HENKO. A mirada de Miguel Díaz
Título: SILENCIO
Cando pensei en falar, atopei no fondo do caldeiro a ausencia do desexo.
E adopteina.
Título: SILENCIO
Cando pensei en falar, atopei no fondo do caldeiro a ausencia do desexo.
E adopteina.
Título: POESÍA
Conto eu (se cabe errado, e de dogmas carente) que a POESÍA conta entre as súas particularidades coa de poder aparecer en formas diversas, habitándoas e deixándose habitar por elas, nunha simbiose única que a afasta de toda mediocridade. Pode chiscar un ollo no sorriso dunha nena, sorrir maina nunha raiola ou espirse no horizonte dunha noite de xeada. Espreguizarse no aire en forma de tea, ou de folla capturada.
A POESÍA pode ser tamén na escrita, por medio da palabra, ferramenta coa que profunda no pozo íntimo das preguntas, na trama da dúbida, na carencia de certezas, na prestancia do efémero.
Mais acotío a POESÍA enfronta hordas, batallóns de personaxes aplaudidos pola súa claque. Invasións de usurpadores que, na deturpación da palabra, teiman en suplantala cos seus exercicios de egolatría. Danzaríns na tona, farsantes arestora, que bourean polas rúas a súa vaidade mentres a perseguen con cadeas.
E a POESÍA, testemuña do esperpento, segue ceibándose no mundo, allea e honesta, tenra e súa, ousada e núa.
Título: AMBIGUO
Título: CINZA
Espertar da caricia e que o soño se dilúa malferindo, na clarexa afiada. A realidade devoradora escribindo ausencia en cada parede. As chamas en tropel, insaciables na súa violencia anuladora. Velar fóra, co fume cravado nos ollos. Buscar as chaves no peto e atopar cinza. Atopar a indiferenza da cinza.
E saber, desde o fondo das entrañas, que é preciso dar, de novo, o paso máis afanoso. A reconstrución da esperanza. A reforestación do amado. Da man da terra, que aínda teima en gorecer porvir. E deixar, unha vez máis, que sexa o corazón o que soñe. Que soñe coa semente no ventre do monte e que, esperto, a procure. Unha vez máis e, a pesar de todo, que a procure.
Título: Invólucro
No repouso, atopar un lugar para o agocho e escoller chamarlle silencio. Sentir a frialdade espiñenta da apatía. O desinterese pétreo que estanca a auga. A mirada baleira da cúpula. O peso da man que xa non se estende na procura. O soño deshabitado.
Ser conquistados por unha avalancha de bisontes vacuos e non desexar xa o recendo húmido de ningún acorde.
Título: ARAME DE ESPIÑO
Na xeografía arisca do ignoto, emerxe a montaña da conxectura, borrando camiños entregos. As formas nas que nos erguemos sementan hipóteses acotío erradas. Distancias alimentadas por medos vellos que flúen polas veas como células amargas. Abránguennos ás veces lembranzas arame de espiño, tristuras de marañas teimudas conxugadas en noites mestas. Existen épocas así, nas que todo é ferida. E desde o fondo do tallo só podemos ver o gume alto dun machado que nos encolle. Existen verbos que non flúen, palabras abortadas que nos anegan. Momentos decisivos que nos afastan, sentencias infames que nos diminúen.
Pero a dor é un monstro que medra nas tebras, por iso hai que desenraizala da escuridade, enfrontala á alborada. Deixar que a luz dun día novo a devore cos seus dentes afiados na esperanza. Hai que desvencellala da medula, arrincala do seu último reduto nas enxivas, cuspila nas corredoiras mentres o arame nos observa, impotente, máis aló dunha cuneta que non pode salvar.