Título: EXTERMINIO
A necidade, é sabido, ten a lingua lixeira e o paso longo e a habitual falta dunha información veraz e obxectiva empurra a defender posicións, cando menos, cuestionables. Talvez se poida aceptar que a manipulación espallada desde certos sectores mediáticos teña efecto sobre mentes confiadas que acaban por crer a “realidade” que lles amosan. O oínte diana sostén posteriormente absurdas teses, converténdose en difusor dunha mensaxe que, en moitas ocasións, vai cargada de abxectas intencións e dunha crúa violencia que recolle acotío desde o sofá da casa. Porque violencia é utilizar un aparato de televisión, sirva o exemplo, para entrar nun fogar, ciscar nel mentira e odio, sen pudor, e abandonalo con paso silencioso e inocente.
Pode aceptarse, supoño, a coexistencia con individuos manipulados, aínda non sendo recomendable, mais non é permisible asumir os miserables modos duns medios convertidos en simples servos de poderosos amos. Medios sen escrúpulos de elites sen escrúpulos, que vilmente presentan a Israel como estado agredido con dereito a defenderse, obviando o exterminio que leva anos cometendo sobre o pobo palestino mentres o mundo occidental desatende continuas violacións dos dereitos humanos. A sociedade europea, entre tanto, escolle a indiferenza, dando continuidade ao seu imparable proceso de putrefacción moral. Corazóns petrificados ante a atrocidade, ante a negrura dunha inhumanidade que o tingue todo de dor e morte. Que tingue de sangue as vidas dos máis débiles mentres lle saca brillo ás balas do asasino.