• A actividade conta tamén coa participación da etnomusicóloga Beatriz Busto e será o vindeiro 15 de maio, ás 20 horas, con entrada libre ata completar capacidade 
  • ‘Alvela. Do arquivo ao disco’ enmárcase dentro da programación paralela á exposición ‘Cantareiras. Oralidade, creación, transmisión’ do Museo do Pobo Galego 
  • A conversa entre FAIA e Beatriz Busto revelará a vinculación de ‘Alvela’ co arquivo do museo e o proceso de traballo do disco


FAIA vai presentar o seu novo disco no marco da conversa Alvela. Do arquivo ao disco no Museo do Pobo Galego o vindeiro xoves 15 de maio, ás 20.00 horas. A actividade, que forma parte da programación paralela da exposición Cantareiras. Oralidade, creación, transmisión producida polo museo co gallo das Letras Galegas 2025, contará coa participación da antropóloga e etnomusicóloga Beatriz Busto e terá entrada libre ata completar capacidade. 

Nesta conversa o público poderá coñecer de primeira man a estreita vinculación de Alvela co Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI) do museo e os detalles do proceso de traballo do disco. Alén diso, será tamén a presentación pública do vinilo porque aínda que Alvela foi lanzado nas plataformas dixitais o pasado 23 de abril, é agora cando é posible adquirilo en formato físico, con portada e ilustracións da artista plástica Blanca Gracia. 

Alvela é un traballo complexo e sutil, con dez temas que transitan pola experiencia da maternidade, a memoria do corpo e as violencias que o atravesan, mais tamén sobre a forza que reside no íntimo, no desexo e no pracer. FAIA revisita arrolos, romances e outras cantigas tradicionais acompañada unicamente por instrumentos de corda e gravacións de campo manipuladas, unha constrición creativa que lle confire a Alvela unha coherencia sónica e unha organicidade singular. 

O disco está producido por Hevi (Malandrómeda, Fluzo) e conta coas colaboracións de Bleuenn Le Friec, Antía Ameixeiras, Antía Muíño, De Vacas ou Suelen Estar Quartet. O concepto visual foi elaborado xunto con Melania Freire e as acuarelas e as animacións que acompañan as cancións son obra da artista plástica Blanca Gracia. A poeta Antía Otero acompañou na conceptualización xeral e no seguimento do proceso do disco.


FAIA convida á conversa no Museo do Pobo Galego



Sobre FAIA

FAIA Díaz Novo é cantante, creadora e historiadora da arte. Compaxina a súa carreira musical en solitario coa participación en grupos como De Vacas, o Coro Encaixe e o trío Nacho.Faia.Lar. No 2018 publicou o seu primeiro disco en solitario, Ao cabo leirín, unha autoedición en vinilo centrada no cancioneiro tradicional e reinterpretado en clave feminista e contemporánea. Este abril presentou Alvela, o seu segundo traballo. 

CONVERSA CON FAIA

Alvela. Do arquivo ao disco | Coa etnomusicóloga Beatriz Bustos 
Xoves 15 maio | 20.00 h | Museo do Pobo Galego (Santiago de Compostela) 
Entrada libre ata completar capacidade 

WEB FAIA | https://faia.gal

ESCOITA ‘ALVELA’ | https://open.spotify.com/intl-es/album/0Dk1zYqcNxoDFNgGK6473u

VIDEOCLIP ‘E SE QUERES’ | https://youtu.be/vcjRdVp8bqc