por Emilia Martínez Fuentes | Sep 16, 2017 | Creación
O corvo, ave de grande intelixencia, que en moitas mitoloxías é reverenciado pero tamén temido. As lendas deste enigmático paxaro, remóntanse a séculos atrás, quedándolle esa fama de mal agoiro.
Teñen unha longa existencia, poden pasar dos corenta anos, sendo unha das aves máis lonxevas do planeta, come case de todo, pero adoita a manterse de froitas e sementes, pequenos bechos, e por suposto de carroña.
Posúe o cerebro máis grande de tódalas aves, conta a lenda, unha de tantas, que protagoniza este singular animal, que ata chega a dominar a outras especies cos seus berros, para avisalos de que hai carroña ou animais feridos.
A súa presenza está vencellada ás esceas da morte, os corvos se andan preto dos cemiterios, contan as xentes de maior idade, que iso é agoiro de enterro.Todas estas lendas promoven que a súa especie, sexa un animal de mal fario.
Nos círculos do ocultismo, cóntase que o corvo guía as almas dos mortos ó outro mundo, o que o fai animal esotérico por excelencia.
Posúen unha intelixencia inusual, estando ben entrenados chegan incluso a pronunciar verbas con bastante claridade.
Dende os tempos máis remotos, o corvo foi un poderoso símbolo en todo o mundo, pero eiquí na nosa terra moi especialmente, pois está vencellado ás meigas e ás fadas, estando presente nos aquelarres ou xuntanzas de meigas, sendo unha clara connotación do mal.
Pero deixando un pouco ó lado as lendas, non hai que esquecer que eiquí en Galiza é verdadeiramente unha praga, pois estraga os cultivos, racha as lonas dos silos, e como é un ave en perigo de extinción non se pode facer nada,¡paradoxas da vida!
(Do libro en proceso :Galiza,” lendas e outros contos”. E.M.F.)
(Debuxo de Isabel Pardo)
por Emilia Martínez Fuentes | Ago 3, 2017 | Creación
Vístome
de azúl, para confundirme co ceo,
e de brétema branca
para pasar sin que me vexan…
Quero mesturarme
coas pingas de orballo da mañán,
que o meu corpo se faga
humidade,
e preñe a terra, famenta de caricias,
e sexa semente,
da que saia unha tenra rosa.
Vístome de azúl
da cor da noite, on de te soño,
onde te agardo,
farán o meu traxe as estrelas, cosidas
coa luz da lúa,
e nos teus ollos negros, coma a noite,
tinguir de azúl, ó teu carón,
a alborada…
por Emilia Martínez Fuentes | Jul 24, 2017 | Creación
Quero fuxir
polo furado invisible
que se abre no tempo,
e que chora cos laios tristes do vento.
Quero fuxir
no cabalo negro da miña liberdade,
ir ó travesío das esferas do sono,
e darlle un novo nome ás miñas verbas
escritas en soidade…
Quero loitar contra os vellos pantasmas
da miña verdade,
reconstruír os meus pasos e o muro desfeito
que fica no tempo infinito do teu alento.
Quero comezar a vivir
entre as doces notas
dunha tenra melodía, que dan sentido
á cantiga que canto…
tristeira, dende a miña gorxa fonda.
Quero sentir de novo,
non renunciar ó que sinto,
por imposible que sexa…
e abrazar o que nun descoido debuxaches un día
entre liñas invisibles no meu corpo.
E na tenra caricia das túas mans frías,
cachiños de esquecemento
tatuados para sempre
na miña mirada… perdida.
(imaxe da rede) (versos do poemario :” rosa de outono”)
por Emilia Martínez Fuentes | Jul 14, 2017 | Creación
Esta vez,
non fixo falta a lúa
para que prendera o lume
nos nosos ollos,
foi outro o culpable, o que fixo saltar
tódalas armaduras…
Ó mellor, foi a brisa morna
do solpor,
cun poñente de sol, tinguido de sangue,
non, non soupemos evitar tentacións,
e diante dos ollos dun sol fermoso,
fóronse unindo
as nosas mans e as nosas bocas,
prendidas as verbas, de desexo…
abrollaban dos nosos ollos.
Verbas caladiñas, ó ouvido,
silencios esnaquizados,
cada vez que no ceo, se acendía o sol,
na sacudida emocional das paixóns
calaron as verbas,
e falaron desafiantes… os sentidos,
bicándote, descubrín na túa entrega
toda a paz, e a harmonía do universo.
Entre o latexo
dos nosos corazóns namorados,
presos na rede que tece o desexo,
e cubreunos, a luz fermosa da alborada
mentres sentimos medrar,
o decisivo tremor da alma da terra,
marmurios do amencer,
e un bico de amor,
díxonos a cada un de nós,
o destino que tiñamos que seguir.
Voltaremos a cruzarnos,
e en cada chisco, estará a lembranza
que nos deixou aquela noite…
Esta é a mensaxe,
que levaremos presa no corazón,
será o contrato sen firma,
que nos unirá, xa para sempre…
(Debuxo de Isabel Pardo Martínez)
por Emilia Martínez Fuentes | Jul 11, 2017 | Creación
Doce melodía
que compoñen mans lizgairas
sobre a pel espida…
canto de serea
no baleiro da nostalxia,
corazón adormecido por tenras verbas.
Bágoas de brétema
na inmensidade dos tempos,
dos que xa non quero ter lembranza…
Bicos de soños,
na soidade desta alma baldía.
Lembranzas que perduran
na fondura
dun corazón adormecido.
E seguen a compoñer
esa doce melodía
que se escribe con bicos… no baleiro