
Este domingo 11 de maio, antesala do gran día das Letras Galegas adicado ás Cantareiras, desde Castiñeiro Milenario propoñen a revisión do filme documental “Dorothé na vila” dirixida por Alejandro Gándara e Olaia Tubío sobre a viaxe que a etnomusicóloga suíza Dorothé Schubarth fixo a Galicia nos anos 70 e que tivo unha importancia capital para (re)descubrir a grandísima tradición oral gardada polas mulleres durante décadas.
A proxección será na Casa da Cultura de Begonte a partir das 18 horas e de balde ata completar aforo. Posteriormente celebrarase un pequeno debate con Carolina Vázquez, mestra e recoñecida tocadora das Adufeiras de Salitre e Roberto Rodríguez, mestre de canto e pandeireta e recoñecido “recolledor” de música tradicional, para que nos falen da súa visión da película, da música tradicional, das recolleitas e de calquera tema relacionado coa nosa música.