Feixe de ideas

en continuo movemento,

que se xuntan contigo na cavidade do universo.

Noites que falan de censuras

e de paixóns alleas,

eu fico en soidade

diante dun mundo que queima estrofas,

duns versos que esmorecen

presos no lume cegador

da inocencia…

Nas brasas do pasado vou tecendo verbas

carentes de sentido,

frases baleiras que nada din.

retallos dunha historia que rematou

sen comezar, sequera.

E, amarrei os brazos ó aire,

con milleiros de cintas de cores,

moitas apertas quedaron penduradas

do tempo baleiro,

dese tempo esvaído que se desfai

coma o fume dunha fogueira

dunha noite de San Xoán calquera.

E non queda nada, somentes unhas cinsas mouras

sen vida,

onde poida pisar cos meus pés descalzos

sen queimar sequera a pel espida.

Canto amencer disimulado!

coa fácil bágoa da risa,

cando nos meus ollos xa non tiña cabida

a esperanza…

E no máis fondo do pensamento,

nasceu esa idea : ” Endexamais venderei o meu amor

a cambio duns versos…”

Laiaba soíño, o corazón do poeta…

                                 …………………………………………………

(foto subida da rede)