A liña PRO do evento ofrecerá esta fin de semana 13 parladoiros e 2 obradoiros gratuítos no Espacio Avenida, ademais de sesións musicais para favorecer o encontro entre creadoras e asistentes ao festival
A apertura da programación profesional terá lugar o venres 23 ás 12:30h e, deseguido, o Grupo Malasa anunciará as gañadoras do seu primeiro concurso de deseño de mobiliario
O programa PRO do sábado 24 de maio será 100% feminino e contará con figuras recoñecidas como Angie Boga, da produtora Canada; ademais da tipógrafa catalá Marta Cerdà, a directora creativa Isabelita Virtual, a directora de escena Marta Pazos ou a ilustradora Inma Hortas
GALICIA DESIGN WEEK, o festival de deseño de referencia do noroeste peninsular que se está a celebrar na Coruña, presenta esta fin de semana a súa liña profesional, nomeada PRO. Un programa de actividades gratuítas, que inclúen 13 parladoiros e 2 workshops, terán lugar nas xornadas do venres 23 e sábado 24 de maio no novo Espacio Avenida de Abanca, exemplo de rehabilitación patrimonial exemplar e icona da cidade, situado no Cantón Grande herculino.
GALICIA DESIGN WEEK, co-dirixido por Marta González Rivas e Álex Rico Caramés, é a gran cita cultural que aúna á comunidade do deseño galego e ten como obxectivo inspirar e por en valor un sector profesional e cultural de enorme relevancia social e empresarial para o país; ademais de xerar comunidade, amosar boas prácticas, fomentar colaboracións coa creación de espazos e momentos de conexión e intercambio informal, xerar proxectos, formar novas xeracións e abrir o deseño galego ao exterior.
Durante 9 días, #GDW25 ofrece unha ampla programación gratuíta con 21 actividades, como obradoiros, exposicións, parladoiros e sesións musicais. No marco da liña de programación PRO, que comeza este venres 23, GALICIA DESIGN WEEK reunirá a numerosas referentes en diferentes disciplinas do deseño; e as conferencias do sábado serán 100% femininas -que supón ademais máis dun 50% da programación e do equipo de traballo da #GDW25-. Así, contará con parladoiros de Angie Bolea, da prestixiosa produtora Canada, da tipógrafa catalá Marta Cerdà, da creativa internacional Isabelita Virtual, da escenógrafa Marta Pazos ou da ilustradora Inma Hortas.
Nesta parte PRO tamén haberá espazo para coñecer, desde a proximidade, o traballo dunha das axencias de referencia no ámbito do deseño editorial, como son os galegos Desescribir -e a súa editorial Fabulatorio-, mais tamén para descubrir os proxectos do estudio de arquitectura madrileño BURR, da axencia de branding Novagarda ou mesmo da marca de xoias RIGIDO e as súas creativas Carta et Stik. Ademais, o talento galego emerxente estará moi presente -alén das exposicións da #GDW25 que se poden ver estes días nas rúas da cidade- cunha conversa na que se darán a coñecer as iniciativas Aldea, Cotbar, Lixo e Proxecto Bolina.
A programación PRO complétase con dous obradoiros gratuítos, aos que se poderá acceder previa inscrición a través do correo electrónico info@gdw.gal e para os que quedan moi poucas prazas dispoñibles. O venres 23, o estudio Vagrant ofrecerá un workshop sobre branding, no que mostrará a nova identidade tanto do festival de música Sónar coma da propia GDW. Ao día seguinte, o sábado 24, o Grupo Malasa impartirá o taller ‘A túa idea en maqueta. Do papel á forma’. Precisamente a empresa coruñesa, referente no sector da fabricación de mobiliario, é a responsable da instalación que se poderá ver até o 30 de maio na praza de Lugo sobre o talento galego máis destacado do último ano.
Ao fío, Grupo Malasa fallará no marco de #GDW25 as propostas gañadoras do seu primeiro concurso de deseño de mobiliario para novas creadoras -chamado Grupo Malasa Talent Contest-, unha iniciativa dirixida especialmente ao alumnado galego dos centros orientados ao deseño coa intención de potenciar e promocionar o talento emerxente e o deseño local. As tres ideas gañadoras recibirán, en conxunto, ata 4.000 euros e un contrato laboral coa empresa. O ditame do xurado profesional, responsable de valorar as propostas recibidas, darase a coñecer o venres 23 ás 13:00 horas no Espacio Avenida.
Ademais da programación PRO, esta fin de semana GALICIA DESIGN WEEK ofrecerá a liña SESSIONS, que pretenden favorecer o encontro entre creadoras e asistentes ao finalizar cada xornada PRO. Estas sesións musicais correrán da conta do DJ Certain People -quen festexará o décimo aniversario do seu selo Certain Music– e a DJ Gulya, tamén ilustradora, quen estará acompañada das visuais de Héctor de la Puente. Espacio Avenida e Malte Atochas acollerán estas propostas de lecer, ademais do Playa Club, na que se celebrará o peche do evento.
Por último, esta fin de semana tamén se poderá gozar da liña SHOW, que conta con dúas exhibicións a ceo aberto: a Praza de Lugo acolle DESIGNED IN GALICIA, unha mostra sobre unha instalación deseñada polo Grupo Malasa arredor do mellor deseño do país do último ano; e a avenida da Mariña é o punto no que se atopa #NOVODESEÑOGALEGO, con base nunha instalación do estudio coruñés Flu-or que presenta o máis salientable do talento emerxente da comunidade. Ambas mostras poderanse visitar até 30 de maio e 15 de xuño, respectivamente.
Esta liña SHOW complétase cun showroom, un escaparate dixital de creacións e espazos de artistas de Galicia que tamén dispón dun punto físico no Espacio Avenida durante o PRO (venres 23 e sábado 24) destinado a amosar e vender traballos dalgunhas das protagonistas deste ano: é o caso dos materiais da editorial galega Fabulatorio, do novo libro da tipógrafa Marta Cerdà ou creacións das marcas Aldea e Proxecto Bolina, que participarán nas conversas do sábado 24. Tamén estarán presentes neste espazo Cervezas Alhambra, café e revistas de News & Coffee e dulces de Goloso.
OLYMPUS DIGITAL CAMERA
#GDW25
GALICIA DESIGN WEEK agroma do traballo común entre a asociación GALICIA DESIGN e a axencia creativa FOLLOW. O festival conta nesta sexta edición co apoio da Xunta de Galicia, da Deputación da Coruña, do Grupo Malasa, de Abanca, de Checkpoint e da delegación da Coruña do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG). Ademais, conta coa colaboración de Cervezas Alhambra, Autoenfoque, Certain Music, Fundación Didac, Goloso Coffee Counters, Gràffica, K-Tuin, Malte, News&Coffee, Playa Club, Rosmon, Studio Follow e Usual.
A súa programación divídese en catro eixes: PRO, con 13 conferencias e 2 obradoiros no novo Espacio Avenida de Abanca situado no Cantón Grande; SHOW, con 2 exposicións e un showroom tanto físico coma virtual; SESSIONS, a parte máis festiva do evento; e OFF, as actividades realizadas en colaboración con axentes creativos da cidade.
AXENDA GALICIA DESIGN WEEK \ 23 e 24 de maio
23 de maio, Espacio Avenida \ 12:30 horas Apertura by USUAL. Coa presenza de institucións e patrocinadores. Convocatoria para medios de comunicación Acceso con invitación
23 de maio, Espacio Avenida \ 13:00 horas Grupo Malasa Talent Contest. Anuncio das gañadoras do certame. Acceso con invitación
23 de maio, Espacio Avenida \ 14:15 horas PRO Workshops: O novo branding do festival Sónar e de GDW x Vagrant (gratuíto previa inscrición en info@gdw.gal)
23 de maio, Espacio Avenida \ 16:00 -19:30 horas PRO Talks 16:00-16:45h \ Desescribir + Fabulatorio 16:45-17:30h\ Novagarda 17:30-18:00h \ Pausa 18:00-18:45h \ RIGIDO + Carla et Stik 18:45-19:30h \ BURR Acceso libre ata completar capacidade
23 de maio, Espacio Avenida \ SESSIONS 19:30-21:00h \ Certain People Acceso libre ata completar capacidade
24 de maio, Espacio Avenida \ 10:30 horas PRO TALKS 10:30-12:00h \ NOVODESEÑOGALEGO. Aldea, Cotbar, Lixo, Proxecto Bolina 12:00-12:30h \ Pausa 12:30-13:15h \ Inma Hortas 13:15-14:00h \ Marta Pazos
Acceso libre ata completar capacidade
24 de maio, Espacio Avenida \ 14:15 horas PRO WHORSHOPS A túa idea en maqueta. Do papel á forma x Grupo Malasa (gratuíto previa inscrición en info@gdw.gal)
24 de maio, Espacio Avenida \ 16:00 horas PRO TALKS 16:00-16:45h \ Marta Cerdà 16:45-17:30h \ Isabelita Virtual 17:30-18:00h \ Pausa 18:00-19:30h \ Canada Acceso libre ata completar capacidade
24 de maio, Espacio Avenida \ SESSIONS 19:30-21:00h \ Dj Gulya & Héctor de la Puente Acceso libre ata completar capacidade
24 de maio, Malte Atochas \ SESSIONS 23:00h-01:00h \Certain People Acceso libre ata completar capacidade
24 de maio, Playa Club \ SESSIONS 03:00h-06:00h \Post party
\SHOW
Até o 30 de maio \ Praza de Lugo
Exposición DESIGNED IN GALICIA sobre o mellor deseño galego do último ano. Deseñada por Grupo Malasa Até o 15 de xuño \ Avenida da Mariña
Exposición #NOVODESEÑOGALEGO sobre o talento emerxente galego. Deseñada por FLU-OR Durante o festival \ En liña
Showroom dixital en www.gdw.gal 23 e 24 de maio \ Espacio Avenida
O VENRES 23 ÁS 12:00H SAIRÁN Á VENDA AS ENTRADAS DE DÍA EN WWW.FUMEGAFEST.COM E ENTERTICKET DENDE 32€
O festival Fumega Fest da a coñecer o reparto dos artistas entre as xornadas do 4 e 5 de xullo, días de celebración do festival. As entradas para cada un dos días sairán á venda este venres 23 ás 12:00h dende 32€ en www.fumegafest.com e Enterticket. O Parque do Pasatempo de Betanzos vivirá dúas xornadas coas mellores bandas a nivel europeo de stoner rock, post rock, psych, space rock e post metal, nunha primeira edición que aspira a afianzarse como un dos grandes reclamos do xénero na Península Ibérica.
VENRES 4 DE XULLO
A xornada do venres 4 de xullo estará encabezadapor un dos grandes atractivos desta edición, Monkey3. Dende Suiza, o grupo trae unha fusión explosiva de stoner rock, space rock e progresivo. Xunto á banda suíza, dende Escocia chega outra das grandes bandas internacionais do festival, Dvne, que destaca como un dos grupos máis potentes e ambiciosas do post-metal progresivo. Neste caso dende Bélxica, a intensidade progresiva dePsychonaut converteunos nunha das propostas máis innovadoras do stoner e post-metal. Completando esta primeira xornada, actuará unha das bandas máis representativas da escena galega, Mano de Piedra, que dende Vigo chegarán para fusionar stoner, hardcore e post metal cunha brutalidade sonora impactante.
SÁBADO 5 DE XULLO
A xornada do sábado 5 de xullo estará encabezada por outro dos grandes nomes desta edición, Greenleaf, que aterrarán dende Suecia, lugar onde crearon o seu son en base á psicodelia, o hard rock e o heavy blues. A aposta por grandes nomes consagrados da escena estatal chegará da man dos cataláns Exxasens, quelevan máis de 15 anos redefinindo os límites do post-rock e space rock instrumental. Neste caso dende terras madrileñas, chega para esta última xornada unha das propostas máis incalificables do cartel. Mohama Saz combina psicodelia, rock, jazz espiritual e sons tradicionais do Mediterráneo, Oriente Medio e Norte de África. Pechando o cartel desta segunda e última xornada, o festival traerá dende Lugo o post-rock e o metal instrumental de Kalte Sonne, un dos grandes grupos galegos que se destacou en festivais de toda Europa.
Xunto ás entradas de día, o festival porá á venda tamén un pequeno cupo de accesos á acampada diarios, espazo que contará con zona cuberta, control de acceso e todos os servizos do pavillón municipal. Atoparase a escasos metros andando do recinto de concertos e do centro da vila, e terá un prezo de 12€.
Fumega Fest é un festival promovido pola promotora PlayPlan, encargados de festivais como BIGSOUND Pontevedra, SonRías Baixas ou Festival do Pasatempo, así como das carreiras de artistas como Tanxugueiras, Caamaño&Ameixeiras, Vimbio, Sabela ou Hugo Guezeta. O evento conta coa colaboración institucional do concello de Betanzos e o patrocinio de El Águila.
COÑECE AOS ARTISTAS DO FUMEGA FEST
Un dos grandes cabezas de cartel desta edición é Monkey3. Dende Suiza, o grupo trae unha fusión explosiva de stoner rock, space rock e progresivo. Nacidos no 2001 como unha banda de jam sessions, evolucionaron ata converterse nunha das formacións máis respectadas do xénero en Europa. Os seus directos son unha auténtica viaxe sensorial, con guitarras expansivas, teclados psicodélicos e unha enerxía demoledora.
Dende Escocia chega outro dos grandes atractivos do festival, Dvne, que destaca como unha das bandas máis potentes e ambiciosas do post-metal progresivo. Cun son épico que fusiona stoner, sludge, doom e metal progresivo, o seu estilo bebe de influencias como Mastodon, Neurosis e Pink Floyd, creando composicións expansivas e atmosféricas.
Neste caso dende Bélxica, a intensidade progresiva de Psychonaut converteunos nunha das propostas máis innovadoras do stoner e post-metal. Influenciados por Led Zeppelin, Pink Floyd e Tool, combinan riffs esmagadores con conceptos filosóficos e espirituais nos seus discos. Coñecidos polos seus directos impactantes e unha posta en escena escura e envolvente, son unha das grandes apostas do festival.
O último dos grandes nomes desta edición chegará dende Suecia, onde Greenleaf creou o seu son en base á psicodelia, o hard rock e o heavy blues. Mesturando a potencia das paisaxes sonoras creadas coas súas guitarras e unhas cautivadoras voces de blues, a banda sueca chegan para ofrecer un espectáculo frenético e hipnotizante a partes iguais.
O festival aposta tamén por grandes nomes consagrados da escena estatal. Os cataláns Exxasens levan máis de 15 anos redefinindo os límites do post-rock e space rock instrumental. A súa música evoca viaxes interestelares con guitarras etéreas, sintetizadores envolventes e unha produción meticulosa. Dende terras madrileñas chega unha das propostas máis incalificables do cartel. Mohama Saz combina psicodelia, rock, jazz espiritual e sons tradicionais do Mediterráneo, Oriente Medio e Norte de África, creando unha experiencia sonora única. A súa música, cunha forte carga política e experimental, é un convite ao trance e á exploración sen límites.
No festival tamén haberá espazo para gozar de dúas das bandas máis representativas da escena galega. Dende Vigo emerxe Mano de Piedra, unha banda que fusiona stoner, hardcore e post metal cunha brutalidade sonora impactante. Dende Lugo aterrará o post-rock e o metal instrumental de Kalte Sonne, grupo que se destacou en festivais de toda Europa. A súa capacidade para crear atmosferas cinematográficas e envolventes é unha aposta segura para quen busca emocións intensas e paisaxes sonoras inesquecibles.
A Asociación Cultural Autobán, co apoio do Concello da Coruña, promove, por segundo ano consecutivo, este certame pioneiro no sector da autoedición, cuxo premio constará dunha dotación económica de 1.250 € e un trofeo personalizado polo artista Luis Yang, gañador da pasada edición do premio
O prazo para a preinscrición en liña estenderase do 19 de maio ao 9 de xuño de 2025 e poderá realizarse a través da páxina web de Autobán
Poderán participar todas as autoras, autores e colectivos que autoeditaron un cómic ou fanzine gráfico en lingua galega ou desde Galicia entre o 15 de maio de 2024 e o 15 de maio de 2025, cun máximo de 3 obras por participante
As bases completas do II Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego 2024-2025 poden consultarse na seguinte ligazón: https://www.autoban.gal/premio25
A persoa gañadora do premio, seleccionada por un xurado especializado, darase a coñecer no mes de agosto durante un acto de entrega no marco da edición de verán de 2025 do Festival de autoedición e BD Autobán
A Asociación Cultural Autobán, co apoio do Concello da Coruña, convoca o II Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego 2024-2025, un certame pioneiro no sector da autoedición, cuxo premio constará dunha dotación económica de 1.250 € e un trofeo personalizado a man polo artista Luis Yang (gañador da primeira edición do certame). O II Premio Autobán 2024-2025 contempla, tamén, un accésit cunha dotación económica de 350 €. O prazo para a preinscrición en liña estenderase do 19 de maio ao 9 de xuño e poderá realizarse a través de https://www.autoban.gal/premio25.
Poderán participar todas as autoras, autores e colectivos que autoeditaron un cómic ou fanzine gráfico en lingua galega ou desde Galicia entre o 15 de maio de 2024 e o 15 de maio de 2025, cun máximo de 3 obras por participante, sempre que o/a autor/a ou a maioría dos/as compoñentes do colectivo sexan de orixe galega ou estean fincados/as en Galicia. O tema, a técnica, o formato e o deseño do fanzine serán libres. A persoa gañadora do premio, seleccionada por un xurado especializado, darase a coñecer a partir de mediados de xullo e mais tarde celebrarase a cerimonia de entrega do premio durante a edición de verán 2025 do Festival Autobán. O gañador da edición anterior deste Premio Autobán quedaría excluído da posibilidade de optar de novo ao galardón nun prazo de cinco anos, pero si que podería presentarse a este certame para ser considerado de cara á participar na exposición de fanzines e na fanzinoteca das Bibliotecas da Coruña. As bases completas do II Premio Autobán poden consultarse na seguinte ligazón: https://www.autoban.gal/premio25.
UNHA PANORÁMICA SOBRE A PRIMEIRA EDICIÓN DO PREMIO AUTOBÁN
Na súa primeira edición, celebrada o pasado ano, Luis Yang alzouse co galardón do I Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego grazas á súa obra Sunny 16. O xurado especializado do certame estivo integrado polos profesionais María Gil, historiadora da arte e investigadora; Brais Rodríguez, ilustrador e profesor; e Toño Vilaverde, libreiro especializado, que dicidiron outorgarlle, tamén, un accésit con diploma a Gemma Pérez, pola súa obra Mi nick era #humeda.
Este I Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego 2023-2024 recibiu un total de 57 proxectos, con 54 publicacións válidas. Na rolda final de clasificados foron tamén seleccionados os fanzines Macheta 7, da Asociación Artístico-cultural Huhú e Asociación Teixo; Así somos, de Raquel Montero; e sólo una vez más, de Aisha Rey. O público puido ver e ler todas as obras presentadas a concurso na Expofanzines que acolleu o festival Viñetas desde o Atlántico no Palexco da Coruña do 12 de agosto ao 30 de setembro de 2024. Na web de Autobán e posible, tamén, consultar a información desta Expofanzines 2024: https://www.autoban.gal/expofanzines/expofanzine2024
SOBRE AUTOBÁN
Autobán é o festival coruñés de cómic autoeditado. No ano 2023, a iniciativa constitúese como asociación cultural. O seu obxectivo é a promoción da banda deseñada e a ilustración, a autoedición e a autoxestión, así como tecer unha rede de apoio para as persoas que se dedican a estas disciplinas. No seu labor inclúese a creación de eventos e actividades para a xestión de espazos nos que todos os e as amantes da autoedición sexan protagonistas.
A asociación organiza cada mes de agosto o Festival Autobán coincidindo co encontro internacional Viñetas desde o Atlántico. Trátase dun mercado de autoedición que ofrece a autores e autoras, colectivos, proxectos de autoedición e microeditoriais de toda a Península a oportunidade de amosar e vender o seu material. O encontro propón, tamén, combates de debuxantes, presentacións de proxectos, obradoiros, exposicións, música e gastronomía durante a súa celebración.
Por outra banda, a asociación promove, tamén, iniciativas como o Autobom, que se presenta como a edición de primavera do Autobán, coa vontade de ser un encontro entre a xente que se dedica e goza coa autoedición gráfica e a BD alternativa, con charlas, faladoiros, obradoiros e actividades diversas en torno ao mundo dos fanzines. De forma mensual, Autobán organiza, asimesmo, un Club de Debuxo con diferentes temáticas en espazos afines do sector.
DEZ ANOS DE HISTORIA DE AUTOBÁN
En agosto de 2024, o festival de autoedición e BD Autobán celebrou o seu 10º aniversario. O ilustrador José Domingo foi o autor do cartel dese 10º Autobán, nun homenaxe a eses 10 anos de traxectoria do evento, xa que tamén foi el quen deseñou o cartel da primeira edición de Autobán celebrada en 2014. Neste 2025, Autobán regresará á Coruña no mes de agosto para celebrar a 11ª edición do evento.
Entre os fitos do Autobán nesta década de historia cabe destacar que moitas das xoves promesas que gañaron o seu Combate de Debuxantes acabaron por converterse en historietistas e artistas de renome, como Xulia Vicente, Cynthia Alfonso, Xulia Pisón, Paula Freire, Teresa Ferreiro, Jorge Parras, Paz Rodríguez ou Aisha Rey.
As sedes máis populares do Autobán ao longo dos anos foron a añorada Nave 1839 e a actual Praza de San Andrés, pero o festival tense movido por toda A Coruña: celebrou edicións no espazo The Room, nos bares Old School, La Maleta, Ledicia, Meliora, Bar 13 ou Monty, na Sala Filomatic, na librería A Tobeira de Oza ou no local social A Revolteira, e tivo unha exposición antolóxica no Café de Macondo. En 2024 sumouse, tamén, o Círculo de Artesáns.
Nos faladoiros do Autobán teñen participado ducias de personalidades do sector, coma os debuxantes Emma Ríos, Natasha Bustos, Alberto Vázquez, Bea Lema, Roberta Vázquez, Manel Cráneo, Santy Gutiérrez, Alberto Guitián, Leandro Barea, Pepa Prieto Puy, Miguel Porto, Inés Cararejos ou Brais Rodríguez, os críticos Octavio Beares, Manuel Barreiro e Edu Maroño, os blogueiros Esteban Yáñez e Ghanito, a bibliotecaria Sira González ou os libreiros Toño Vilaverde e Simón Blanco. Tratáronse temas como a censura e a liberdade de expresión, a visibilidade feminista e LGTBIQ+ no mundo da banda deseñada, os diferentes eventos de autoedición galegos, o funcionamento dos colectivos autorais, o traballo dos humoristas gráficos, o paso á industria do videoxogo, o panorama fanzineiro a nivel estatal ou a historia da autoedición en Galicia.
O vindeiro venres 23 de maio no Museo Camilo José Cela de Iria Flavia (Padrón), terá lugar a actuación de peche do programa Letreseo, organizado pola Fundación Camilo José Cela e que este ano celebra unha edición especial, xa que se cumpre o trixésimo aniversario da concesión do Premio Cervantes ao autor iriense.
Antía Muíño é unha das revelacións da nova canción galega. Con “Carta Aberta”, o seu álbum debut con case 2 millóns de reproducións e ela foi escollida embaixadora de Spotify España na súa playlist EQUAL, saíndo en rotación nas marquesinas de Times Square (New York).
O seu rexistro móvese entre o jazz-pop, a canción alternativa de autora e a música tradicional, unha viaxe entre estilos perfectamente guiada pola súa máxica voz. Na súa aínda curta carreira, actuou en festivais tan diversos como o Jazzaldia (Donosti), Veranos de la Villa (Madrid) ou Os Xoves de Códax (Cambados), entre moitos outros, e colabora habitualmente con artistas como Baiuca ou Xabier Díaz.
Ao vivo, Antía acompaña a súa voz ás veces de guitarra clásica e ás veces de pandeireta, intercalando a intimidade e o virtuosismo das súas autorías coa potencia da percusión e o canto tradicional. Completan o cuarteto Miguel Arribas ao saxo e o teclado, Ton Risco ás percusións e Yudit Almeida ao contrabaixo.
Neste concerto especial do LETRESEO, suma novo repertorio ás aclamadas cancións de “Carta Aberta”, como os seus máis recentes sinxelos e algunhas novas achegas da tradición oral.
Noia Harp Fest convoca a cuarta edición do Portus Apostoli, que aumenta a contía do premio, dirixido a ampliar o repertorio para arpa e orquestra de cordas
A creadora ou creador da obra gañadora do Premio Internacional de Composición promovido polo NHF da man do Concello de Noia recibirá 4.000 euros e o apoio do festival para e a súa estrea oficial no ano 2026
A duodécima edición do Festival Internacional de Arpa Vila de Noia celebrarase do 30 de xullo ao 2 de agosto e a súa programación oficial darase a coñecer publicamente o martes 3 de xuño
O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia, coñecido como Noia Harp Fest, cuxa duodécima edición terá lugar do 30 de xullo ao 2 de agosto, vén de publicar na súa páxina web as bases da convocatoria da cuarta edición do Premio Internacional de Composición Portus Apostoli, un certame innovador organizado polo propio evento, coa colaboración do Concello de Noia, coa intención de promover a creación de obras para arpa e orquestra e ampliar, deste xeito, o repertorio actual. O galardón, que de cara a esta nova edición ampliará a súa contía económica (a achega pasará de 2.500 a 4.000 euros), suporá tamén a estrea ao vivo da obra no ano 2026 co apoio do único festival do noroeste peninsular dedicado á arpa. A convocatoria está aberta desde hoxe, martes 20 de maio, e até o vindeiro 23 de decembro a todas e todos os compositores de calquera nacionalidade e sen límite de idade. Na terceira edición do Portus Apostoli, da que resultou gañador o arxentino Federico Beilison coa peza Cuatro historias gallegas (o fallo deuse a coñecer o pasado mes de febreiro) presentáronse unha ducia de composicións chegadas de países como Alemania, Austria, Colombia, Estados Unidos ou Finlandia, entre outros. Nas vindeiras semanas o Noia Harp Fest dará a coñecer os detalles da estrea da obra do compositor e guitarrista arxentino, da que o xurado salientou “a súa creatividade musical e a interesante utilización da escrita para arpa”, ademais de destacar os “múltiples recursos utilizados para corda” polo seu autor. A estrea mundial de Cuatro historias gallegas é unha das novidades que o festival dará a coñecer proximamente, alén da presentación oficial da súa programación ao completo, que terá lugar o martes 3 de xuño.
Bases para participar no Portus Apostoli
Cada compositora ou compositor poderá presentar unha soa obra, que deberá ser orixinal e inédita, de xeito que non poderán participar no certame pezas creadas froito dun encargo remunerado, premiadas noutro concurso ou que fosen interpretadas anteriormente en concertos ou actos públicos. A nova composición será de tema libre, deberá estar escrita para arpa e orquestra de cordas (sen medios electroacústicos) e poderá ter unha duración de entre 10 e 15 minutos. Os materiais (un arquivo comprimido coa partitura da parte de arpa e outra xeral, ademais dun ficheiro en .mp3 ou .wav) poderanse enviar até as 24 horas do 23 de decembro de 2025. Un xurado internacional, conformado por arpistas e directores de orquestra de recoñecido prestixio, será o responsable de valorar e premiar as creacións, nas que se terán en conta, entre outros aspectos, a proposta creativa; o tratamento da técnica e da escritura para arpa -así como da orquestración-; a coherencia, proporción e equilibrio no traballo técnico; ou o equilibrio entre dificultade e resultado musical. Ademais, o tribunal valorará positivamente aquelas obras con referencias á música ou á cultura galega. Tanto a obra gañadora como a que se corresponda coa mención de honra (sen contía económica), daranse a coñecer o 15 de febreiro de 2026 e poderanse escoitar por vez primeira ao vivo nun concerto especial que se celebrará da man do Noia Harp Fest.
Noia Harp Fest
O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia (Noia Harp Fest) celebrará a súa duodécima edición os días 30 e 31 de xullo, e 1 e 2 de agosto. Organizado por Nalgures Producións e baixo a dirección artística da Asociación Noia Harp Fest, o evento conta co apoio do Concello de Noia e da Xunta de Galicia a través de Turismo de Galicia, ademais da colaboración da Deputación da Coruña.
Trátase dunha cita imprescindible do calendario musical para todas aquelas amantes da arpa así como da diversidade artística; pois o evento reúne cada tempada numerosas bandas e solistas, tanto galegas coma internacionais, de diferentes estilos e orixes. Polo de agora, xa se coñecen os primeiros nomes que participarán nesta edición: Ana Crismán, Juliette Commeaux, Laia Blasco, Noela Cotuna, Rebecca Hill e a banda galega D’Súpeto, liderada polo arpista José Álvarez, que se estreará como formación no festival. O fío condutor do Noia Harp Fest é a interpretación a través da arpa, polo que durante unhas xornadas o público pode descubrir, de balde, desde músicas ancestrais até creacións contemporáneas de vangarda de diferentes países. Ademais, o evento acolle, desde 2023, o Encontro de Escolas de Arpa de Galicia, que reúne ao alumnado dos centros galegos para tecer comunidade, convivir e interpretar, xuntas, unha composición.