• O tema rescata coplas populares que se fusionan sen estridencias coa música da banda liderada por Lucía Aldao
  • ‘8 sílabas’ soará por primeira vez en directo no concerto de PAVA deste venres, 9 de maio, na Sala Riquela de Santiago
  • As entradas para cita, a primeira actuación da banda en Compostela após a publicación do seu último EP, están á venda en entradium.com


PAVA, a banda liderada por Lucía Aldao, vén de presentar 8 sílabas, un tema que fai unha chiscadela á poesía popular escoitada pola artista coruñesa na súa infancia. Catro desas coplas trénzanse con estrofas de autoría propia nun tema xoguetón que funciona como homenaxe á poesía popular e como recordatorio de que “cabe a vida e máis en oito sílabas”. A canción chega acompañada dun videoclip editado por Pablo Silva xa dispoñible nas redes.

8 sílabas soará por primeira vez en directo no concerto deste venres, 9 de maio, a partir das 20.30 horas, na Sala Riquela compostelá. As entradas para a cita, que será primeira actuación da banda en Santiago após a publicación do seu terceiro EP, titulado Pava 3, están á venda, por 12 euros, a través da plataforma web entradium.com

Neste traballo discográfico da formación seguen a estar presentes as liñas mestras dos EPs previos: letras coidadas e melodías exquisitas atravesadas por cuestións de xénero, identidade sexual, idade e lingua. PAVA é agora máis poliédrica, unha banda onde Lucía Aldao exerce de frontwoman, e iso reflíctese tamén na súa música, máis sólida e sofisticada.


PAVA é a banda gañadora do último Premio Martín Códax da Música na categoría de Pop e Indie. Liderada por Lucía Aldao, conta con Analís na batería, David Santos no baixo e Pablo Silva na guitarra. A poeta e compositora coruñesa é a responsable das melodías e letras dos temas mais o traballo dos arranxos é un labor de equipo ao que se suma Julián Goicoa, tamén produtor da banda. En decembro do 2024 publicaron Pava 3, o seu terceiro EP.

CONCERTO DE PRESENTACIÓN DE ‘PAVA 3’ EN SANTIAGO DE COMPOSTELA

Venres 9 de maio de 2025 | 20.30 h

Sala Riquela (Preguntoiro, 35)

Entradas: https://entradium.com/events/pava

Solicitude de acreditacións (antes do 8 de maio): prensa@theofficeco.es

Escoita Pava 3 | https://pava.bandcamp.com/music

Vídeo Unha cadela chamada ‘Por Favor’

Vídeo 8 sílabas


Lucía Aldao – Convite concerto Sala Riquela e anuncio novo tema