Noia Harp Fest convoca a cuarta edición do Portus Apostoli, que aumenta a contía do premio, dirixido a ampliar o repertorio para arpa e orquestra de cordas

  • A creadora ou creador da obra gañadora do Premio Internacional de Composición promovido polo NHF da man do Concello de Noia recibirá 4.000 euros e o apoio do festival para e a súa estrea oficial no ano 2026
  • A duodécima edición do Festival Internacional de Arpa Vila de Noia celebrarase do 30 de xullo ao 2 de agosto e a súa programación oficial darase a coñecer publicamente o martes 3 de xuño



O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia, coñecido como Noia Harp Fest, cuxa duodécima edición terá lugar do 30 de xullo ao 2 de agosto, vén de publicar na súa páxina web as bases da convocatoria da cuarta edición do Premio Internacional de Composición Portus Apostoli, un certame innovador organizado polo propio evento, coa colaboración do Concello de Noia, coa intención de promover a creación de obras para arpa e orquestra e ampliar, deste xeito, o repertorio actual. O galardón, que de cara a esta nova edición ampliará a súa contía económica (a achega pasará de 2.500 a 4.000 euros), suporá tamén a estrea ao vivo da obra no ano 2026 co apoio do único festival do noroeste peninsular dedicado á arpa. A convocatoria está aberta desde hoxe, martes 20 de maio, e até o vindeiro 23 de decembro a todas e todos os compositores de calquera nacionalidade e sen límite de idade. 
Na terceira edición do Portus Apostoli, da que resultou gañador o arxentino Federico Beilison coa peza Cuatro historias gallegas (o fallo deuse a coñecer o pasado mes de febreiro) presentáronse unha ducia de composicións chegadas de países como Alemania, Austria, Colombia, Estados Unidos ou Finlandia, entre outros. Nas vindeiras semanas o Noia Harp Fest dará a coñecer os detalles da estrea da obra do compositor e guitarrista arxentino, da que o xurado salientou “a súa creatividade musical e a interesante utilización da escrita para arpa”, ademais de destacar os “múltiples recursos utilizados para corda” polo seu autor. A estrea mundial de Cuatro historias gallegas é unha das novidades que o festival dará a coñecer proximamente, alén da presentación oficial da súa programación ao completo, que terá lugar o martes 3 de xuño.   


Bases para participar no Portus Apostoli

Cada compositora ou compositor poderá presentar unha soa obra, que deberá ser orixinal e inédita, de xeito que non poderán participar no certame pezas creadas froito dun encargo remunerado, premiadas noutro concurso ou que fosen interpretadas anteriormente en concertos ou actos públicos. A nova composición será de tema libre, deberá estar escrita para arpa e orquestra de cordas (sen medios electroacústicos) e poderá ter unha duración de entre 10 e 15 minutos. Os materiais (un arquivo comprimido coa partitura da parte de arpa e outra xeral, ademais dun ficheiro en .mp3 ou .wav) poderanse enviar até as 24 horas do 23 de decembro de 2025.
Un xurado internacional, conformado por arpistas e directores de orquestra de recoñecido prestixio, será o responsable de valorar e premiar as creacións, nas que se terán en conta, entre outros aspectos, a proposta creativa; o tratamento da técnica e da escritura para arpa -así como da orquestración-; a coherencia, proporción e equilibrio no traballo técnico; ou o equilibrio entre dificultade e resultado musical. Ademais, o tribunal valorará positivamente aquelas obras con referencias á música ou á cultura galega.
Tanto a obra gañadora como a que se corresponda coa mención de honra (sen contía económica), daranse a coñecer o 15 de febreiro de 2026 e poderanse escoitar por vez primeira ao vivo nun concerto especial que se celebrará da man do Noia Harp Fest.



Noia Harp Fest

O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia (Noia Harp Fest) celebrará a súa duodécima edición os días 30 e 31 de xullo, e 1 e 2 de agosto. Organizado por Nalgures Producións e baixo a dirección artística da Asociación Noia Harp Fest, o evento conta co apoio do Concello de Noia e da Xunta de Galicia a través de Turismo de Galicia, ademais da colaboración da Deputación da Coruña.

Trátase dunha cita imprescindible do calendario musical para todas aquelas amantes da arpa así como da diversidade artística; pois o evento reúne cada tempada numerosas bandas e solistas, tanto galegas coma internacionais, de diferentes estilos e orixes. Polo de agora, xa se coñecen os primeiros nomes que participarán nesta edición: Ana Crismán, Juliette Commeaux, Laia Blasco, Noela Cotuna, Rebecca Hill e a banda galega D’Súpeto, liderada polo arpista José Álvarez, que se estreará como formación no festival. 
O fío condutor do Noia Harp Fest é a interpretación a través da arpa, polo que durante unhas xornadas o público pode descubrir, de balde, desde músicas ancestrais até creacións contemporáneas de vangarda de diferentes países. Ademais, o evento acolle, desde 2023, o Encontro de Escolas de Arpa de Galicia, que reúne ao alumnado dos centros galegos para tecer comunidade, convivir e interpretar, xuntas, unha composición. 


20250520-NHF-IV-Portus-Apostoli