Ás veces, o noso pensamento emerxe dende os vales máis fondos da memoria, onde se gardan as lembranzas que nos van acompañar por sempre, e podemos decatarnos do fonda e importante que é a nosa fala. Cando lembro as cantigas de berce que con infinito amor me cantaba miña nai, cando era meniña e tiña medo á escuridade, ou cando meu pai, agarrado ó arado tamén falaba ás vacas na nosa fala… Eu crieime ouvindo esas tenras verbas no meu fogar, xentes humildes e labregas, (das que me sinto felíz de formar parte), nacidas no corazón da aldea, onde todo era moito máis sinxelo, e non había perxuizos.
Agardo e desexo con todo o meu sentimento, que non se esqueza de falar na língoa galega, que se siga espallando cada vez máis, non somentes aquí na nosa terra, se non que chegue a ser unha língoa importante e recoñecida, ainda que sexa unha utopía máis, coma tantas outras… Debemos ter esperanza, confiar en que se vendan moitos libros no noso idioma, que os galegos nos decatemos de que se nós non o facemos, naide vai pelexar por nós, seguiremos loitando por unha fala que nos representa, que dí como somos, que nos enche de morriña, que non nos priva de falar outras língoas, (creo que son perfectamente compatibles)
, pero que nos nosos pensamentos e no noso corazón, todos e cada un de nós, levamos estas verbas agarimosas que nos acompañaron ó longo da nosa nenez, por iso, loitemos porque non se perdan as nosas raízes, a nosa enxebreza, a nosa matria, e por suposto A NOSA FALA.