O CARTEL DESTA NOVA EDICIÓN DESVELARASE O PRÓXIMO MARTES 27
Un ano máis, o Parque do Pasatempo de Betanzos encherase da mellor música en directo coa celebración dunha nova edición do Festival do Pasatempo. A organización ten listo xa o cartel deste ano, que verá a luz o próximo martes 27 ás 12:00h, con artistas de renome que levarán os seus espectáculos completos á vila betanceira. Tras a volta á actividade, a última edición do festival pechou cos concertos de artistas da talla de Andrés Suárez, David Bustamante, Sabela e Paula Mattheus, volvendo a poñer ao Parque do Pasatempo no mapa da mellor música en directo.
O festival xorde como unha iniciativa para traer a artistas de primeiro nivel a un parque histórico, poñendo en valor a súa categoría de Ben de Interese Cultural. O espazo é un tesouro agochado da historia galega, construído no século XIX polos indianos da zona. A día de hoxe segue sendo un elemento impresionante en vías de restauración, polo que o evento, dende a liña gráfica creada por Rei Zentolo ata as actividades e comunicación do mesmo, tamén visibilizará os procesos de resignificación dun dos espazos máis históricos e culturais da contorna.
O Festival do Pasatempo de Betanzos é un festival promovido pola promotora PlayPlan, artífice de festivais como o SonRías Baixas, BIGSOUND Pontevedra, Fumega Fest ou das carreiras artísticas de Tanxugueiras, Caamaño&Ameixeiras, Hugo Guezeta, Sabela ou Vimbio entre moitos outros. Ademais, conta co patrocinio da Axencia Turismo de Galicia, Xunta de Galicia e Xacobeo e coa colaboración da Deputación da Coruña e o Concello de Betanzos.