DEVAGAR

Feixe de ideas

en continuo movemento,

que se xuntan contigo na cavidade do universo.

Noites que falan de censuras

e de paixóns alleas,

eu fico en soidade

diante dun mundo que queima estrofas,

duns versos que esmorecen

presos no lume cegador

da inocencia…

Nas brasas do pasado vou tecendo verbas

carentes de sentido,

frases baleiras que nada din.

retallos dunha historia que rematou

sen comezar, sequera.

E, amarrei os brazos ó aire,

con milleiros de cintas de cores,

moitas apertas quedaron penduradas

do tempo baleiro,

dese tempo esvaído que se desfai

coma o fume dunha fogueira

dunha noite de San Xoán calquera.

E non queda nada, somentes unhas cinsas mouras

sen vida,

onde poida pisar cos meus pés descalzos

sen queimar sequera a pel espida.

Canto amencer disimulado!

coa fácil bágoa da risa,

cando nos meus ollos xa non tiña cabida

a esperanza…

E no máis fondo do pensamento,

nasceu esa idea : ” Endexamais venderei o meu amor

a cambio duns versos…”

Laiaba soíño, o corazón do poeta…

                                 …………………………………………………

(foto subida da rede)

VALADO

Quero ser valado forte

                           contra o que baten os desexos,

   contra o que se esnaquizan

            as envexas e as xenreiras,

                               ser muro de pedra rexa,

     para non deixar entrar

                                  odios nin penas…

    Aínda que as fendas, son fondas

e mancan…

                         Quero non sentir… que sinto,

e que non me manquen as verbas

                                      no corazón adormecido.

Sinto que na pel espida, xa non dorme o medo,

o vento do inverno levou a tristura

                                   moi lonxe,

veñen tempos novos, na outra banda do valado

           nascen as rosas..  nos campos arrasados

polo medo

onde a herba murcha ficaba,

agora medra verde, e louzá,

                         verde coma a esperanza

que aniña moi preto do corazón,

aquí… ó outro lado do valado.

 

Soño

O sono encheu os meus ollos

e durmínme, nas pólas da primavera temperán

abalada polos versos dun poema,

e durmín

saboreando a felicidade nos meus beizos,

envolta na maxia da poesía,

nese bico pendurado dunha ilusión…

e durmínme,

 e os meus ollos pechados seguen a soñar

cunha lembranza, cunha bágoa,

cunha morea de versos,

coma un manto de brétema

que coida o sono,

e se espalla polo chan da lembranza…

Intres da memoria…

Intres da memoria…

Promesas de doces

alboradas

nunhos ollos tan fondos coma o mar

bicos de ás de bolboreta

latexando nos beizos

sen parar

eu ollei para ti con agarimo

e prometinche moito amor

da promesa só quedou un bico

e na roseira, unha triste flor

pero ti tamén te esqueciches

do que un día foi ilusión

tamén deixaches atrás o que prometiches

e o vento levou lonxe

as nosas verbas de doce amor

mentres a rosa, tristeira e soíña

sécase sen vida, no xarrón

lembrando que un día nos quixemos

e abrollou en nós unha ilusión

mais pola teima daquel bico

en door se trocou… aquel amor.

DÍA DAS LETRAS GALEGAS

Ás veces, o noso pensamento emerxe dende os vales máis fondos da memoria, onde se gardan as lembranzas que nos van acompañar por sempre, e podemos decatarnos do fonda e importante que é a nosa fala. Cando lembro as cantigas de berce que con infinito amor me cantaba miña nai, cando era meniña e tiña medo á escuridade, ou cando meu pai, agarrado ó arado tamén falaba ás vacas na nosa fala… Eu crieime ouvindo esas tenras verbas no meu fogar, xentes humildes e labregas, (das que me sinto felíz de formar parte), nacidas no corazón da aldea, onde todo era moito máis sinxelo, e non había perxuizos.

Agardo e desexo con todo o meu sentimento, que non se esqueza de falar na língoa galega, que se siga espallando cada vez máis, non somentes aquí na nosa terra, se non que chegue a ser unha língoa importante e recoñecida, ainda que sexa unha utopía máis, coma tantas outras… Debemos ter esperanza, confiar en que se vendan moitos libros no noso idioma, que os galegos nos decatemos de que se nós non o facemos, naide vai pelexar por nós, seguiremos loitando por unha fala que nos representa, que dí como somos, que nos enche de morriña, que non nos priva de falar outras língoas, (creo que son perfectamente compatibles)
, pero que nos nosos pensamentos e no noso corazón, todos e cada un de nós, levamos estas verbas agarimosas que nos acompañaron ó longo da nosa nenez, por iso, loitemos porque non se perdan as nosas raízes, a nosa enxebreza, a nosa matria, e por suposto A NOSA FALA.