HENKO

Miguel Díaz

Título: FLOTAR

Miguel Díaz, FLOTAR

A  présa. O arrebato. Definidos no apuro, na carreira desnortada. Eu quixera determe, agretar eses muros que instauran o desconcerto dunha velocidade aceda. Quixera enfrontar toda imposición que me ate as mans, cunha mirada de puño ergueito. Firmemente escribir nas paredes un “non” cando ti me empurres. Regalarche o abismo cando decretes todo proceso que me impida amar lentamente. Facelo acendendo candeas cando me sinales escuramente. Debuxar un lugar de abeiro cando o teu vento rabioso me ameace e simplemente flotar sen marcos nen reloxos descontando.

No confín da palabra, nos lindes da historia propia, ser quen de amosar un sorriso a toda esa tristura axitada. E que, se cabe por un ínfimo momento, poidas entender que te trabucas cada vez que botas a correr, que te baleiras cada vez que te transformas na ferramenta acelerada que a outros rende homenaxe. Que te equivocas representando unha personaxe serva de todo o que non es.