HENKO. A mirada de Miguel Díaz
Título: STOP
Todos os días son terceiro domingo de novembro.
Todas as flores son recendo da memoria.
Hai intres sostidos no accidente das horas.
Hai lugares nos que todo se detén.
Título: STOP
Todos os días son terceiro domingo de novembro.
Todas as flores son recendo da memoria.
Hai intres sostidos no accidente das horas.
Hai lugares nos que todo se detén.
Título: CREBADURA
A nudez. Toda a, noutrora, posible.
Tremente na entrega. Na dación.
Proba e erro. Aprendizaxe baldía.
A nudez. Case absoluta.
Desfacerse das armas.
Espirse. Da coiraza.
Corazón sen coiraza.
A realidade. Que nega.
A verdade. Silenciada.
Sentir na epiderme a xeada.
Sentir na medula a barbarie.
Trazar no caos
unha utopía
e aniquilarse.
Título: FORMIGÓN
Confundimos euforia e felicidade, corrompemos o amor co veleno da impaciencia. Deturpamos a entrega co atropelo da comparación. Invalidamos o esforzo namentres facemos do abismo un lugar habitable, mentres extraemos da lembranza armas anuladoras.
Trementes na velocidade, aniquilados entre as liñas que traza, cremos progresar entre o ruído. Na consistencia indiferente do formigón, cre avanzar a nosa fraxilidade. E, na urxencia da carreira, afoga todo canto somos.
Título: BETULA
Betula, coma min, gusta do silencio. Na súa prestancia asoma unha complicidade longal e eu sei que, cando me espreguizo, ela estira comigo todas as súas utopías. E intúo que conxuga coa súa mirada algúns dos segredos que me habitan.
Título: O SORRISO
Hai lugares agardando, xente á espera, agasallos nun peto procurando o sorriso do neno que nos habita. E no solpor senlleiro pregúntome por que nos abrangue esa teima de vivir fuxindo de quen por nós pregunta, tamén nos días solleiros…
Título: A CADEA
Crúa atmosfera de coitelos afiados, terrible travesía polas escuras rúas vixentes. No seu xesto agrisado cae a bágoa sobre o abismo. Estou cando non me ves, dilúome no xentío. Eu son na dor e a dor é en min cando queres ceibarte pero es a cadea.