero.
- Produción en xira: Rubén Capelán.
- Axudante de dirección: Nuria Montero.
- Deseño gráfico e prensa: Coma Comunicación Creativa.
ButacaZero
ButacaZero é a plataforma creativa de Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira coa que propoñen un teatro que dialoga coa actualidade dende unha mirada crítica e irónica, e no que a tradición teatral se mestura con linguaxes contemporáneas. A compañía, creadora e produtora de propostas como IRIBARNE (con 9 Premios María Casares, entre eles o de mellor espectáculo), O único que verdadeiramente quixen toda a vida é ser delgada, Papagena, 32m2, Despois das ondas ou Voaxa e Carmín, sitúase como un referente do teatro contemporáneo no panorama escénico galego.