HENKO

Miguel Díaz

Título: A BOCA DO FORNO

Miguel Díaz, A BOCA DO FORNO

A rúa de casas sen portas, os vans que conducen á ruína interior. Todo o que un xa non quere ser. A ausencia da brasa no medio da cinza. A boca do forno. A boca sen palabras pendentes. Sen o murmurio da esperanza.

Afogados os momentos de corazón emerxido, brincador en melodía. Anegados todos os tempos nos que un pretendeu ser, amar, plantar. Todo disipado. As faragullas dunhas letras nun caderno, testemuñas dun paso insignificante. O home sente, a pedra permanece. Que importa xa. O papel arde, podrece. O home arde, podrece. Que no conxunto axitado se dilúa un, irrelevante, mentres galopa teimuda unha conxunción de tebras, que pode importar. Que pode importar o que nun habite ou o que nas entrañas se forxe para ser desprezado. Insuficiente, nulo. Que pode importar xa a fornada, a leña de xesta, o rascadoiro. Que pode importar a boca do forno, silenciada, abandonada.