“O meu corpo será semente”

Corpo espido, sen alma, así o sinto,
pendurado do máis alto dunha negra nube,
abalado polo aire que me leva,
que me arrastra sen pausa, sen clemencia,
o meu corpo baleiro de esencia, de materia,
ficará asionllado neste solpor,
xa non tén maxia, nin dozura,
tornouse transparente, coma unha pinga de auga,
onde o musgo fai fogar…
sinto abrochar as follas verdes
nas miñas mans de orballo,
e pequerrechiñas as flores, nacen unha tras outra,
na punta das miñas pálpebras durmidas,
estes ollos que ficarán pechados para o mundo e
abertos somentes para tí,
na inmensidade dos tempos esquencidos.

Corpo baleiro de soños e de risas,
arrastrado polo chan da lembranza
coma unha folla seca, murchia, sen rumbo,
coma unha bolboreta coas ás molladas pola chuvia,
pola neve,
así as miñas ás permanecerán molladas, á carón do chan
polo que tí camiñas,
na lama dos carreiros, e nos prados, cubertos de flores,
o meu corpo será semente á primavera…
para preñar de vida… as leiras da nosa terra.

 

RENACER

 …Entón, virándose pra ollar o seu pasado,
un sorriso asomou os seus beizos,
dos seus ollos nin tan sequera caeu unha bágoa,
porque entendeu que a súa liberdade
comezaba xa,
coma unha bolboreta, nacendo,
con moitas ganas de ensinarlle ó mundo as súas ás
ésas, que xamais deixaría que lle fóran cortadas…
E abrindo a ventá de par en par,
e achegándose moito á veira,
estendeu as mans ó baleiro e
comezou a voar, decatándose
que xa non podía ter retorno…
Xa non quería retornar.

(Debuxo de : Isabel Pardo Martinez) (más…)

Despedida

Deixádeme ir,
que se deteñan os meus pasos
xa pra sempre,
que se pechen os meus ollos dunha vez,
estou cansa desta loita,
os meus pés xa non queren seguir camiñando,
quero descansar o meu magoado corpo,
quero ter paz e sosego por fin,
no solpor da miña vida me atopo,
no comezo da viaxe sen retorno.
Xa me agarda o tren na estación da vida,
desta vez a viaxe será longa…
Déixovos unha morea de lembranzas,
pendurada de cada recuncho
desta casa na que vivín.
Lembrádeme cando choiva, na humidade,
nas pingas de orballo pola mañán,
na raiola de sol e na lúa chea,
porque sei, que se me lembrades,
ficarei en vós,
sempre e pra sempre…

A VIAXE DERRADEIRA

…Como poden alongarse os días
cando está a rematar a vida?
…como pode prender o lume na lareira
se apenas quedan brasas no lar?
Nada, o tempo vaise,
foxe esnaquizado e esvaído
coma brétema, coma fume…
o tempo escapa coma fera doente,
e queda prendido nos ollos de tristeira ollada…
Baleiros de esperanza e de vida,
vida longa e venturosa,
pero que xa remata…
todo ten comezo e fin,
nun devaneo dos días que xa se esgotan,
xa vén o ocaso, a noite,
esa, a máis longa, a máis fría,
a que non remata…
e no derradeiro suspiro cheo de lembranzas
virá por fin a paz e o sosego,
o descanso… a luz.

*(Lembranza dunha persoa moi querida, que partiu pra recorrer un longo camiño, tan longo que non ten retorno… sempre estarás no meu recordo, e no meu corazón, pra min non te fuches, sempre estarás aquí… Virginia Pardo Martínez)

LIBERDADE

      ..Sentada no asento deste tren en marcha, tapada cunha manta que cubría o seu maltreito corpo, a súa mente ía repasando todo o seu pasado, dende aquel día no que se unira en “sagrado matrimonio” con ese malvado ser, dende ese mesmo día a súa condena daba comenzo, esa condena a cadena perpétua, onde sufrira os abusos e maltratos máis degradantes que poida sufrir persoa algunha, sempre baixo o lema de que era propiedade privada, ela era súa,  por iso creíase no dereito de mallala cando lle petase  ¡se tivera o valor que agora tiña!  pero cando lle deu a primeira labazada e lle partiu os beizos, sentíuse moi sorprendida e moi cobarde, sorprendida porque non agardaba ese proceder e cobarde porque o medo paralizou o seu ánimo, e el aproveitou ese medo para seguir maltratando o seu corpo e a súa alma, o seu corpo con golpes e a súa alma con desprezos, verbas e aldraxes que non facían outra cousa máis que facela sentir culpable e inútil, chea de medo e por iso seguiu aguantando os seus desprezos e os seus golpes, decíalle que a ía matar, nun deses días de seguro se lle ía ir a man e acabaríase todo, total ela non valía nada… despois, cando se lle pasaba o efecto do alcohol e do mal xenio, abrazabaa e chorando pedíalle perdón,  “non volverá pasar, quérote moito, mañán estará esquecido xa verás… “pero non se esquecía, non, non podía esquecer, pois volvía unha e outra vez a pasar o mesmo conto.
Así durante tantos anos, xa perdera a conta, os seus beizos xa racharan tantas veces coma a confianza nel, estaba cansa de mentir a todos os que lle preguntaban o que lle acontecera, un día foi unha porta, outro unha caída, pero moitas máis pechábase na casa días enteiros, tragando as súas bágoas, agochando a súa dor e a súa vergoña, así non tiña que dar explicacións a ninguén; tivo ganas moitas veces de ir a denuncialo, pero o medo non lle deixaba facelo, sabía que se ía sería unha máis das vítimas mortas a mans das súas parellas, e por iso seguía aguantando os abusos.
Hoxe tivo a coraxe de fuxir, metiu cuatro pezas nunha vella maleta e algunos cartos que tiña agochados dende facía tempo e saiu pola porta, sen deixar siquera nota algunha, pra qué? cando él volvera e atopara a casa baleira, decataríase do mal que llo fixera pasar, ó mellor ata o sentiría, ó mellor…
Aquí estaba, neste tren que a levaba ó seu destino, a quen sabe onde, igual daba, con tal de que non a atopara xamais, porque se a atopaba estaba morta, xa tentaría de agocharse ben, agora que ía comenzar de novo. Coa maleta na man baixou do tren, os seus pés temerosos camiñaban pola estación, e mirando á noite, respirou, enchendo os pulmóns de aire de liberdade, esa liberdade que lle fixo rachar os bencellos do seu cativerio, agora por fín ía vivir….  (ilustración de Isabel Pardo Martínez)

Quixera facer un verso co teu nome…

QUIXERA FACER UN VERSO CO TEU NOME… Quixera facer un verso co teu nome, ese nome que fala da terra e dos montes, dos rios e das carballeiras. Ese nome que está pendurado das pólas dos salgueiros, á veira dos regatos de augas craras, que escapan mansas por entre as pedras. Quixera facer un verso co teu nome, ese nome que me lembra as raices da miña nenez, as amoras das silveiras, os carreiros cheos de xeada, ese none, que me sabe a herba recen segada, a arume de pinos verdes e xestas, ese nome, de brétema polas mañans, que nos beizos,faise melodía doce e tenra, feita por mil campaiñas, tocadas por mil fadas… Quixera facer un verso co teu nome, que sabe a sal nos meus beizos, a brisa deste mar que nos envolve, que nos enche de frescura. Quixera facer un verso co teu nome, ese nome que fala dunha terra nosa, dunha nai, sempre agarimosa chea de dozura, ese nome que se escoita no cantar das anduriñas que veñen de lonxe, ese nome que eu amo, ese nome é o teu: GALIZA. (Emilia Martinez)