O tema, producido por Møu (DKTC, Lumedoloop), contrapón a actitude do rap máis descarado coa fraxilidade emocional e a introspección
Saibran, o novo proxecto musical liderado por Cibrán García (Boyanka Kostova), publica este venres 14 Meu,o segundo avance do seu álbum debut Atardecer harmonioso con gotas de primavera, que verá a luz o 5 de decembro.
Cunha base de Møu (DKTC, Lumedoloop), e con Julián Goicoa no baixo e Fiz García na batería, Meu contrapón a actitude do rap máis descarado coa fraxilidade emocional e a instrospección. “Teño cheo o cenicero, cada calada unha neurona menos, cada colilla un problema que enterro, queda gardada dentro do cerebro, teño que facelo si non me quebro e…” canta Cibrán García, quen xoga coa dualidade e rima ao compás das cousas propias da vida, sexan de noite ou de día. Meu é un tema escuro e sucio. É nocturno e é (en) directo. Achégase ao máis fondo mais, se cabe, tamén abre a porta a un novo inicio.

Atardecer harmonioso con gotas de primavera
Atardecer harmonioso con gotas de primavera, o álbum debut de Saibran, forma parte dunha triloxía que editará Tremendo Audiovisual. Serán tres discos diferentes, cada un cun estilo e temática perfectamente identificable e, ademais, asinados por distintos produtores.
A triloxía de Saibran percorre os sons, ritmos e acontecementos que agroman desde as vivencias cotiás até os momentos de introspección. Temporalmente, esta evolución transita desde o solpor (primeiro disco) até o amencer (o terceiro): as cavilacións desenvólvense na medida que avanza a xornada de quen sae da súa casa contra última hora da tarde, sen máis pretensión que ver ás amizades pero que, cando regresa, xa alboreceu.
Escoita Meu: https://orcd.co/saibranmeu
Videoclip Meu: https://www.youtube.com/watch?v=Z-x4uULHVQo
