
A Galería NÉBOA acollerá un novo evento cultural o vindeiro sábado, 10 de maio, ás 12.00 h. Con motivo da súa publicación no proxecto editorial Fueradcarta, presentarase en dita galería o libro de artista Quisiera ser selva, intransitable, incógnita…, de Christian Villamide. Esta edición limitada, asinada e numerada, forma parte da exposición Bufet libre. (La casi) Una década de Fueradcarta,actualmente en CentroCentro (Madrid) e comisariada por Javier Díaz Guardiola.
Durante o acto, Christian Villamide acompañará e realizará unha visita guiada pola exposición Cando a paisaxe se fixo verba, comisariada por Paula Cabaleiro e aberta ao público na Galería NÉBOA ata o 31 de maio.
O libro ofrece unha reflexión visual e poética sobre a tensión entre natureza e artificialidade, e propón un percorrido íntimo por territorios transformados, onde o artístico se converte nun acto de resistencia e beleza.
A publicación poderá consultarse e adquirirse na galería desde o día da presentación.

Christian Villamide (Lugo, 1966) é un artista multidisciplinar. A súa obra aborda a interacción entre o mundo natural e o artificial, explorando a transformación da paisaxe e as contradicións do ser humano en relación coa súa contorna. A través da pintura, a fotografía, a escultura e as instalacións, constrúe unha reflexión visual sobre o equilibrio entre a natureza e a súa alteración pola man do home.
Villamide traballa con diversos materiais e soportes, como mármore, madeira, ferro, cemento ou metacrilato, creando composicións que desafían a percepción tradicional da paisaxe. O crítico Antón Castro describe o seu traballo como “unha expansión do concepto de pintura cara a un espazo de comportamento máis real, onde os sentidos e as emocións se integran na experiencia artística”.
O seu proxecto artístico, con influencias do conceptualismo, busca establecer unha comunicación tanto social como íntima co espectador, evidenciando o crecente desapego emocional e intelectual co espazo natural. A súa obra invita á reflexión sobre a supervivencia da natureza, a súa vulnerabilidade e forza, nun contexto de sobreexplotación e cambio constante.
Entre as súas exposicións individuais máis recentes destacan “Maleza” (Fundación RAC, Pontevedra, 2023), “In Landscape Mode” (CGAC, Santiago de Compostela, 2019), “PERturbacións” (CAB, Burgos, 2019), mostra site-specific comisariada por Javier del Campo, “Hortus Conclusus” (Centro Cultural Marcos Valcárcel, Ourense, 2018) e “A Paisaxe contra a Parede” (Museo Provincial de Lugo, 2016).
A súa obra estivo presente en numerosas mostras colectivas, bienais, feiras e certames, destacando a súa participación na “XXXII Bienal de Arte de Pontevedra” (Pontevedra, 2025), “Simultánea” (A Fundación Vigo e Lugo, 2024), “JustMad” (Madrid, 2023), “Art Madrid” (Madrid, 2018), na “II Bienal de Canarias, Arte Paisaxe y Arquitectura” (Círculo de Bellas Artes, Tenerife, 2009) e na exposición “Foron Novísimos” (Centro de Arte Torrente Ballester, Ferrol, 2003). Ademais, recibiu varios premios e bolsas de creación e participou en diversos programas de residencia artística en diferentes puntos de España, e a súa obra forma parte de coleccións de entidades públicas e privadas como o Centro de Arte CAB – Fundación Caja de Burgos, MAC (A Coruña), a Colección Caja Canarias (Gran Canaria), Afundación, Caja Madrid, a Delegación de Cultura de Lugo, o Museo Municipal de Ourense, a Fundación de Arte Ana Torre (Buenos Aires), a Xunta de Galicia, a Deputación Provincial da Coruña, o Concello de Lugo, a Deputación Provincial de Lugo e o Museo Provincial de Lugo.
Nota-de-Prensa-GL-Presentacion-libro-do-artista-Chris