HENKO. A mirada de Miguel Díaz

HENKO

Miguel Díaz

Título: Factura fartura fractura

Miguel Díaz, Factura fartura fractura

A factura feitura, a do facer. A factura vén protagonizada pola desidia. Polo descoidado de bordes afiados, de liñas áridas. Pola violencia das carreiras anuladoras.

A fartura xorde da repetición, da porfía ruidosa dun baleiro que oprime. A fartura do arame de espiño prensando o momento, anulándolle as ás. A fartura da frivolidade.

A fractura é a consecuencia. A chegada ao punto onde todo creba. A fractura renxe co vento da axitación perenne na que todo se expresa.

Factura fartura fractura.

Un abafa ante a factura do balbordo. Entre mans difusas que constrúen desvarío. Que elevan no tempo o seu desapego. Nun berro incansable e desnortado.

Un dilúese na fartura do baldío. No triste espectáculo caduco que trazamos. Na fartura do bandullo cheo de nada ou de bolboretas mortas que nos habitan.

Un aflíxese na fractura que provoca o acto de desoír a voz da vítima. De non concederlle un espazo de escoita que a considere. De negar un lugar ao fío que pode coser a ferida.

Factura fartura fractura.

Todo en demasía. Nunha velocidade que nunca é propia, que sempre é imposta e case nunca cuestionada. Nun proceso de evitación das verdades incómodas, no que eriximos unha realidade paralela na que, sen reparar, somos devorados por intrínseca violencia cando renunciamos á procura da xustiza. Cando nos desvencellamos da dor allea.

HENKO. A mirada de Miguel Díaz

HENKO

Miguel Díaz

Título: CARBALLO DE MAIO

Miguel Díaz, CARBALLO DE MAIO

Na ínfima, íntima forma, na que ti me convidas a ser contigo merlo, bubela, lavandeira. Nos sutís xestos dunha primavera incipiente, en medras.

A mirada miña, que sempre é inconclusa, que crece, rebe, que flutúa, que respira, que habita momentos, que me ispe. A mirada miña que estando non me leva, que buscando non atopa, que sendo non chega. Con ela falarme na imaxe, fuxindo por un momento das sombras do tempo perdido, do desencanto que me provoca a existencia.

Procuro. Cos banzos da beleza, que vagamente capturo. Capturándome a min mesmo con eles, nun intento de acollida. Nunha aperta de carballo de maio.

Procuro. Desde o último chanzo ao que me alzo. Desde o último chanzo estendo os brazos, estiro os dedos. Sinto nas xemas aire de fracaso, de baldía tentativa. De baleiro por non ser quen de tocar a beleza última, de ti compañeira. A beleza última dun amor inconmensurable. O inconsciente pronúnciate e eu non son capaz de que ti me pronuncies.

HENKO. A mirada de Miguel Díaz

HENKO

Miguel Díaz

Título: REVOLUCIÓN

Temos aínda no fondo do peto un grans de esperanza que rebolen contra todo. Semente insubmisa que latexa como mirada que porfía en abrir cancelas, en acariñar boqueiras.

Na terra, nós. Que proclamamos a valía da tristeza, como ingrediente imprescindible. Que acollemos as achegas da nostalxia. Que lucimos a lama propia nos dentes, que defendemos os sucos que nos habitan e que saltamos os valados entre a desidia e a devastación de tempos escuros que non, que aínda non son quen de derrotar a nosa revolución de margaridas.

Edición antologada de “HENKO. Nas celúlas do efémero”, de Miguel Díaz, para celebrar o Día do Libro 2023

Culturalia GZ celebra o Día do Libro 2023 coa publicación dixital da obra HENKO. Nas células do efémero, de Miguel Díaz. Nesta edición antologada aparecen recollidas vintetres propostas de literatura visual e textual, selccionadas dentro do espazo homónimo HENKO, que este autor mantén na web cultural arriba citada, e nas que destaca esa maridaxe de palabra e imaxe que ofrece a súa particular mirada.

Enlace á obra HENKO. Nas células do efémero

HENKO. A mirada de Miguel Díaz

HENKO

Miguel Díaz

Título: O FÍO

Miguel Díaz, O FÍO

O fío, que pode sempre romper. Flutuando nos territorios do medo, gaiola infame, anuladora.

E, entre o medo, o lugar desde o que miro e o lugar desde o que son mirado. Ambos construíndo (me). Conformándome no territorio das ilusións fracturadas. No que son non sendo.

As ruínas nas que me recoñezo. E nas que vexo aínda un fogar. Un fogar que me habita.

O fío, que pode sempre coser.