
A banda Exeria estará o vindeiro sábado 15 no Magosto Musical en Cangas, organizado pola Asociación Ruido de Fondo.
Xa ben adentrados no outono, e do mesmo xeito que as follas e as castañas caen, este sábado 15 terá lugar unha tormenta cultural no III Magosto Musical na Alameda Vella de Cangas. O cheiro das castañas asadas combínase coa boa música e as ganas de troula, podendo desfrutar tamén do mercado artesanal e as actividades infantís.
Exeria é unha banda de rock que comezou a súa andadura por 2022, formada por músicos experimentados da zona do Condado. Destilan un rock con aroma 90´s, pero non pechan a porta as variadas influencias, que poden vir do tradi, do blues ou incluso do pop máis comercial. Despois de publicar varios sinxelos e un Ep de 5 temas o ano pasado continúan presentando os seus temas (van camiño dos 20 concertos neste ano).
O 19 de setembro lanzaron Televisión, unha canción hipnótica na que o caos, o pensamento único e as técnicas de márketing agresivo entran nos nosos fogares a ritmo dun rock descarnado que non deixa prisioneiros. Cunha peza de orfebrería en forma de videoclip elaborada por Wences Lamas a altura desta obsesión.
Tras visitar gran parte da nosa comunidade, estrearse en Portugal e dar un concerto no Auditorio Reveriano Soutullo de Ponteareas, tamén destacamos a súa aparición no Sisons Festival o xunto a Billy Flamingos e De Ninghures na Sala Capitol e a pasada edición do XXXII Festival Revoltallo en Valadares (Vigo).


A banda obtivo o 2º posto no concurso de bandas Salvaxesons III, que tivo lugar no The Wild Festival, ademais de chegar á final do Rock in Rian. Foron escollidos de entre máis de 50 bandas e tamén venceron na semifinal que tivo lugar no CC Vialia. En 2023 gañaron o concurso do Trece Roeis Fest, formando parte do cartaz do seguinte ano.

Why not? é unha banda de Vigo que nos trae un indie fresquísimo e bañado por múltiples influencias de varios xéneros.
Esta xove banda estará amenizando a sesión vermú.