
O vindeiro venres 23 de maio no Museo Camilo José Cela de Iria Flavia (Padrón), terá lugar a actuación de peche do programa Letreseo, organizado pola Fundación Camilo José Cela e que este ano celebra unha edición especial, xa que se cumpre o trixésimo aniversario da concesión do Premio Cervantes ao autor iriense.
Antía Muíño é unha das revelacións da nova canción galega. Con “Carta Aberta”, o seu álbum debut con case 2 millóns de reproducións e ela foi escollida embaixadora de Spotify España na súa playlist EQUAL, saíndo en rotación nas marquesinas de Times Square (New York).
O seu rexistro móvese entre o jazz-pop, a canción alternativa de autora e a música tradicional, unha viaxe entre estilos perfectamente guiada pola súa máxica voz. Na súa aínda curta carreira, actuou en festivais tan diversos como o Jazzaldia (Donosti), Veranos de la Villa (Madrid) ou Os Xoves de Códax (Cambados), entre moitos outros, e colabora habitualmente con artistas como Baiuca ou Xabier Díaz.
Ao vivo, Antía acompaña a súa voz ás veces de guitarra clásica e ás veces de pandeireta, intercalando a intimidade e o virtuosismo das súas autorías coa potencia da percusión e o canto tradicional. Completan o cuarteto Miguel Arribas ao saxo e o teclado, Ton Risco ás percusións e Yudit Almeida ao contrabaixo.
Neste concerto especial do LETRESEO, suma novo repertorio ás aclamadas cancións de “Carta Aberta”, como os seus máis recentes sinxelos e algunhas novas achegas da tradición oral.
Antía Muíño en concerto:
Museo Camilo José Cela – Iria Flavia (Padrón)
Venres 23 de maio ás 20:00h
Entradas en entradium.com